Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 6 de maio de 2020 Páx. 19155

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2020, conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se modifica a Resolución do 26 de febreiro de 2020 pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2019/20, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2020/21.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública que foron seguidas da declaración, o 13 de marzo, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Entre as medidas preventivas adoptadas no mencionado acordo do 12 de marzo, respecto do ensino non universitario, establécese a suspensión das actividades académicas.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e a súa aplicación, de conformidade co previsto na lexislación, significou, entre outras moitas medidas, o confinamento da poboación e a suspensión das clases presenciais en todas as etapas do sistema educativo de España.

A Orde PCM/362/2020, do 22 de abril, pola que se modifica a Orde PCM/139/2020, do 17 de febreiro, pola que se determinan as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, e as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas no curso 2019/20, no seu artigo único, modifica os artigos 6, 8 e 9 da Orde PCM/139/2020, do 17 de febreiro, para plasmar o acordado entre os ministerios de Educación e Formación Profesional e de Universidades, a través dos seus órganos de coordinación coas administracións educativas competentes das comunidades autónomas, sobre a necesidade de adaptar as probas desde o principio de equidade no acceso á universidade para todo o alumnado, con independencia das circunstancias no acceso á ensinanza e á aprendizaxe no último trimestre de curso, considerando que no se puider desenvolver adecuadamente unha parte do currículo da materia.

Respecto á adaptación das datas de realización das probas, na convocatoria ordinaria posponse a data da súa realización e establécese a data mínima e máxima de realización daquelas, e na convocatoria extraordinaria establécese que a data límite de finalización das probas será no mes de setembro.

Tendo en conta este marco normativo, é preciso dar novas instrucións que permitan concretar para o ámbito de Galicia a realización material, dentro do curso académico 2019/20, da avaliación de bacharelato para o acceso a universidade (ABAU) no curso 2020/21.

De conformidade co exposto, o secretario xeral de Universidades e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

RESOLVEMOS:

Instrución única. Modificación da Resolución conxunta do 26 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2019/20, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2020/21

A instrución terceira queda modificada nos seguintes termos:

Terceira. Características e deseño das probas

1. As características e o deseño das probas corresponderanse co establecido na Orde PCM/362/2020, do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, do 22 de abril, pola que se modifica a Orde PCM/139/2020, do 17 de febreiro, pola que se determinan as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, e as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas no curso 2019/20.

4. No referente á lonxitude das probas, ás probas, á tipoloxía de preguntas e ao seu contido terase en conta o disposto nos artigos 7, da Orde PCM/139/2020, do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, do 17 de febreiro; 6 e 8 da Orde PCM/362/2020, do 22 de abril, pola que se modifica a Orde PCM/139/2020, do 17 de febreiro, así como o establecido no artigo 12 da Orde do 24 do marzo de 2011.

b) Realizarase unha proba por cada unha das materias obxecto de avaliación.

c) O exercicio de cada materia será único e determinado por sorteo público pola CiUG a partir de, cando menos, catro propostas presentadas por cada director ou directora do grupo de traballo da materia correspondente. Non haberá anulación da proba como primeira resolución, senón suspensión e/ou aprazamento dun determinado exercicio, sempre que se dea o caso.

e) En cada proba, o alumnado disporá dunha única proposta de exame con varias preguntas.

Na elaboración da proba terase en conta que o número de preguntas que deba desenvolver o alumno ou alumna se adapte ao tempo máximo de realización da proba, incluíndo o tempo de lectura desta.

O alumno ou alumna terá que responder, á súa elección, a un número de preguntas determinado previamente. O citado número de preguntas fixarase de forma que permita a todos os alumnos alcanzar a máxima puntuación na proba, con independencia das circunstancias en que este puider ter acceso ao ensino e á aprendizaxe durante a suspensión da actividade lectiva presencial. Para realizar o número máximo de preguntas fixado, todas as preguntas deberán ser susceptibles de seren elixidas.

k) En cada unha das probas procurarase considerar polo menos un elemento curricular de cada un dos bloques de contido, ou agrupacións destes, que figuran na matriz de especificacións da materia correspondente. Polo menos o 70 % da cualificación de cada proba deberase obter avaliando estándares de aprendizaxe seleccionados entre os definidos na matriz de especificacións da materia correspondente, que figura no anexo I da Orde PCM/139/2020, do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, do 17 de febreiro. Na materia de Lingua Galega e Literatura II, o 70 % da cualificación da proba deberase obter avaliando estándares de aprendizaxe seleccionados entre os definidos na matriz de especificacións que figura no anexo desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

José Alberto Díez de Castro

Secretario xeral de Universidades

Manuel Corredoira López

Director xeral de Educación, Formación

Profesional e Innovación Educativa