Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 29 de abril de 2020 Páx. 18895

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2020 relativa ás queimas de restos agrícolas amoreados por motivos fitosanitarios en explotacións agrícolas profesionais, en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) do 25 de abril.

A Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, no seu punto décimo quinto establece o seguinte:

«Suspéndese a realización de queimas nos terreos rústicos e quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas.

Igualmente, suspéndese a solicitude de novas autorizacións, así como a posibilidade de realización de novas comunicacións para queimas nos terreos rústicos».

Porén, o tempo transcorrido xa desde a declaración do estado de alarma e a suspensión das queimas nos termos sinalados poderían dar lugar, de prorrogarse no tempo, a que, ao non poder realizarse queimas de restos agrícolas amoreados nos períodos en que se realizan habitualmente, poida incrementarse o risco de que se orixinen danos por problemas fitosanitarios nas explotacións agrícolas, que poderían agravar aínda máis as posibles afeccións económicas da actual situación creada pola pandemia do COVID-19.

En Galicia, o uso do lume nos terreos agrícolas, terreos forestais e zonas de influencia forestal vén regulado polo establecido no título V, Uso do lume (artigos 33 a 39), da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Nese sentido, o artigo 34 regula o uso do lume a través de comunicacións e autorizacións de queimas de restos agrícolas e forestais, e o artigo 36 regula outros usos do lume.

Así mesmo, o artigo 36, número 1, da Lei 3/2007, do 9 de abril, prohibe, nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, na época de perigo alto, queimar matogueiras cortadas e amontoadas e calquera tipo de sobrantes de explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible. E o número 2 do mesmo precepto establece que nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moi alto e extremo, se manterán as restricións referidas no punto anterior.

Non obstante, a queima de restos de explotación debida a exixencias fitosanitarias de carácter obrigatorio e así veña determinado polas autoridades competentes queda exceptuada desa prohibición, como recolle o artigo 36 no seu número 6, e condiciónase a realización desa queima á presenza dunha unidade dalgún equipo de bombeiros das entidades locais ou dun equipo autorizado pola Xunta de Galicia.

Tomando pois en consideración o anterior e, en particular, o Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) do 25 de abril,

RESOLVO:

1. Poderán solicitarse autorizacións excepcionais por razóns fitosanitarias para a queima de restos agrícolas amoreados en explotacións profesionais agrícolas mentres dure a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

2. As solicitudes remitiranse por correo electrónico aos servizos de prevención de incendios forestais das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural da provincia que corresponda, incluíndo unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade de realización da queima. Na solicitude indicarase o concello, a parroquia, o lugar e a indicación do número de polígono e o número de parcela que aparecen no Sixpac da parcela en que se realizará a queima solicitada, así como as datas en que se pretende realizala. Na solicitude indicarase tamén o número de inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), así como o número de persoas que comporán o equipo de queima, que será como mínimo de dúas persoas.

3. A queima de restos agrícolas amoreados solicitada poderá levarse a cabo unha vez recibida a correspondente autorización por correo electrónico e segundo os datos recollidos nela.

4. A autorización incluirá o nome da persoa titular da explotación, o número de inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e os datos que permitan localizar a parcela en que se realizará a queima (concello, parroquia, lugar e indicación do número de polígono e número de parcela que aparecen no Sixpac da parcela). A autorización recollerá tamén as condicións e as datas en que se poderá realizar a queima.

5. Esta autorización excepcional por razóns fitosanitarias será emitida polo xefe do Servizo Provincial de Prevención de Incendios Forestais.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural