Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 6 de maio de 2020 Páx. 19153

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 71/2020, do 17 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Salceda de Caselas do treito comprendido entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 0+350 da vía provincial EP-2505 Salceda-Caldelas.

A teor do disposto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 9 de marzo de 2018, o Concello de Salceda de Caselas e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio para levar a cabo o proxecto de obra de actuación de mobilidade sustentable na EP-2505 ao seu paso polo núcleo urbano de Salceda de Caselas. A cláusula 6ª deste convenio recolle que o concello deberá solicitar a transferencia do treito da vía EP-2505 Salceda-Caldelas comprendido entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 0+350, de conformidade co establecido na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. O dito treito non reúne as características propias dunha estrada provincial, xa que ten características de utilidade asimilables á rede viaria municipal. A transferencia de titularidade ao concello, garantirá un mellor mantemento desta ao levar un control mais directo sobre ela, o que evitará posibles ocupacións indebidas do dominio público.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de abril de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Salceda de Caselas do treito comprendido entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 0+350 da vía provincial EP-2505 Salceda-Caldelas.

Artigo 2

En aplicación dos apartados 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Salceda de Caselas deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Salceda de Caselas a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade