Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 24 de abril de 2020 Páx. 18690

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

O actual marco normativo establece a obriga da Administración de relacionarse electronicamente, o que fixo necesario regular a acreditación dixital do persoal empregado público. Con esta finalidade foi aprobada a Orde do 25 de maio de 2011, que regulou a tarxeta do persoal ao servizo do sector público autonómico de Galicia, establecendo no seu artigo 3 que a dita tarxeta estará provista dun chip criptográfico que permite o almacenamento de varios certificados, entre eles, o certificado de persoal ao servizo das administracións públicas.

Con carácter xeral, os certificados de empregado público son nominais e conteñen os datos persoais de cada empregado/a. Non obstante, existen actuacións administrativas en que legalmente está xustificado o anonimato, polo cal é necesario expedir un certificado de pseudónimo en que se obvian os datos persoais, que son substituídos por un número de identificación profesional.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, sinala que cada Administración determinará os sistemas de sinatura electrónica que debe empregar o seu persoal. Así mesmo, establece a posibilidade de que, por razón de seguridade pública, os sistemas de sinatura electrónica poidan referirse exclusivamente ao número de identificación profesional do persoal empregado público.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, no artigo 73 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas en que legalmente esté xustificado o anonimato.

Por tanto, cómpre regular o procedemento de emisión do certificado dixital de pseudónimo, sen prexuízo de habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Por todo o exposto,

RESOLVEMOS:

Primeiro. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto regular o procedemento de emisión do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público.

A dita regulación establécese sen prexuízo da habilitación previa para o emprego do certificado dixital de pseudónimo, previsto no artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Segundo. Ámbito de aplicación

Esta resolución será de aplicación para todo o persoal ao servizo da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia nos termos establecidos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Queda excluído o persoal que preste servizos nos centros docentes, sanitarios e xudiciais.

Terceiro. Uso do certificado dixital de pseudónimo

O certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, actas ou documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control da Administración pública, ou no desempeño daquelas outras funcións en que resulte necesario preservar a identidade persoal do empregado/a por concorreren circunstancias ou feitos que aconsellen adoptar desta medida.

A emisión do certificado dixital de pseudónimo responde á necesidade de garantir o axeitado desenvolvemento das ditas funcións evitando eventuais inxerencias no ámbito persoal do persoal empregado público.

Cuarto. Identificación profesional e aloxamento do certificado

No certificado dixital de pseudónimo, a información de carácter persoal do asinante será substituída por un número de identificación profesional, mantendo as debidas garantías de seguridade e confidencialidade. O número de identificación profesional deberá incluír a identificación do corpo, escala ou tipoloxía de posto de traballo, e un identificador único de empregado público que permita coñecer a súa identidade nos casos en que sexa necesario.

O dito certificado aloxarase na tarxeta de acreditación de empregado público prevista na Orde do 25 de maio de 2011, pola que se regula a tarxeta do persoal ao servizo do sector público autonómico, e será independente do certificado dixital de empregado público. Motivadamente, o órgano encargado de tramitar as solicitudes de emisión de certificados poderá solicitar o aloxamento dese certificado nunha nova tarxeta de acreditación de empregado público.

Quinto. Solicitude de emisión, modificación ou revogación

A Secretaría Xeral/secretarías xerais técnicas ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais serán as encargadas de realizar as solicitudes de emisión, modificación ou revogación dos certificados dixitais de pseudónimo, que serán remitidas para a súa tramitación á unidade competente en materia de xestión de infraestruturas administrativas.

A solicitude de emisión do certificado dixital de pseudónimo irá acompañada dos datos persoais do persoal empregado público e do resto da información necesaria para a emisión do certificado, que incluirá en todo caso o correspondente xustificante de habilitación do dito persoal para o emprego deste certificado dixital.

Nos procesos de emisión, distribución e revogación dos certificados dixitais de pseudónimo participarán as mesmas unidades que nos procesos de xestión do certificado de empregado público; a unidade competente en materia de xestión de infraestruturas administrativas e os puntos de acreditación dixital xestionados pola entidade competente en materia de modernización tecnolóxica.

Sexto. Guías e modelo de solicitude

A entidade competente en materia de modernización tecnolóxica será a encargada de elaborar as guías para a xestión destes certificados.

Na intranet da Xunta de Galicia estará dispoñible o modelo normalizado de solicitude de emisión de certificado de pseudónimo.

Sétimo. Custodia e uso do certificado dixital de pseudónimo

O persoal empregado público que dispoña de certificado dixital con pseudónimo ten a responsabilidade de custodialo e utilizalo de xeito persoal e intransferible para o fin previsto na norma, conforme as instrucións e medios facilitados, sen que en ningún caso a Xunta de Galicia responda do uso fraudulento, indebido, incorrecto ou neglixente por parte do seu titular.

O mal uso ou o uso do certificado dixital con pseudónimo por persoa distinta do seu titular dará lugar á responsabilidade disciplinaria, civil ou penal que corresponda.

O cesamento do persoal empregado público na prestación dos servizos para os cales foi emitido o certificado suporá a obriga de cesar no seu uso.

Oitavo. Titularidade dos certificados dixitais de pseudónimo

Os certificados dixitais de pseudónimo emitidos serán de titularidade exclusiva da Administración autonómica galega.

Noveno. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e
Reforma Administrativa

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia