Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 8 de maio de 2020 Páx. 19267

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2020 relativa ás queimas de restos agrícolas nos terreos rústicos, en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) do 5 de maio de 2020.

A Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, no seu punto décimo quinto establece o seguinte:

«Suspéndese a realización de queimas nos terreos rústicos e quedan sen efecto as au-torizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas.

Igualmente, suspéndese a solicitude de novas autorizacións, así como a posibilidade de realización de novas comunicacións para queimas nos terreos rústicos».

En Galicia, o uso do lume nos terreos agrícolas, terreos forestais e zonas de influencia forestal vén regulado polo establecido no título V Uso do lume (artigos 33 a 39) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. No seu artigo 34 regúlase o uso do lume a través de comunicacións e autorizacións de queimas de restos agrícolas e forestais e no seu artigo 36 regúlanse outros usos do lume.

Así, na alínea b) do número 1 do artigo 36 da Lei 3/2007, do 9 de abril, prohíbese, nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, na época de perigo alto, queimar matogueiras cortadas e amontoadas e calquera tipo de sobrantes de explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible. No número 2 do artigo 36 establécese que nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moi alto e extremo, se manterán as restricións referidas no número anterior.

Ademais, a Lei 3/2007, do 9 de abril, no artigo 36, número 6, recoñece a excepcionalidade por motivos fitosanitarios cando así o determine a autoridade competente.

A actual situación de alarma obrigou a establecer limitación ás queimas reguladas na Lei 3/2007, do 9 de abril, debido aos riscos que as actividades de queima podían supoñer en canto á súa incidencia sobre a eficacia das medidas sanitarias de prevención de contaxios pola pandemia do COVID-19, polos desprazamentos que poden levar a cabo os cidadáns se perciben que existe un incremento do risco ao aproximarse o lume ás súas vivendas.

Sen prexuízo do anterior, con data do 25 de abril de 2020 o Centro de Coordinación Operativa acordou que poderían solicitarse autorizacións excepcionais por razóns fitosanitarias para a queima de restos agrícolas amoreados nas explotacións profesionais agrícolas mentres dure a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, coas condicións establecidas no propio acordo, e publicadas pola Consellería do Medio Rural por Resolución do 28 de abril de 2020 relativa ás queimas de restos agrícolas amoreados por motivos fitosanitarios en explotacións agrícolas profesionais (DOG núm. 82, do 29 de abril).

Non obstante, a propia extensión da duración temporal do estado da alarma, os datos de evolución positiva da emerxencia sanitaria, as últimas medidas adoptadas polo Goberno central, así como a incorporación de persoal de reforzo para actuacións de prevención e extinción de incendios por un período de 6 meses, a partir do vindeiro 11 de maio, xunto coa próxima incorporación ao servizo activo dos axentes forestais e persoal técnico de distritos, permiten retomar xa as actuacións de queimas en terreos rústicos.

Tomando, pois, en consideración o anterior e, en particular o Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) do 5 de maio de 2020,

RESOLVO:

Levantar a suspensión da realización de queimas nos terreos rústicos, suxeitas á obtención de autorización previa ou a comunicación, segundo corresponda a partir do vindeiro 11 de maio de 2020.

Para iniciar, a tramitación e en canto non estean abertas ao publico as oficinas dos distritos ou servizos de prevención de defensa de incendios, os interesados poderán utilizar dúas vías: ou ben chamando ao teléfono 012 ou a vía telemática desde o enderezo web: https://queimasweb.xunta.gal.

Respecto daquelas autorizacións xa notificadas e das comunicacións xa efectuadas que foron deixadas sen efecto por acordo deste Centro de Coordinación Operativa do 13 de marzo de 2020, cómpre que os interesados soliciten nova autorización ou realicen nova comunicación de conformidade coa normativa aplicable.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural