Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 14 de maio de 2020 Páx. 20127

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2020 pola que se amplían os prazos de execución e de xustificación previstos na Resolución do 4 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento TU403A).

O 16 de setembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 175 a Resolución do 4 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020.

O 3 de outubro de 2019 publicouse no DOG núm. 188 a Resolución do 26 de setembro de 2019 pola que se modifican os prazos de presentación de solicitudes e de xustificación establecidos na antedita Resolución do 4 de setembro de 2019.

O seu obxecto é aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións que fomenten e promocionen a actividade congresual en Galicia, e convocalas para os anos 2019 e 2020.

O artigo 20.2 das citadas bases reguladoras establece os seguintes prazos de xustificación das axudas concedidas:

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de setembro e o 31 de outubro de 2019, o prazo de xustificación rematará o 10 de decembro de 2019.

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de novembro de 2019 e o 30 de setembro de 2020, o prazo de xustificación rematará o 31 de outubro de 2020.

As axudas aos proxectos que se realicen no ano 2019, ata o 31 de outubro de 2019, xa foron concedidas e xustificadas polas entidades beneficiarias.

Os proxectos que se realicen entre o 1 de novembro de 2019 e o 30 de setembro de 2020 atópanse en tramitación.

Dada a adopción de medidas extraordinarias adoptadas na Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, publicadas no DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo; na Resolución do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, publicado no DOG núm. 50 bis, do 13 de marzo, e no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, publicado no BOE núm. 67, do 14 de marzo, faise preciso revisar os prazos de realización e de execución dos proxectos imputables á presente anualidade 2020, posto que se ven directamente afectados polas medidas anteditas.

En relación cos procedementos administrativos, o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo dispón no seu punto segundo:

«As consellerías competentes adoptarán, de acordo coa lexislación aplicable, as medidas de ampliación de prazos que sexan precisas nos procedementos en tramitación, para posibilitar o seu cumprimento polos cidadáns.

Así mesmo, adoptaranse as medidas precisas para posibilitar o cumprimento dos requisitos establecidos nas correspondentes bases reguladoras aos beneficiarios de subvencións.

Procurarase en todos os casos que sexa posible a tramitación telemática dos procedementos evitando a presenza física do público nas oficinas e rexistros».

Deste xeito, é preciso establecer para esta anualidade 2020 e en atención ao dito os prazos de realización e de xustificación o máis amplos posibles, sempre garantindo que se poida revisar a documentación xustificativa e tramitar o seu pagamento no exercicio orzamentario actual.

Así mesmo, e dado que a presente situación supón causa sobrevida non imputable ás entidades beneficiarias, no caso de que as actuacións fosen canceladas por non ser posible o cambio das datas da súa celebración, a Axencia Turismo de Galicia poderá pagar, logo de xustificación motivada, os gastos non recuperables en que incorresen as entidades beneficiarias.

Polo exposto,

RESOLVO:

1. Modificar o artigo 20.2 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e a súa convocatoria para os anos 2019 e 2020, de xeito que queda redactado como segue:

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de setembro e o 31 de outubro de 2019, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2019.

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de novembro de 2019 e o 30 de novembro de 2020, o prazo de xustificación rematará o 10 de decembro de 2020.

2. No caso de que a entidade beneficiaria xustifique motivadamente e acredite a asunción de gastos non recuperables pola cancelación do congreso que non se puidese realizar debido ás medidas acordadas para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a Axencia Turismo de Galicia poderá proceder ao pagamento destes gastos logo da xustificación da realización dos gastos e do seu pagamento pola entidade beneficiaria.

3. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia