Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 27 de abril de 2020 Páx. 18726

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 24 de abril de 2020 pola que se regula o procedemento e se aproba e se dá publicidade ao modelo de comunicación dos anticipos regulados no Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e diversas entidades financeiras para a formalización de anticipos de prestacións por desemprego con orixe en expedientes de regulación temporal de emprego consecuencia da crise económica provocada polo COVID-19 (código de procedemento TR820X).

A pandemia de COVID-19, declarada pola Organización Mundial da Saúde o pasado 11 de marzo, supuxo unha emerxencia sanitaria a nivel global con consecuencias moi serias na actividade económica e no emprego. Ante a situación de emerxencia de saúde pública e pandemia internacional, aprobouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. As limitacións impostas pola citada norma supoñen a paralización da actividade en diversos sectores, o que implicou efectos negativos xeneralizados sobre o emprego e, en particular, un incremento no número de solicitudes de expedientes de regulación de emprego.

Co obxecto de mitigar, polo menos de maneira parcial, o impacto que tal situación pode provocar na renda dispoñible dos traballadores galegos que se viron afectados por estes procedementos, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, subscribiu un Convenio de colaboración con diversas entidades financeiras para a formalización de anticipos de prestacións por desemprego con orixe en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) consecuencia da crise económica provocada polo COVID-19.

Co obxecto de dar cobertura ao procedemento de concesión dos anticipos obxecto do convenio e garantir a súa tramitación e validación de forma fiable e áxil, faise necesario articular un procedemento electrónico de comunicación, por parte das empresas, cun expediente de regulación temporal de emprego autorizado e comunicado, da información necesaria relativa ás persoas traballadoras afectadas, que opten por acollerse aos ditos anticipos.

O proxecto de orde foi obxecto de informe por parte dos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica, avaliación e reforma administrativa.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento e aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento administrativo TR820X), para a súa tramitación por medios electrónicos, sobre a comunicación da información necesaria para a tramitación dos anticipos regulados no Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e diversas entidades financeiras para a formalización de anticipos de prestacións por desemprego con orixe en expedientes de regulación temporal de emprego consecuencia da crise económica provocada polo COVID-19.

Poderán realizar esta comunicación todas aquelas empresas cun expediente de regulación temporal de emprego presentado como consecuencia da crise económica provocada polo COVID-19 e debidamente autorizado e comunicado pola autoridade laboral da Xunta de Galicia, en favor das persoas traballadoras afectadas polo dito expediente que queiran formalizar un anticipo en virtude do disposto no citado convenio de colaboración.

Artigo 2. Forma e prazo de presentación

1. A comunicación da información necesaria para a tramitación dos anticipos regulados no convenio de colaboración realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no cal se inclúen as seguintes declaracións responsables por parte da empresa que comunica:

a) Que presentou un expediente de regulación temporal de emprego como consecuencia da crise económica provocada polo COVID-19, aprobado e comunicado ao SEPE pola autoridade laboral da Xunta de Galicia.

b) Que a/s persoa/s traballadora/s solicitante/s de anticipo das cales comunica información están incluídas no citado expediente.

c) Que os datos comunicados son un fiel reflexo dos facilitados no formulario de solicitude colectiva da empresa que xa foi remitido ao Servizo Público de Emprego Estatal de acordo co procedemento establecido.

d) Que se compromete a non modificar a comunicación da conta de domiciliación da/s persoa/s traballadora/s solicitante/s.

e) Que, previamente á comunicación, se informaron a/as persoa/s traballadora/s solicitante/s sobre a comunicación dos seus datos persoais á Consellería de Economía, Emprego e Industria co fin de poder xestionar o anticipo das súas prestacións por desemprego.

f) Que a comunicación é conforme co exixido polo Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

2. Se algunha das empresas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación da comunicación estenderase desde o mesmo día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de outubro de 2020.

Artigo 3. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Documento acreditativo da personalidade da persoa comunicante, consistente no NIF no caso de persoas xurídicas e DNI ou NIE no caso de traballadores/as autónomos/as con persoas traballadoras contratadas.

– DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 4. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicáranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse polos medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de formularios

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file