Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 8 de maio de 2020 Páx. 19273

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2020 pola que se insta a continuidade dos prazos de execución dos proxectos subvencionados e dos prazos de xustificación e pagamento das subvencións concedidas, establecidos na Resolución do 10 de abril de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES) (Diario Oficial de Galicia número 74, do 16 de abril).

Mediante a publicación no DOG núm. 74, do 16 de abril de 2019, da Resolución do 10 de abril de 2019, o Inega aprobou a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondente ao Programa MOVES.

Durante a tramitación do procedemento de concesión destas axudas entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-bis, do 12 de marzo). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

O Consello da Xunta de Galicia acordou, o 24 de abril de 2020, a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico. Así, o órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar, mediante resolución debidamente motivada, a continuación dos prazos de execución da actuación ou proxecto subvencionado ou dos prazos de xustificación ou comprobación e pagamento que estivesen pendentes en relación coas subvencións concedidas.

Polo tanto, á vista da situación excepcional creada pola epidemia do COVID-19 e das ditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, cómpre continuar coa tramitación destas subvencións dando continuidade aos prazos de execución e xustificación dos proxectos subvencionados, consonte os principios de eficacia e axilidade que presiden a actuación das administracións públicas e para a protección do interese xeral, así como o interese público, social e económico.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades do meu cargo e das que me foron conferidas en virtude das atribucións que me confire a Resolución do 10 de marzo de 2017 pola que se delegan competencias atribuídas á persoa titular da Presidencia da axencia Inega,

DISPOÑO:

Primeiro. Dar continuidade aos prazos de execución dos proxectos subvencionados e aos prazos de xustificación e pagamento das subvencións concedidas, establecidos na Resolución do 10 de abril de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES), resolución aprobada e publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 74, do 16 de abril, antes da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia