A Secretaría Xeral da Igualdade convocou para o ano 2020, a través da Resolución do 13 de decembro de 2019 (DOG núm. 22, do 3 de febreiro de 2020), subvencións destinadas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para levar a cabo programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que respondan a algún dos seguintes tipos:
a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.
b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
A partida orzamentaria con cargo á cal se financian estas subvencións ten un cofinanciamento do 80 % dos fondos FSE no programa operativo de Galicia 2014-2020.
O prazo e forma de presentación das solicitudes están regulados no artigo 7 da Resolución do 13 de decembro de 2019 e no artigo 8 determínase a documentación que se xuntará ao anexo da solicitude. Unha vez revisadas as solicitudes presentadas ao abeiro da dita resolución de convocatoria polo órgano encargado da instrución dos procedementos, identificáronse aquelas que non reúnen a documentación necesaria, ben por non tela presentado ben por conter erros, ou ben por non ser suficiente para a determinación do cumprimento dos requisitos exixidos para a súa posterior remisión á comisión encargada da súa valoración.
O artigo 11 da citada resolución establece, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015.
Así mesmo, tamén se indica que por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da indicada Lei 39/2015, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os efectos da notificación.
De acordo co establecido no artigo 8.5 da Resolución do 13 de decembro de 2019, todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Por outro lado, a disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión de prazos administrativos, sinalando a suspensión de termos e prazos para a tramitación dos expedientes de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.
Así mesmo, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta de abril de dous mil vinte, adoptou, entre outros, o acordo de «Valorar favorablemente a proposta de continuación pola Secretaría Xeral da Igualdade de procedementos de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19».
Conforme o anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade acordou a continuación, mentres estea vixente o estado de alarma, do procedemento de concesión das subvencións previstas na Resolución do 13 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (DOG núm. 22, do 3 de febreiro de 2020).
Polo exposto,
DISPOÑO:
1. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de solicitudes que non están debidamente cubertas e/ou que non achegan a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nas bases reguladoras. Esta relación figura como anexo desta resolución.
2. Facer indicación expresa a todas as entidades solicitantes recollidas no anexo de que son requiridas para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, conforme se establece nesta resolución. De non o faceren, teranse por desistidas da súa petición, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda de documentación das solicitudes, poderán dirixirse á Secretaría Xeral da Igualdade a través da conta de correo promocion.igualdade@xunta.gal.
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020
Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade