Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 29 de abril de 2020 Páx. 18876

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2020 relativa ao prazo previsto no artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) do 25 de abril.

A xestión da biomasa é a principal medida preventiva que se aplica no territorio galego para actuar sobre a carga de combustible vexetal modificándoa ou removéndoa total ou parcialmente na procura de romper a continuidade horizontal e vertical da biomasa presente nos montes e terreos forestais e, en xeral en todo o solo clasificado como rústico; esa actuación, ademais, permite que, se se producen incendios forestais, non se propaguen de forma incontrolada.

Segundo o sinalado no número 1 do artigo 22 de la Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, as persoas que resulten responsables conforme o artigo 21 ter procederán á xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluíndo, se for o caso, a retirada de especies arbóreas, antes de que finalice o mes de maio de cada ano.

Na actual situación de vixencia en todo o territorio nacional do estado de alarma, declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, as limitacións existentes en materia de desprazamento e circulación das persoas, unido ao carácter esencial dos servizos de prevención e extinción de incendios, e a configuración legal da xestión da biomasa nas faixas secundarias como unha obriga ex lege, aconsella aclarar aos particulares o prazo con que contan para cumprir coa sinalada obriga, así como adaptar o prazo en cuestión ás extraordinarias circunstancias existentes, coa finalidade última, en todo caso, de facilitar ao cidadán o cumprimento desta obriga e conseguir con isto a maior prevención posible en materia de incendios.

Tomando, pois, en consideración o anterior e, en particular, o Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) do 25 de abril,

RESOLVO:

1. Aclarar a continuidade da obriga de execución da xestión da biomasa prevista no artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ao constituíren actuacións que forman parte da prevención e loita contra os incendios forestais como servizo esencial, indispensables para a protección do interese xeral e para o funcionamento básico dos servizos esenciais.

2. O prazo para a realización das actividades previstas no número anterior extenderase ata o 31 de maio de 2020, adicionando ao devandito prazo, en atención ás especiais circunstancias concorrentes derivadas do actual estado de alarma, os días transcorridos durante o estado de alarma ata a data en que se publique a presente resolución, polo que o prazo de realización das devanditas actividades se estenderá ata o 16 de xullo de 2020 inclusive.

3. As persoas que se despracen para a realización de actividades de xestión da biomasa deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras en que van levar a cabo as ditas actividades, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral; ademais, deberán levar consigo os apeiros, utensilios ou ferramentas necesarios para desenvolver as actividades de xestión da biomasa ou, de non levalos consigo, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na parcela ou lugar determinado.

Todo o cal sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte da Administración para verificar o contido da dita declaración responsable, de conformidade co disposto no artigo 69.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Para o efecto da realización das actividades de execución da xestión da biomasa a que se refire esta disposición, e a fin de reducir ao imprescindible a mobilidade das persoas, recoméndase, nos casos en que así estea previsto no Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, o seu desenvolvemento a través da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga).

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural