Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 14 de maio de 2020 Páx. 20130

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2020 pola que se acorda levantar a paralización da aprobación e publicación das bases do procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta axencia para o curso 2020/21 e do procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes desta axencia para o curso 2020/21 e a súa continuación.

O 14 de marzo do 2020, publicouse no Diario Oficial de Galicia o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que na súa a disposición adicional terceira establece a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, definidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Como consecuencia desta suspensión paralizouse a aprobación das bases e a publicación do procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2020/21 e do procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2020/21.

Por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, deuse publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19. Neste acordo, entre outros aspectos, e no marco do antedito real decreto, prevíase, así mesmo, a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público e que o órgano competente puidese acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses da persoa interesada no procedemento.

O 24.4.2020 o Consello da Xunta acordou valorar favorablemente a proposta de continuación de expedientes da Consellería de Política Social xustificando a continuidade destes procedementos administrativos na necesidade de garantir o funcionamento básico dos servizos públicos e protexer o interese xeral.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Levantar a paralización da aprobación e publicación das bases do procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2020/21 e do procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2020/21 e a súa continuación.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020

O/A director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais
P.S. (Disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo)
Mª Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica