Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 8 de maio de 2020 Páx. 19257

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Trioza erytreae Del Guercio ou psílido africano dos cítricos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes:

O psílido africano dos cítricos, Trioza erytreae Del Guercio, orixinario de África e amplamente distribuído nese continente, foi detectado en Europa inicialmente nos territorios insulares das Azores, Madeira e Canarias. En prospeccións oficiais realizadas durante o ano 2014 detectouse a presenza deste organismo nocivo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia en varios concellos das provincias da Coruña e Pontevedra.

A Trioza erytreae Del Guercio é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization) e a enfermidade que transmite, chamada huanglongbing (HLB), causada pola bacteria Candidatus Liberibacter africanus, está encadrada na lista A1 (EPPO, 2014), polo que ambos son parasitos de corentena sometidos a regulación e, por tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

Este organismo nocivo tamén foi incluído no anexo I do Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, polo que se adoptan medidas de protección contra a introdución e a difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación ou tránsito cara a terceiros países, mediante a Orde AAA/1703/2014, do 18 de setembro, pola que se modifican os anexos I, II, III, IV e V do Real decreto 58/2005.

A través da Resolución do 10 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, publicada no DOG núm. 36, do 23 de febreiro, foi declarada a presenza desta praga de corentena e foron establecidas as medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia. Posteriormente, as resolucións do 1 de xullo de 2015 (DOG núm. 135, do 20 de xullo), do 11 de febreiro de 2016 (DOG núm. 44, do 4 de marzo) e do 1 de xuño de 2017 (DOG núm. 119, do 23 de xuño) foron ampliando sucesivamente estas zonas demarcadas.

Durante as prospeccións oficiais realizadas durante os anos 2017, 2018 e 2019 producíronse novas deteccións deste organismo noutras zonas do territorio e, por tanto, en aplicación do establecido no punto 4 da Resolución do 1 de xullo de 2015, deberá ser publicada a nova extensión destas zonas demarcadas.

Como consecuencia da evolución dos coñecementos científicos e técnicos, así como as avaliacións de riscos de pragas levadas a cabo, recentemente publicadas pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), modificáronse os requisitos establecidos na Directiva 2000/29/CE do Consello, do 8 de maio de 2000, a través da Directiva de execución (UE) 2017/1279 da Comisión do 14 de xullo, pola que se modifican os anexos I a V da Directiva 2000/29/CE do Consello, relativa ás medidas de protección contra a introdución na Comunidade de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais e contra a súa propagación no interior da Comunidade (Directiva que foi incorporada ao noso ordenamento xurídico mediante a Orde APM/1211/2017, do 4 de decembro, pola que se modifican os anexos I, II, III, IV e V do Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, polo que se adoptan medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito cara a países terceiros). Así, mediante a modificación do seu anexo IV, permítese establecer o concepto de zona libre de Trioza erytreae e, ademais, permítese o movemento de vexetais de especies sensibles procedentes de viveiros con protección física, sempre que recibisen inspección previa no viveiro e que nos douscentos metros ao redor del non se detectase a presenza da praga.

Por outra banda, cómpre adaptarse ás modificacións introducidas no anexo VIII do Regulamento de execución (UE) 2019/2072 da Comisión, do 28 de novembro de 2019, polo que se establecen condicións uniformes para a execución do Regulamento (UE) 2016/2031 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ás medidas de protección contra as pragas dos vexetais, se derroga o Regulamento (CE) 690/2008 da Comisión e se modifica o Regulamento de execución (UE) 2018/2019 da Comisión, no cal se determinan os requirimentos especiais para o traslado de vexetais de Citrus L., Choisya Kunth, Fortunella Swingle, Poncirus Raf., e os seus híbridos, e Casimiroa La Llave, Clausena Burm f., Murraya J. Koenig ex L., Vepris Comm., Zanthoxylum L., excepto os froitos e as sementes, dentro da Unión.

Asi mesmo, o Real decreto 491/2020, do 21 de abril, polo que se modifica o Real decreto 23/2016, do 22 de xaneiro, polo que se establece o programa nacional de control e erradicación de Trioza erytreae, e o programa nacional de prevención de Diaphorina citri y Candidatus Liberibacter spp. implementan cambios para permitir a circulación de vexetais de especies sensibles, sempre que cumpran as condicións da nova normativa da Unión Europea, incluíndo as recomendacións efectuadas no marco da Auditoría da Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea (DG SANTE) sobre Trioza erytreae e citrus greening (17 ao 27 de setembro de 2019).

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Establecer como zonas demarcadas pola existencia da praga denominada Trioza erytreae Del Guercio, psílido africano dos cítricos, na Comunidade Autónoma de Galicia as que se indican no anexo I desta resolución. A listaxe actualizada de parroquias e concellos afectados dentro desas zonas demarcadas poderá consultarse na páxina web oficial.

2. Con todo, e mentres non se detecte HLB nin Diaphorina citri en España, no caso de viveiros, centros de xardinaría ou calquera establecemento comercial, esta circulación nas zonas demarcadas poderá permitirse nalgunha das seguintes circunstancias:

a) Que os vexetais de especies sensibles procedan dunha zona libre de Trioza erytreae e fosen colocados nun sitio con protección física completa contra a introdución de Trioza erytreae.

b) Que os vexetais de especies sensibles fosen cultivados nunha parcela de produción rexistrada e supervisada polas autoridades competentes do Estado membro de orixe, e onde os vexetais fosen colocados nun sitio con protección física completa contra a introdución de Trioza erytreae, e na cal, durante un período de polo menos un ano antes do traslado, fosen realizadas dúas inspeccións oficiais ao seu debido tempo sen que se observasen signos de Trioza erytreae no devandito sitio nin nunha zona circundante dun raio mínimo de 200 m.

3. A circulación destes vexetais, incluída a venda en mercados locais e feiras, deberá realizarse de maneira que o transporte se leve a cabo en recipientes ou envases pechados, para garantir que a infestación co organismo especificado non pode ocorrer.

4. O traslado de vexetais e produtos vexetais de especies sensibles procedentes dunha zona demarcada, ou dentro dela, acompañarase sempre dun pasaporte fitosanitario, preparado e expedido de conformidade co Regulamento (UE) 2016/2031 do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de outubro de 2016, relativo ás medidas de protección contra as pragas dos vexetais, polo que se modifican os regulamentos (UE) 228/2013, Regulamento (UE) 652/2014 e o Regulamento (UE) 1143/2014 do Parlamento Europeo e do Consello e se derrogan as directivas 69/464/CEE, 74/647/CEE, 93/85/CEE, 98/57/CE, 2000/29/CE, 2006/91/CE e 2007/33/CE do Consello e o Regulamento de execución (UE) 2017/2313 da Comisión, do 13 de decembro de 2017, polo que se establecen as especificacións do formato do pasaporte fitosanitario para os traslados no territorio da Unión e do pasaporte fitosanitario para á introdución e os traslados nunha zona protexida.

5. Na comercialización, estes vexetais irán acompañados dun folleto explicativo sobre os riscos da praga e sobre as restricións ao movemento das plantas, cuxo contido mínimo será o indicado no anexo III da presente resolución.

6. Os viveiros, centros de xardinaría, ou calquera establecemento comercial manterán, polo menos durante tres anos, o rexistro dos vexetais recibidos, dos vexetais de especies sensibles vendidos e dos destinatarios desas vendas, que no caso de operadores profesionais viran definidos polos seus datos ROPVEG e, no caso de non profesionais, pola data da venda, nome, parroquia e concello de plantación. Así mesmo, deberan cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento (UE) 2016/2031 do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de outubro de 2016, relativo ás medidas de protección contra as pragas dos vexetais relativos a operadores de produtos vexetais.

7. No anexo II establécense os requisitos técnicos para a produción e comercialización de cítricos e outras rutáceas en locais libres de Trioza erytreae dentro das zonas demarcadas indicada no punto 1 desta resolución.

8. Antes de que circulen os lotes dos vexetais de especies sensibles serán sometidos aos correspondentes tratamentos fitosanitarios contra os vectores de HLB (Trioza erytreae e Diaphorina citri).

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO I

Mapa das zonas demarcadas de Trioza erytreae Del Guercio

missing image file

ANEXO II

Requisitos técnicos para a comercialización de cítricos en locais libres
de Trioza erytrae en zonas demarcadas

– Introdución:

1. Este documento técnico ten por obxecto establecer as medidas de obrigado cumprimento para os operadores profesionais que comercialicen vexetais destinados a plantación das especies sensibles aos organismos vectores Trioza erytreae e Diaphorina citri e das especies sensibles de HLB definidas no Real decreto 491/2020, do 21 de abril, polo que se modifica o Real decreto 23/2016, do 22 de xaneiro, polo que se establece o programa nacional de control e erradicación de Trioza erytreae, e o programa nacional de prevención de Diaphorina citri e Candidatus Liberibacter spp.(BOE núm 112, do 22 de abril).

2. Ademais, este documento ten o obxecto de regular os requisitos específicos que deberán cumprir os lugares de almacenamento ou comercialización de vexetais recollidos no número anterior, sen prexuízo de que poida haber outras pragas cos seus propios requirimentos normativos.

3. Os operadores profesionais serán os responsables legais para a aplicación do recollido neste documento. Un local de comercialización libre poderá estar constituído por unha ou máis unidades (invernadoiros, umbráculos ou outras infraestruturas), pero sempre de titularidade do mesmo operador profesional.

4. Todo o disposto neste documento técnico enténdese sen prexuízo do cumprimento doutras disposicións previstas na normativa de sanidade vexetal para os vexetais destinados a plantación e, en particular, as establecidas na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, no Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, polo que se adoptan medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito cara a países terceiros, e no Regulamento 2016/2031 do Parlamento europeo e do Consello do 26 de outubro de 2016 relativo ás medidas de protección contra as pragas dos vexetais. Serán, asimesmo, de aplicación, de ser o caso, os actos lexislativos relativos á:

• Directiva de Execución 2014/96/UE da Comisión, do 15 de outubro de 2014, que establece os requisitos de etiquetaxe aplicables aos materiais de multiplicación de froiteiras e de chantóns de froiteira destinados á produción frutícola e Directiva de Execución (UE) 2019/1813 da Comisión, do 29 de outubro de 2019, pola que se modifica a Directiva de execución 2014/96/UE, relativa aos requisitos de etiquetaxe, precintaxe e embalaxe aplicables aos materiais de multiplicación de froiteiras e de chantóns de froiteira destinados á produción frutícola incluídos no ámbito de aplicación da Directiva 2008/90/CE do Consello.

• Directiva 177/2020 pola que se modifican as directivas de comercialización de materiais vexetais de reprodución e, por tanto, o Real decreto 428/2020, do 3 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 929/1995, do 9 de xuño, polo que se aproba o Regulamento técnico de control e certificación de plantas de viveiro de froiteiras, no que respecta á cor da etiqueta de materiais de multiplicación e chantóns de froiteiras e ao contido do documento do provedor.

5. O presente documento establece as medidas específicas de obrigado cumprimento para os operadores profesionais e as medidas estruturais para as instalacións e locais de comercialización de que son titulares.

– Medidas específicas para os operadores profesionais:

1. Os operadores profesionais deberán realizar unha tarefa de vixilancia e control ante posibles aparicións de pragas nos lugares de comercialización de que son titulares. En caso de aparición deles, notificarase á autoridade competente e procederase á súa inmediata erradicación e posterior desinfección.

2. Os operadores profesionais deberán ter implantado nos seus lugares de comercialización un procedemento operativo normalizado en forma de plans de xestión do risco de pragas tal e como se establece no artigo 91 do Regulamento 2016/2031, que os axudará a identificar e controlar os puntos críticos dos seus procesos de produción e traslado de vexetais co obxectivo de atenuar os riscos de pragas. Os plans de xestión do risco de pragas deberán incluír o conxunto de medidas tomadas polo operador profesional para garantir a ausencia de pragas nos vexetais que produce ou traslada. O contido mínimo deste plan vén especificado no antedito Regulamento 2016/2031. A autoridade competente deberá aprobar os devanditos plans se cumpren todas as condicións anteriores.

3. Como condición previa á aprobación do local de comercialización, o titular da instalación deberá presentar unha memoria descritiva onde se deberá incluír, como mínimo:

• Descrición do local, número de unidades de comercialización e área de cada unidade.

• Mapa de localización.

• Descrición das infraestruturas dos locais de manipulación das plantas.

• Indicación da actividade e do sistema de comercialización.

• Caracterización da franxa de 200 m arredor do local ou das unidades de comercialización.

5. Para o control do risco de entrada de insectos e para efectos da correcta vixilancia e monitorización das instalacións, deberanse colocar trampas cromotrópicas amarelas adhesivas na antecámara, no interior do local de comercialización e na área circundante de 200 m en cantidade suficiente, dependendo do risco identificado, substituídas cada 2 ou 3 semanas, facendo entrega no servizo oficial máis próximo en caso de dúbida.

6. Identicamente, e para a correcta hixienización das instalacións, deberase manter limpa de vexetación unha faixa de 1 m ao redor das infraestruturas e deberase dispoñer dun protocolo de hixiene mediante produtos autorizados que comprenda tanto as infraestruturas como os materiais de produción e ferramentas.

7. Deberanse ter convenientemente actualizados:

• Os rexistros e o calendario de tratamentos fitosanitarios e produtos aplicados no correspondente caderno de tratamentos fitosanitarios segundo o Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios (BOE núm 223, do 15 de setembro).

• Os rexistros das inspeccións do material á chegada e no almacenamento antes da comercialización.

• Os rexistros das observacións das trampas e datas de substitución no interior e no exterior do local de comercialización.

• Os rexistros da orixe do material vexetal adquirido e do material comercializado para efectos de rastrexabilidade (códigos de rastrexabilidade, números de serie das etiquetas, se for o caso, facturas etc.).

8. En canto á expedición/comercialización do material vexetal:

• Os vexetais non poden ser expostos para venda fóra das infraestruturas aprobadas.

• Na súa comercialización deberán presentarse en recipientes ou embalaxes pechadas ou totalmente envoltas en filme plástico ou outro material que impida o contacto directo co exterior e a súa infestación accidental e acompañados dun folleto explicativo aprobado polos servizos oficiais.

• En caso de material vexetal en tránsito e durante o transporte, este deberá ser realizado en colector pechado ata ao seu destino final.

– Medidas estruturais das instalacións e locais de comercialización:

1. Os lugares ou sitios de comercialización deberán estar completamente protexidos contra a introdución de insectos vectores, situados contra os ventos dominantes ou con proteccións naturais (especies vexetais que non sexan de especies sensibles aos organismos vectores obxecto do presente documento ou de especies invasoras) ou artificiais.

2. Deberán contar, ademais, cos seguintes elementos e características:

a) Todas as entradas aos lugares ou sitios de comercialización deberán dispoñer de sistema de dobre porta (incluída a porta interior) e con largura suficiente para que se permita a entrada da maquinaría necesaria para operar no interior das instalacións. No caso de que existan portas adicionais sen dobres portas, estas deberán estar condenadas de maneira que non poidan ser practicables.

b) Ao redor do lugar ou sitio de comercialización, habilitarase un bordo exterior perimetral, de, polo menos, un metro de largo e cuberto con material impermeable que se deberá manter limpo de malas herbas.

c) Para conseguir unha protección completa contra a introdución de insectos vectores, deberase instalar unha rede ou malla antiinsectos ou antitrips nas bandas e cumieiras dos lugares ou sitios de comercialización dunha densidade mínima suficiente para evitar a entrada de insectos vectores (malla de 0,87 mm por 0,30 mm). As aperturas de ventilación lateral e cenital tamén estarán cubertas con ese tipo de mallas.

d) Os canos abertos para a auga que saen ao exterior deberán estar illados e dispoñer dun sistema de non retorno.

e) Os lugares ou sitios de comercialización non poderán ter ningún tipo de folgura nos solapamentos de plástico das cubertas ou na unión destas coas ventás.

ANEXO III

Contido mínimo do folleto explicativo sobre os riscos da praga
e as restriccións ao movemento das plantas

(Este folleto deberá acompañar todas as especies de cítricos e rutáceas sensibles ao psílido africano dos cítricos que se comercialicen en locais de comercialización aprobados)

Adquisición de vexetais sensibles ao psílido africano dos cítricos (Trioza erytreae) en zonas demarcadas (*).

Información

• Estas plantas están protexidas por unha envoltura pechada para evitar ser infestadas polo psílido africano dos cítricos, insecto vector da enfermidade coñecida como huanglongbing (HLB), de momento non detectado en Europa pero que destrúe moitas árbores de cítricos nos países afectados. Manteña as plantas protexidas por esta envoltura ata a súa plantación no seu sitio definitivo.

• Estas plantas non poden ser revendidas nin destinadas novamente á súa comercialización.

• Ao comprar esta planta comprométese:

1. A facilitar ao vendedor os seus datos e lugar de plantación.

2. A non mover esta planta, agás os seus froitos, fóra das sonas demarcadas establecidas en Galicia.

3. No caso de detectar a presencia de Trioza logo da plantación, realización de tratamentos fitosanitarios regulares e autorizados contra o insecto, á poda dos gromos afectados e posterior eliminación enterrándoos ou queimándoos.

missing image file

(Folla con adultos e ninfas do psílido africano dos cítricos)

AGRADECEMOS A SÚA COLABORACIÓN
AXÚDENOS A EVITAR A DISPERSIÓN DA PRAGA

(*) Pode consultar máis información relativa ás zonas demarcadas, medidas de erradicación e tratamentos fitosanitarios na web:

https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/agricultura/santidade-vexetal/organismos-nocivos-de-corentena