Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 13 de maio de 2020 Páx. 19893

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021 (código de procedemento MT975I).

Segundo o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, co nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

En particular, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

Inclúense aquí:

a) A elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A realización de campañas de formación e sensibilización en materia de residuos.

d) A planificación e o fomento de accións relacionadas coa economía circular.

Pola súa banda, as entidades locais son competentes para a xestión dos residuos nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia e na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados e demais normativa de aplicación.

De acordo co que se acaba de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 12, punto 5 da mencionada Lei básica correspóndelles aos concellos como servizo obrigatorio a recollida, transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma en que establezan nas súas respectivas ordenanzas de conformidade co marco normativo aplicable.

O Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022, establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia cara un novo escenario máis sostible e acorde coa xerarquía de residuos marcada pola normativa, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos.

O Plan recolle os obxectivos marcados pola normativa vixente e establece novas metas especialmente en materia de prevención, onde por primeira vez se establece un obxectivo cuantitativo, así como no tocante ao despregue da recollida selectiva da fracción orgánica e ao incremento do resto de recollidas, tanto en cantidade como en calidade.

A partir da diagnose realizada con ocasión da elaboración do plan, as conclusións ou prioridades detectadas incluíron, en materia de xestión de residuos domésticos e polo que atinxe ao obxecto e finalidade da presente orde, as seguintes:

a) Potenciar a xestión/recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais.

b) Minimizar o vertido final en depósitos controlados, especialmente de fracción biodegradable e materiais recuperables.

c) Desenvolver as infraestruturas precisas para tratar os residuos xerados e para acadar os obxectivos e potenciar desta maneira a organización territorial e a capacitación de técnicos, baixo criterios de suficiencia e proximidade, viabilidade económica e ambiental.

A tal efecto, o Plan organízase en torno a dez grandes liñas estratéxicas que aglutinan as actuacións a desenvolver no actual horizonte temporal da planificación autonómica que abrangue, tras a actualización operada en decembro de 2016, ata o ano 2022.

Entre os instrumentos dispoñibles para a consecución dos obxectivos propostos, o PXRUG contempla especificamente o establecemento de liñas de subvencións dirixidas a entidades locais destinadas a impulsar medidas que contribúan á consecución dos obxectivos vixentes nesta materia tras as novidades introducidas no contexto comunitario de conformidade coa folla de ruta cara unha Europa Eficiente no uso dos recursos, no marco da Estratexia 2020, así como habida conta das medidas recollidas no paquete de economía circular, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2015, piares básicos para unha xestión eficiente dos recursos e dos residuos que se sustenta, fundamentalmente, na prevención e o reciclado e en reforzar o principio de xerarquía nas opcións de xestión de residuos.

Seguindo esta xerarquía, a prevención é a mellor opción de xestión seguida, nesta orde, da preparación para a reutilización, do reciclado, doutras formas de valorización (incluída a enerxética) e por último da eliminación (o depósito en vertedoiro, entre outras).

En consecuencia, tendo en conta as competencias asumidas por este departamento, a presente convocatoria vai destinada a apoiar ás entidades locais na procura de respostas aos retos e oportunidades asociadas ao cumprimento do actual marco normativo vixente así como dos obxectivos que a dita planificación persegue.

A tal fin serán obxecto de financiamento ao abeiro da presente convocatoria os proxectos destinados á implementación de medidas de xestión dos residuos domésticos conforme ao esquema de prioridades e ao principio de xerarquía aplicable en materia de residuos. En particular, serán susceptibles de englobarse aquí actuacións destinadas a:

a) Favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos.

b) Potenciar a prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos de competencia municipal coa finalidade de contribuír ao cumprimento dos obxectivos fixados polo actual marco normativo.

O artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma, deberán primar, na forma en que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera forma.

A tales efectos as presentes bases reguladoras prevén a posibilidade de que as ditas agrupacións de entidades locais poidan acceder á condición de beneficiarios desta subvencións.

Esta orde enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello e no Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006.

En concreto as axudas obxecto desta orde estarán confinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020; obxectivo temático 6: Conservar e protexer o medio e promover a eficiencia dos recursos; prioridade de investimento 6.1: O investimento no sector dos residuos para cumprir os requisitos do acervo da Unión en materia de medio ambiente e para dar resposta ás necesidades identificadas polos Estados membros; obxectivo específico 6.1.1: Desenvolver a separación, recollida selectiva e tratamento de residuos incluíndo accións de peche de ciclo; contemplando tanto os plans de xestión como as inversións en infraestruturas; actuación 6.1.1.3: Financiamento para o fomento de actuacións que contribúan ao desenvolvemento do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG 2010-2022).

O indicador de produtividade considerado ao abeiro da presente convocatoria é o identificado baixo o código-denominación E022-Capacidade adicional de recollida e transporte de Residuos Urbanos.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e liñas de subvención

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal (código de procedemento MT975I) ao tempo que se fai publica a súa convocatoria para os anos 2020 e 2021.

2. Son liñas subvencionables as seguintes:

a) Liña 1: actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos que teñan por finalidade:

1º. Adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes na nosa Comunidade Autónoma, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal.

2º. A posta a disposición da cidadanía de espazos municipais de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes, ...) para conformar unha rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos.

b) Liña 2: actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinadas a:

1º. O fomento da compostaxe in situ.

2º. Recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos.

2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuaría como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte á entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido ao efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación na que se integre. De darse o caso inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. En cambio si será posible que unha mesma entidade local concorra a esta convocatoria de maneira simultánea para as dúas liñas subvencionables a que se refire o artigo 3, para o que deberá presentar unha solicitude para cada unha das dúas liñas subvencionables, se é o caso (unha para actuacións englobables na liña 1 e outra para actuacións englobables na liña 2, no seu caso).

5. Para poder ser beneficiaria destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

6. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e requisitos

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan de seguido para cada liña de axuda.

a) Liña 1-Actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos que teñan por finalidade:

1º. Adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes na nosa Comunidade Autónoma, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal, coa fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

Para os efectos da presente convocatoria teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, medicamentos, etcétera).

En particular, serán subvencionables accións dirixidas á implantación de puntos limpos móbiles mediante a adquisición de puntos limpos móbiles, con diferentes compartimentos para a recollida de residuos, dos seguintes modelos:

a) Contedor/caixa metálica de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado con equipo de gancho para a súa carga e traslado).

b) Remolque e contedor metálico de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado para a súa carga e traslado).

c) Camión con caixa e chasis.

d) Furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.

e) Outros modelos do mercado, sempre que se xustifique que cumpre os obxectivos deste servizo.

Tratándose de puntos limpos móbiles serán actuacións subvencionables ademais dos propios puntos limpos móbiles, equipamentos ou elementos relacionados coa función que prestan, as ferramentas TIC que contribúan a mellorar a súa utilización e as campañas de difusión e de información asociados ás actuacións proxectadas de conformidade co requirido no punto 2, letra a) deste mesmo artigo.

2º. A posta a disposición da cidadanía de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes, ...) para conformar unha rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos.

Este servizo municipal poderá prestarse ben nun espazo habilitado aos efectos ou ben ampliando os servizos que prestan os puntos limpos existentes na nosa comunidade, adaptando as instalacións para que se poidan desenvolver estas actividades. Dentro destes espazos públicos pódense diferenciar tres tipos de actividades: autorreparación (nas especialidades que dispoña o servizo: electricidade, carpintaría, téxtil...) intercambio de obxectos e sensibilización ambiental.

Son actuacións subvencionables, ao abeiro deste punto, a adecuación de locais o espazos para a habilitación das actividades de reparación e intercambio así como a subministración de equipamento básico e/ou ferramentas para o desenvolvemento das actividades de reparación e intercambio (bancos de traballo, andeis, armarios, mesas, cadeiras, contedores, básculas, ferramentas manuais, ferramentas e máquinas eléctricas portátiles ou mesmo un único equipo informático se se destina e xustifica o seu destino a actuación subvencionable descrita neste punto 2º) e a realización de traballos de adecuación da instalación eléctrica ou doutras subministracións necesarias para o correcto desenvolvemento da actuación no espazo municipal.

Tamén actuacións de comunicación e información sobre o proxecto obxecto da subvención solicitada segundo o requirido no punto 2, letra a) deste mesmo artigo.

b) Liña 2: actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinadas a:

1º. O fomento da compostaxe in situ.

Serán subvencionables as actuacións que impliquen o tratamento in situ dos biorresiduos, ben a través da promoción da participación cidadá en proxectos de compostaxe doméstica nas vivendas que dispoñan de terreo apto para elo, ou ben en zonas comúns postas a disposición polas entidades locais para o tratamento conxunto dos biorresiduos.

Así mesmo, poderán participar neste tipo de proxectos os grandes produtores de materia orgánica (establecementos de hostalaría, colexios, supermercados, mercados municipais, etc.), debendo quedar debidamente xustificada a idoneidade da zona na que se realice a compostaxe.

Serán subvencionables os proxectos de compostaxe que impliquen:

a) A adquisición de medios materiais para a recollida separada dos restos orgánicos nas vivendas ou puntos de xeración tales como:

i. Composteiros.

ii. Caldeiros, bolsas compostables, aireadores e/ou termómetros (se ben so se considerarán gastos subvencionables ata un importe máximo de 5.000 €).

b) Actuacións preparatorias para o deseño e planificación do proxecto e selección dos participantes.

c) Acondicionamento da zona para compostaxe comunitaria.

d) Actuacións de comunicación e información segundo o requirido no punto 2, letra a) deste mesmo artigo.

e) Equipamentos e/ou elementos necesarios para o subministro de material estruturante e a adecuación de puntos de acopio. Inclúese aquí a adquisición de trituradoras da fracción vexetal sempre que se razoe a súa necesidade para o desenvolvemento do conxunto do proxecto e se faga unha descrición das súas características, orzamento, custes de funcionamento, viabilidade económica, ubicación prevista e potenciais usuarios.

2º. Recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

Serán subvencionables as actuacións para a implantación, ampliación ou mellora da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais nas entidades locais, co fin de contribuír ao cumprimento dos obxectivos en materia de reciclaxe dos biorresiduos.

Os proxectos poderán contemplar a devandita implantación nos fogares, mediante a instalación de contedores de proximidade na vía pública con control de acceso, ou outras modalidades de recollida que mellor se adapten ao territorio, así como a implantación da recollida separada da fracción orgánica en comunidades de propietarios, grandes produtores (p.e.: supermercados de alimentación, mercados, servizos de hostalaría e restauración, comedores escolares, empresas de cátering para hospitais e centros de día, etcétera) e/ou actividades económicas.

Estas actuacións poderán efectuarse para a recollida separada dos biorresiduos xerados nos fogares, así como en comunidades de propietarios, grandes produtores (p.e.: supermercados de alimentación, mercados, servizos de hostalaría e restauración, comedores escolares, empresas de cátering para hospitais e centros de día, etcétera) e/ou actividades comerciais, sempre que a recollida dos residuos sexa de competencia municipal.

Na fase de xustificación, a entidade beneficiaria deberá alomenos identificar a planta ou instalación de tratamento á que ten previsto destinar os biorresiduos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá tratarse dunha planta debidamente autorizada (ou en trámite de obter a autorización) para o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais, con capacidade suficiente, e cunha liña separada para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, non permitíndose o tratamento conxunto con outro tipo de residuos de orixe industrial.

A entidade que resulte beneficiaria para esta liña de subvención adquirirá o compromiso firme de implantar a recollida separada da fracción orgánica segundo o proxecto presentado. No caso que esta non estea rematada á data de finalización do prazo de xustificación, o prazo máximo do que dispón a entidade beneficiaria para que a Administración poida constatar o cumprimento do requisito da dita implantación é de nove meses contados dende a finalización do prazo de xustificación. Con carácter excepcional, previa solicitude e xustificación das circunstancias concorrentes por parte da entidade beneficiaria, o órgano concedente poderá valorar a ampliación do dito prazo, ata un máximo de tres meses máis. Nestes casos, e aos efectos de verificar a implantación efectiva da recollida separada da fracción orgánica, o órgano concedente da axuda fará un seguimento mediante visitas de inspección.

O incumprimento do requisito de implantación no prazo sinalado será causa de reintegro da subvención outorgada de conformidade co establecido no artigo 25 destas bases reguladoras.

Non serán subvencionables, ao abeiro deste punto, os custes do servizo de recollida selectiva, o tratamento dos residuos así como tampouco os custes de mantemento nin os alugueres.

Serán subvencionables ao abeiro deste punto proxectos que teñan por obxecto:

a) A adquisición de contedores para a recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, tanto en vía pública como en puntos de xeración. Os contedores, ou polo menos a tapa, será de cor marrón e incorporarán a rotulación correspondente en que se sinale a fracción do residuo (orgánico) á que van destinados.

b) Elementos ou medios e materiais que contribúan a mellorar a cantidade e calidade da recollida, tales como caldeiros para o depósito dos restos orgánicos nas vivendas ou puntos de xeración (cociñas, comedores...) e/ou bolsas compostables para a recollida da fracción orgánica e o depósito nos contedores, considerándose gastos subvencionables ata un importe máximo de 5.000 €.

c) Sistemas de identificación de usuario e sistemas control/limitación de acceso aos contedores.

d) Desenvolvemento de aplicacións informáticas ou o emprego das tecnoloxías da información aplicadas ao obxecto subvencionable.

e) Actuacións de comunicación e información segundo o requirido no punto 2, letra a) deste mesmo artigo.

Os proxectos deberán contemplar a realización de campañas de difusión e comunicación que teñan como finalidade poñer en coñecemento da cidadanía a iniciativa e fomentar a participación nas actividades previstas. Incluiranse nesta información os beneficios ambientais de efectuar a recollida separada da fracción orgánica (FORM), a forma de realizala e as características do servizo, así como aspectos económicos da xestión (recollida, tratamento, taxas, bonificacións, etcétera).

f) Vehículos destinados á recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais adaptados ás necesidades específicas da entidade solicitante.

2. Os proxectos que se presenten para optar á presente convocatoria deberán observar os seguintes requisitos:

a) Os proxectos presentados deberán contemplar a realización de campañas de difusión e sensibilización que teñan como obxectivo fomentar a participación cidadá nas actividades incluídas nos mesmos considerándose gastos subvencionables ata un importe máximo de 5.000 €.

b) Os proxectos presentados deberán incorporar elementos de compra pública verde ou ecolóxica. A prestación de servizos ou a compra de materiais, ferramentas, equipamentos ou medios de recollida e transporte deberán contemplar criterios ecolóxicos acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sostibles (ecodeseño, emprego de materiais reciclados e/ou reciclables, eficiencia enerxética, redución de emisións, redución da pegada de carbono, economía circular, entre outros) que contribúan a reducir o seu impacto ambiental.

c) Aqueles proxectos que contemplen o reparto entre a cidadanía de composteiros, ou outro tipo de medios complementarios adquiridos con cargo á subvención, deberán identificar o procedemento que empregarán para a selección dos destinatarios beneficiados, segundo os principios de concorrencia, idoneidade e publicidade, así como os mecanismos en virtude dos cales asegurarán o coñecemento e cumprimento por parte destes destinatarios das obrigas de mantemento do investimento a que se refire o artigo 19, punto 11 destas bases reguladoras, debendo incorporarse ao expediente de xustificación da subvención a evidencia documental oportuna.

As entidades beneficiarias dos proxectos aos que se refire este punto deberán comprometerse a asumir as tarefas de seguimento e control necesarias para asegurar o establecido no punto anterior, en particular no caso de proxectos de compostaxe doméstica que inclúan a adquisición de composteiros individuais (por medio de visitas, controis e análises da calidade do compost, establecemento de indicadores…).

d) Para subvencionar a implantación de puntos limpos móbiles a entidade local deberá de acreditar o destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa autorizada ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Por outra banda, a entidade local deberá de comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos destas instalacións, así como á inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

Neste senso, cómpre sinalar aos efectos da presente convocatoria que os proxectos que teñan por finalidade a posta en marcha de espazos municipais de autorreparación e intercambio constitúe unha ferramenta de prevención da xeración de residuos domésticos, baseada no reaproveitamento de obxectos e materiais que non ostentan a condición de residuos, polo que as actividades promovidas non estarían suxeitas ao réxime de autorización de xestión e produción de residuos, sen prexuízo do cumprimento doutra normativa que resulte de aplicación.

e) No se admitirán proxectos que contemplen unicamente a adquisición de vehículos de recollida da fracción orgánica ou de equipos para a xestión da fracción vexetal sen que o solicitante acredite que se dispón, ou disporá no momento da xustificación, do servizo de recollida selectiva específico habida conta da liña subvencionable na que se insertaría a actuación obxecto da subvención solicitada.

f) Nas súas solicitudes as entidades interesadas farán constar os custes que desexan imputar a cada anualidade en consonancia co ritmo de execución que pretenden para as actuacións propostas, identificando o importe do orzamento imputable a cada exercicio, o cal será vinculante para os efectos da concesión da axuda e do seu pagamento, sen prexuízo do disposto na normativa aplicable en materia de subvencións en relación coas subvencións plurianuais.

3. As entidades locais que así o desexen poderán concorrer a esta convocatoria ao abeiro das dúas liñas subvencionables contempladas nestas bases reguladoras. Se concorren para máis dunha actuación subvencionable englobable na mesma liña subvencionable (liña 1 ou liña 2) deberán presentar unha única solicitude. En cambio se concorren para actuacións que pertenzan ás dúas liñas subvencionables (liña 1 e liña 2) deberán presentar unha solicitude por cada liña, tendo en conta as contías máximas de axuda establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable e cumpran o establecido na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 (BOE núm. 315, do 30 de decembro).

2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) No tocante ao imposto sobre o valor engadido, non é subvencionable cando é recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

c) Os gastos financeiros derivados do investimento.

d) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

e) Os gastos de persoal.

f) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.

g) Non será subvencionable a adquisición de caldeiros e/ou bolsas destinadas á recollida de residuos orgánicos que non estean vinculados a un proxecto de implantación da recollida separada da fracción orgánica e/ou compostaxe in situ.

h) A adquisición de contedores que non teñan como finalidade a implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais (por tanto, non poderán empregarse para reposición ou substitución de contedores xa existentes).

i) Os custes asociados aos servizos de recollida e o tratamento dos residuos municipais.

j) Respecto dos bens de equipo de segunda man, estes serán subvencionables cando se cumpran os requisitos seguintes:

1º. Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que os mesmos non teñen sido obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

2º. O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custe dos bens novos similares, acreditándose estes extremos mediante certificación de taxador independente.

k) Así como todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionable.

3. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa.

Artigo 5. Crédito e contía das axudas

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse segundo se indica de seguido:

a) Con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020: ata un máximo de dous millóns catrocentos corenta e oito mil oitocentos noventa euros (2.448.890 €), coa seguinte distribución:

1º. Importe máximo para a liña 1-Actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos: 734.667 € (30 %).

2º. Importe máximo para a liña 2-Actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos: 1.714.223 € (70 %).

b) Con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021: ata un máximo de un millón setecentos catorce mil douscentos vinte e tres euros (1.714.223 €), coa seguinte distribución:

1º. Importe máximo para a liña 1-Actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos: 514.266,90 € (30 %).

2º. Importe máximo para a liña 2-Actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos: 1.199.956,10 € (70 %).

2. O crédito máximo establecido para cada liña de subvención poderá ser redistribuído á outra liña se nalgún deles as solicitudes beneficiarias non resultan suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

3. No tocante á contía das axudas, a subvención será o 100 % dos custos totais subvencionables, salvo no caso que, con base no establecido no artigo 14 das bases, o solicitante asuma unha achega superior ao 20 % do custo subvencionable do proxecto, cos seguintes importes máximos de subvención:

a) Liña 1-Actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos, tratándose de proxectos para a:

1º. Adquisición de puntos limpos móbiles: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 70.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000 € máis por cada entidade participante, ata un máximo de 100.000 €.

2º. Espazos municipais de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 30.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 5.000 € máis por cada entidade participante, ata un máximo de 50.000 €.

b) Liña 2-Actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos, tratándose de proxectos para a:

1º. Actuacións para o fomento da compostaxe in situ: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 60.000 €. Non obstante, esta poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000 € máis por cada entidade participante ata un máximo de 100.000 €.

2º. Recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 100.000 €. Non obstante, esta poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000 € máis por cada entidade participante ata un máximo de 150.000 €.

Artigo 6. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O dito formulario se xunta como anexo I a estas bases.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderanse presentar individualmente por un concello, no exercicio da competencia que ten asumida na materia, ou conxuntamente por máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, no parágrafo destinado á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de» seguida da identificación das entidades de que se trate.

4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que ostenten a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá acompañar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

5. No caso de solicitudes presentadas de forma presencial, requiriráselle a entidade solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

7. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: axudas.cmaot@xunta.gal

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a documentación que se sinala:

a) Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais de solicitar a subvención ao abeiro destas bases reguladoras (anexo II).

c) No suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para a que se solicita subvención, para os efectos do establecido en relación cos criterios de valoración, achegarase tamén declaración responsable en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa banda.

d) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia, as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

e) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán acompañar:

1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

2º. Identificar a relación de entidades locais participantes.

3º. Xustificación, se é o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

4º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

5º. O importe de subvención que se vai aplicar por cada entidade membro da agrupación.

f) No caso de solicitudes que teñan por obxecto a implantación de puntos limpos móbiles:

1º. Acreditación do destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. No seu caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

2º. Compromiso de cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos e de inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

g) Para proxectos destinados á recollida separada da fracción orgánica: identificación da instalación ou centro de tratamento prevista para tratar os biorresiduos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá de tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o (ou en trámite de obter a autorización) para o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais, con capacidade suficiente, e cunha liña separada para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, non permitíndose o tratamento conxunto con outro tipo de residuos de orixe industrial.

h) A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

i) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

j) No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

k) Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirllo á persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. Xunto coa solicitude deberase presentar unha memoria do proxecto ou actuación para a que solicita a subvención que deberá conter unha descrición clara das actividades a desenvolver, tanto dende o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para ás que se solicita a axuda e segundo o que se sinala de seguido.

3. Con carácter xeral para calquera proxecto que se presente ao abeiro de calquera das dúas liñas subvencionables, esta memoria incluirá:

a) Tipoloxía e nome do proxecto.

b) Breve descrición do proxecto presentado.

c) Identificación e datos de contacto do responsable técnico.

d) Introdución e diagnose da situación actual na/nas materia/s do proxecto dentro do ámbito local de actuación.

e) Obxectivos do proxecto e das súas actuacións. Será preciso neste punto a referencia ás melloras ou beneficios ambientais que se procuran co proxecto.

f) Descrición detallada do proxecto, ámbito de actuación, poboación e sectores ou axentes implicados, obxectivos cuantitativos e cualitativos así como a programación temporal para o desenvolvemento do proxecto en correspondencia coas previsións de gastos por anualidades incluídas no orzamento que se remita e tendo en conta o contemplado nestas bases reguladoras.

g) O plan de actuación deseñado deberá incluír unha xustificación pormenorizada dos materiais, actuacións e recursos propostos de conformidade cos gastos subvencionables ao abeiro desta orde.

h) En particular, sinalaranse as campañas de información e sensibilización previstas así como os seus custes estimados de conformidade co requirido no artigo 3, punto 2 para todos os proxectos.

i) Indicadores e medidas de seguimento.

j) Resultados esperados (residuos recollidos ou evitados, en quilogramos, por tipoloxía de residuos).

k) Orzamento detallado da estimación de gastos subvencionables requiridos para o desenvolvemento do proxecto identificando claramente o importe que se prevé imputar á anualidade 2020 e, se é o caso, cal á anualidade 2021, atendendo ao momento en que se prevexa realizar os gastos derivados da subvención da que puidese resultar beneficiario e tendo en conta o establecido nestas bases reguladoras en relación co período subvencionable e os prazos para a xustificación. O orzamento deberá identificar con detalle os conceptos polos que se concorre na convocatoria chegando á desagregación a nivel de importes unitarios no seu caso. No caso de agrupacións de entidades locais, no orzamento figurará que importe correspondería a cada unha delas.

4. Así mesmo os proxectos que opten ás subvencións que se rexen polas presentes bases reguladoras deberán acompañarse da documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, punto 2.

5. Calquera outra documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e prelación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, se é o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

f) Certificado de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Certificado sinalando outras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva contemplado no artigo 19, punto 1º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Residuos será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións mentres que corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditar a resolución da concesión.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponden á Subdirección Xeral de Residuos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que revisará toda as solicitudes recibidas e a documentación presentada.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras, requirirase ao solicitante de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas para que, no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixese, poderase considerar desistido da súa petición, arquivándoa sen máis trámites, segundo resolución que para o efecto se dite.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda, tendo que achegar nestes casos o solicitante as correspondentes certificacións ou documentos.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 13. Comisión de Avaliación

1. As solicitudes completas xunto coa documentación requirida serán postas á disposición dunha Comisión de Avaliación para a súa valoración e informe, o cal incluirá unha relación coa puntuación que corresponde a cada unha das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 14 desta orde.

2. A Comisión de Avaliación estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Residuos, ou persoa en que delegue, e integrada por dous funcionarios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, co nivel mínimo de xefe/a de servizo, actuando como secretario unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución (tendo en conta os criterios sinalados no artigo 14) en que identificarán, de xeito individualizado, os solicitantes que superaron a fase de avaliación mediante unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións, tanto administrativas como técnicas, establecidas nas bases reguladoras. Na proposta constarán tanto as entidades que acadaron a condición de beneficiario, ao obter a puntuación requirida, como aquelas outras que non resultasen estimadas por quedarse por debaixo da devandita puntuación ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria para as diferentes liñas de axudas.

4. Unha vez elaborada a correspondente proposta, mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a súa resolución.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación, a que se refire o artigo 13 desta orde, valorará e priorizará as solicitudes presentadas aplicando os criterios e puntuacións que de seguido se sinalan para cada un dos grupos de actuacións subvencionables.

2. Para avaliar as solicitudes presentadas para a liña 1-Actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos teranse en conta os seguintes criterios de avaliación:

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 35 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo); ata 15 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos no PXRUG 2010-2022; ata 10 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados; ata 10 puntos.

b) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

c) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional:

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 8 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

d) Achega económica da entidade local superior ao 20 % do orzamento total do proxecto, ata 15 puntos.

e) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos en virtude da puntuación que resulte coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o que se solicita subvención: 1 punto por concello ata un máximo de 5 puntos.

f) Tratándose de proxectos que inclúan a prestación do servizo a concellos que carecen de punto limpo: 5 puntos.

3. Para avaliar as solicitudes presentadas para a liña 2-Actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos teranse en conta os seguintes criterios de avaliación:

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 35 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo); ata 15 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos no PXRUG 2010-2022; ata 10 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados; ata 10 puntos.

b) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

c) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional:

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 8 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

d) Achega económica da entidade local superior ao 20 % do orzamento total do proxecto, ata 15 puntos.

e) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o que se solicita subvención: 1 punto por concello ata un máximo de 5 puntos.

f) Tipo de axentes colaboradores elixidos para o desenvolvemento do proxecto, ata 5 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Pola implantación en vivendas: 2 puntos.

2º. Pola implantación en grandes produtores (comunidades de propietarios, colexios, supermercados...) ou actividades comerciais: 3 puntos.

4. A puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados. Co obxectivo de acadar un nivel mínimo de calidade dos proxectos de investimento subvencionados, establécese un nivel mínimo de puntuación de 40 puntos, sobre os 100 que como máximo se poderían acadar, para poder optar á subvención. Aquelas solicitudes que non acaden esa puntuación mínima serán rexeitadas.

5. No caso de empate na baremación decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio establecido no primeiro lugar e así de xeito sucesivo co resto dos criterios contemplados no caso de manterse o empate. De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

6. Á vista das solicitudes recibidas, a Comisión de Avaliación fixará unha relación ordenada de todas as solicitudes que, cumprindo coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario e de conformidade coa puntuación outorgada a cada unha delas, permita determinar tanto as que resulten beneficiarias, como aqueloutras que non resultasen estimadas por non ter acadado a puntuación mínima requirida ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria para cada liña de axuda.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor ditará proposta de resolución con base no documento elaborado pola Comisión de Avaliación, e elevaraa para a resolución por parte da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. Na resolución figurarán os seguintes aspectos:

a) A relación de entidades locais beneficiarias.

b) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os que se fai o cálculo da contía ou porcentaxe de axuda resultante.

c) A contía da axuda.

d) Que a axuda está cofinanciada nun 80 % con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e o Regulamento (UE) núm. 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

e) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no seguinte sitio web:

http://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

f) Prazo para a execución do servizo.

g) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran coa súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

9. Transcorrido o prazo para resolver e notificar sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender as súas pretensións desestimadas por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles desde a súa notificación sen que a entidade beneficiaria comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, das demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, as seguintes:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

4. No caso de entidades que resulten beneficiarias para o desenvolvemento de proxectos que contemplen o reparto entre a cidadanía de composteiros, ou outro tipo de medios complementarios adquiridos con cargo á subvención, deberán identificar o procedemento empregado para a selección dos destinatarios beneficiados, segundo os principios de concorrencia, idoneidade e publicidade, así como o compromiso de poñer no seu coñecemento a obriga que asumen de mantemento do investimento a que se refire o artigo 19, punto 12 destas bases reguladoras. A entidade local deberá incorporar ao expediente de xustificación da subvención a evidencia documental oportuna de ter informado e acadado dito compromiso por parte do destinatario.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións a realizar polo organismo intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, no seu caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo ou outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Consello.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

10. Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

11. Segundo o establecido no artigo 15, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo III destas bases e segundo as obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

12. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

13. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

14. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

15. A sinatura da solicitude comporta a realización da declaración relativa a que a entidade beneficiaria dispón das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade así como, se é o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable.

Artigo 20. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 30 de novembro de 2021, ambos incluídos, se ben condicionado ao exercicio orzamentario ao que se queira imputar e tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e súa xustificación consonte ao establecido no parágrafo seguinte.

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de novembro de 2020 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2020.

b) O 30 de novembro de 2021 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2021.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, nos prazos máximos aos que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento que corresponda a cada anualidade en virtude do establecido na resolución de concesión que lle foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido para o período subvencionable correspondente; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude, e polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A solicitude do pagamento efectuarase polo beneficiario a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite para cada anualidade a que se refire o artigo 20, punto 4, mediante a presentación do anexo IV que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A dita solicitude acompañarase da documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá solicitar a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo neste caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 22. Documentación xustificativa do investimento

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo IV que se xunta.

2. Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, que de conformidade co contido requirido en fase de solicitude, identifique entre outras cuestións as actividades realizadas e dos resultados obtidos en relación, se é o caso, cos indicadores de seguimento e avaliación propostos.

Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, acompañarase de calquera outro material informativo (fotografías, publicacións, reseñas en web, etc.) que se considere de interese.

3. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 20 destas bases.

b) A entidade beneficiaria achegará unha certificación que deberá estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar como mínimo:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Tratándose de administracións públicas presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

d) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se tivesen efectuado a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) No caso de adquisición de bens de equipo de segunda man certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial e declaración do vendedor en que conste a orixe dos bens e que éstes non teñen sido obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

f) No caso que á hora de puntuar o proxecto obxecto de subvención se tivese considerado a achega económica da entidade local superior ao 20 % do orzamento total do proxecto, incluiranse os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios atendendo aos gastos que, ao abeiro destas bases reguladoras, teñen a consideración de subvencionables.

g) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) No seu caso, copia do expediente de contratación completo que permita constatar o cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

No suposto de contratos menores, sen prexuízo do disposto na citada normativa, de optarse por adxudicación directa, para os efectos da presente orde deberanse solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de distintos empresarios, agás que polas características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que poidan executar o contrato.

i) Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

j) No caso das agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nas presentes bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

4. Documentación de ter realizada a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e segundo o que se establece no anexo III que acompaña ás presentes bases reguladoras.

5. Para a liña I, cando a subvención se tivese outorgado para a implantación de puntos limpos móbiles, debera presentarse acreditación do destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. No seu caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización. Por outra banda, a entidade local deberá ter efectuado o trámite requirido en aplicación da normativa sectorial en materia de residuos para estas instalacións, no tocante á súa inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo proceda habida conta da actividade de xestión tipificada.

6. Para a liña II, cando a subvención se tivese outorgado para proxectos de nova implantación da recollida separada de biorresiduos: identificación da instalación ou centro de tratamento prevista para tratar os biorresiduos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá de tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o (ou en trámite de obter a autorización) para o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais, con capacidade suficiente, e cunha liña separada para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, non permitíndose o tratamento conxunto con outro tipo de residuos de orixe industrial.

Artigo 23. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase anualmente, con cargo ao exercicio orzamentario que corresponda, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

Para as subvencións concedidas con cargo á anualidade 2020, as entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado, deberán manifestalo expresamente no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo V.

Para as subvencións concedidas con cargo á anualidade 2021, as entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado recibirán, unha vez se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, unha comunicación para que exerciten tal opción no prazo máximo de 10 días hábiles dende a notificación da mesma mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo V.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, as entidades locais están exoneradas de constituír garantía no caso de solicitar anticipos.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Os órganos competentes da Consellería concedente poderán solicitar ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

6. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

7. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 24. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Ademais, os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

4. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da subvención e procedemento de reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Incorrerase en causa de non pagamento ou reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases de conformidade coa gradación seguinte:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao órgano concedente desta axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de cinco anos.

e) No caso das axudas outorgadas para proxectos que teñan por obxecto a implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, suporá a perda da totalidade da subvención concedida a constatación de que non se levou a cabo a dita implantación de conformidade co obxecto subvencionado ao remate dos prazos contemplados no artigo 3.2.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención polo que a graduación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, logo do oportuno requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por esta das obrigas previstas na citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Financiamento

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.02.541D.760.1, código de proxecto 2019 89, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2020 e 2021 consonte ao seguinte:

Aplicación

Importe 2020

Importe 2021

Total

07.02.541D.760.1

2.448.890 €

1.714.223 €

4.163.113 €

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha transferencia de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que procede. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 28. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismo internacional, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere o 100 % do investimento subvencionable do proxecto.

2. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a prorrata, segundo o documento en que se establezan as condicións da axuda.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

4. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitarase á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

5. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, se é o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 29. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 31. Réxime xurídico

Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

g) Regulamento (UE) Núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006.

h) Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

i) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

j) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente á persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde surtirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file