Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 11 de maio de 2020 Páx. 19615

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se apraza a realización das probas correspondentes á convocatoria de xuño para a obtención da primeira licenza de caza regulada pola Orde do 1 de xuño de 2007 pola que se regula o exame de cazador na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, polo que se aproba o Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19, establece no número 6 do seu anexo o seguinte: «O órgano convocante de cada proceso selectivo en curso deberá pospoñer, polo tempo imprescindible –como mínimo dous meses– a realización de probas selectivas, especialmente aquelas de concorrencia masiva».

Doutra banda, é unha recomendación das autoridades das diferentes comunidades autónomas á cidadanía evitar as viaxes que non sexan necesarias.

Tendo en conta que a Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, preveu celebrar probas selectivas para a obtención da primeira licenza de caza e que ás devanditas probas pode concorrer un número importante de aspirantes, moitos dos cales se desprazan desde diversas poboacións da Comunidade Autónoma de Galicia e doutras comunidades autónomas, esta dirección xeral, en uso das funcións atribuídas na disposición derradeira primeira da Orde do 1 de xuño de 2007 pola que se regula o exame do cazador na Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,

RESOLVE:

Primeiro. Suspender a realización das probas da convocatoria de xuño polas cales se convocan os exames para a obtención da primeira licenza de caza na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Trasladar as solicitudes de participación nas devanditas probas á seguinte convocatoria programada ou para algunhas das restantes convocatorias que se celebren dentro do exercicio 2020, de acordo co estipulado na Orde do 1 de xuño de 2007 pola que se regula o exame de cazador na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 111, do 11 de xuño).

Terceiro. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución para comunicar aos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda onde se realicen as probas a data da convocatoria en que optan por participar.

Cuarto. As persoas interesadas que non queiran participar en ningunha das convocatorias restantes do ano 2020 poderán solicitar a devolución da correspondente taxa.

Quinto. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural