Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2020 Páx. 20425

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de maio de 2020, sobre o necesario entendemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria no marco xurídico derivado do estado de alarma.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do quince de maio de dous mil vinte, adoptou o seguinte acordo:

«Acordo sobre o necesario entendemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria no marco xurídico derivado do estado de alarma.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Posteriormente, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarouse a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Neste acordo adoptáronse, ademais, unha serie de medidas adicionais ás previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, tendo en conta a evolución da situación. Así mesmo, no punto cuarto do dito acordo habilitouse o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas nel. Con base nesta habilitación o Cecop adoptou acordos de revisión e adaptación das medidas acordadas.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial fixouse en 15 días naturais (artigos 2 e 3), contados desde a data de publicación no Boletín Oficial del Estado do real decreto, aínda que neste se previu a posibilidade de prórroga do devandito período inicial. Entre as medidas contidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, atopábase a limitación da liberdade de circulación das persoas, agás para as estritas finalidades previstas no seu artigo 7, así como a suspensión da apertura ao público dun abundante número de locais e establecementos.

O estado de alarma, previsto cunha duración inicial de quince días, foi obxecto de diversas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados. Tras o período inicial e o correspondente á primeira e á segunda prórroga do estado de alarma, iniciouse, durante a terceira prórroga, un proceso de redución progresiva das medidas extraordinarias de restrición da mobilidade, do contacto social e do exercicio de actividades establecidas na versión inicial do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en especial con motivo da aprobación, polo Consello de Ministros na súa reunión do 28 de abril, do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. No dito plan prevese un proceso gradual de volta á normalidade dividido en catro fases: unha fase cero ou de preparación da desescalada e tres fases de desescalada, diferenciadas en función das actividades permitidas en cada unha delas, polas que poderán transitar os diferentes territorios en función de diversos criterios e indicadores ata chegar á “nova normalidade”, na cal se porá fin ás medidas de contención, pero manterase a vixilancia epidemiolóxica, a capacidade reforzada do sistema sanitario e as medidas de autoprotección da cidadanía. Do exposto no plan e nos seus anexos cabe deducir que, se se van cumprindo os indicadores, a “nova normalidade” acadaríase a finais de xuño.

Nesta liña de redución gradual das medidas restritivas afonda o Real decreto 514/2020, do 8 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o cal salienta, na súa parte expositiva, como, pese ao mantemento do estado de alarma, é necesario avanzar na desescalada gradual das medidas extraordinarias de restrición da mobilidade e do contacto social e facilitar unha recuperación, o máis rápida posible, da actividade social e económica, tendo en conta o previsto no plan estatal citado. E engade que, a diferenza do sucedido desde o inicio do estado de alarma e durante as súas sucesivas prórrogas, a nova prórroga prevé expresamente a posibilidade de relaxar as limitacións, sempre que o permitan os baremos previstos no plan. Así, o artigo 3 do real decreto dispón que, en aplicación do plan estatal, o ministro de Sanidade, por proposta, se é o caso, das comunidades autónomas e das cidades de Ceuta e Melilla, e á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, poderá acordar, no ámbito da súa competencia, a progresión das medidas aplicables nun determinado ámbito territorial, sen prexuízo das habilitacións conferidas ao resto de autoridades delegadas competentes.

Precisamente no exercicio da dita habilitación, ditouse a Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, a cal, en atención á actual situación epidemiolóxica da crise sanitaria, flexibiliza determinadas medidas para certas unidades territoriais, entre as que se atopan as catro provincias galegas, en eidos como, entre outros, a liberdade circulatoria, o comercio retallista, a hostalaría, a restauración, a cultura, o deporte ou o turismo.

Paralelamente e de xeito coherente coas disposicións e actos estatais relativos ao estado de alarma, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia foron ditados disposicións, actos e acordos polos órganos autonómicos competentes.

Xunto ao anterior, o Real decreto 514/2020, do 8 de maio, na súa disposición derradeira primeira, modificou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en dous aspectos relacionados co desenvolvemento de procesos electorais. Por unha banda, engadiuse un novo número 1 bis ao artigo 7 conforme o cal a vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún ao desenvolvemento e á realización das actuacións electorais precisas para o desenvolvemento das eleccións convocadas a parlamentos de comunidades autónomas. E, por outra banda, introduciuse unha nova disposición adicional sétima na cal se prevé que o Goberno, durante a vixencia do estado de alarma, disporá o oportuno para que o servizo público de Correos, os fedatarios públicos e demais servizos da súa responsabilidade coadxuven no mellor desenvolvemento e realización de eleccións convocadas a parlamentos de comunidades autónomas.

Polo tanto, non só se recoñece expresamente que o estado de alarma non pode impedir a celebración das eleccións autonómicas, senón que se recolle un mandato claro ao Goberno central de coadxuvar no seu mellor desenvolvemento e realización.

A finalidade da introdución destas modificacións, como salienta expresamente a parte expositiva do Real decreto 514/2020, do 8 de maio, é a de facer posible a celebración de eleccións autonómicas.

Polo tanto, o marco normativo regulador do estado de alarma variou, como consecuencia da evolución favorable da epidemia, cara a unha progresiva flexibilización das medidas restritivas inicialmente recollidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, á vez que cara a un recoñecemento expreso da compatibilidade do novo marco normativo co desenvolvemento de procesos electorais coas necesarias garantías.

Neste contexto, debe terse presente a incidencia do marco xurídico regulador do estado de alarma no réxime derivado da declaración autonómica de situación de emerxencia sanitaria.

Neste sentido, conforme o artigo 4 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o Goberno estatal ten a condición de autoridade competente para os efectos do estado de alarma, e son autoridades competentes delegadas a ministra de Defensa, o ministro do Interior, o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o ministro de Sanidade, e de acordo co artigo 6, a xestión ordinaria dos seus servizos deberá realizala cada Administración no marco das ordes directas da autoridade competente para os efectos do estado de alarma.

En particular, polo que se refire ao Sistema nacional de saúde, de acordo co artigo 12:

“1. Todas as autoridades civís sanitarias das administracións públicas do territorio nacional, así como os demais funcionarios e traballadores ao servizo destas, quedarán baixo as ordes directas do ministro de Sanidade en canto sexa necesario para a protección de persoas, bens e lugares, podendo impoñerlles servizos extraordinarios pola súa duración ou pola súa natureza.

2. Sen prexuízo do anterior, as administracións públicas autonómicas e locais manterán a xestión, dentro do seu ámbito de competencia, dos correspondentes servizos sanitarios, asegurando en todo momento o seu adecuado funcionamento. O ministro de Sanidade reserva para si o exercicio de cantas facultades resulten necesarias para garantir a cohesión e equidade na prestación do referido servizo. (...)”

Así, o Ministerio de Sanidade ditou como autoridade competente delegada unha numerosa serie de normas que determinan o marco xurídico da situación da emerxencia sanitaria en Galicia e os seus efectos. Deste modo, entre outras normas ditadas e, polo tanto, sen ánimo exhaustivo, pódense citar as seguintes:

– Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 68, do 15 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/233/2020, do 15 de marzo, pola que se establecen determinadas obrigacións de información de acordo co previsto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 68, do 15 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/234/2020, do 15 de marzo, sobre adopción de disposicións e medidas de contención e remisión de información ao Ministerio de Sanidade ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 68, do 15 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/257/2020, do 19 de marzo, pola que se declara a suspensión de apertura ao público de establecementos de aloxamento turístico, de acordo co artigo 10.6 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 75, do 19 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/265/2020, do 19 de marzo, de adopción de medidas relativas ás residencias de persoas maiores e centros sociosanitarios, ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 78, do 21 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/272/2020, do 21 de marzo, pola que se establecen medidas excepcionais para expedir a licenza de enterramento e o destino final dos cadáveres ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 79, do 22 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/271/2020, do 19 de marzo, pola que se establecen instrucións sobre xestión de residuos na situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 79, do 22 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/275/2020, do 23 de marzo, pola que se establecen medidas complementarias de carácter organizativo, así como de subministración de información no ámbito dos centros de servizos sociais de carácter residencial en relación coa xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 81, do 24 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/274/2020, do 22 de marzo, pola que se adoptan medidas en relación cos servizos de abastecemento de auga de consumo humano e de saneamento de augas residuais. (BOE núm. 81, do 24 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/293/2020, do 25 de marzo, pola que se establecen condicións á dispensación e administración de medicamentos no ámbito do Sistema nacional de saúde, ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 85, do 27 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/296/2020, do 27 de marzo, pola que se establecen medidas excepcionais para o traslado de cadáveres ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 86, do 28 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/295/2020, do 26 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos no ámbito dos servizos sociais ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 86, do 28 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/298/2020, do 29 de marzo, pola que se establecen medidas excepcionais en relación cos velorios e cerimonias fúnebres para limitar a propagación e o contaxio polo COVID-19. (BOE núm. 88, do 30 de marzo de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/310/2020, do 31 de marzo, pola que se establecen como servizos esenciais determinados centros, servizos e establecementos sanitarios. (BOE núm. 91, do 1 de abril de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/326/2020, do 6 de abril, pola que se establecen medidas especiais para o outorgamento de licenzas previas de funcionamento de instalacións e para a posta en funcionamento de determinados produtos sanitarios sen marcación CE con ocasión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 97, do 7 de abril de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/325/2020, do 6 de abril, pola que se establecen criterios interpretativos e se prorroga a validez dos certificados de verificacións e mantementos preventivos establecidos na regulación de seguridade industrial e metrolóxica. (BOE núm. 97, do 7 de abril de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/340/2020, do 12 de abril, pola que se suspenden determinadas actividades relacionadas con obras de intervención en edificios existentes en que exista risco de contaxio polo COVID-19 para persoas non relacionadas coa dita actividade. (BOE núm. 102, do 12 de abril de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/344/2020, do 13 de abril, pola que se establecen medidas excepcionais para o reforzo do Sistema nacional de saúde e a contención da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 104, do 14 de abril de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/346/2020, do 15 de abril, pola que se acorda o inicio de prazos para realizar as avaliacións e a data final de residencia ou de ano formativo dos profesionais sanitarios de formación sanitaria especializada. (BOE núm. 106, do 16 de abril de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/370/2020, do 25 de abril, sobre as condicións en que se deben desenvolver os desprazamentos da poboación infantil durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 116, do 25 de abril de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. (BOE núm. 121, do 1 de maio de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como para a práctica do deporte profesional e federado. (BOE núm. 123, do 3 de maio de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/387/2020, do 3 de maio, pola que se regula o proceso de cogobernanza coas comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla para a transición a unha nova normalidade. (BOE núm. 123, do 3 de maio de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. (BOE núm. 130, do 9 de maio de 2020. Ministerio de Sanidade).

– Orde SND/404/2020, do 11 de maio, de medidas de vixilancia epidemiolóxica da infección por SARS-CoV-2 durante a fase de transición cara a unha nova normalidade. (BOE núm. 133, do 12 de maio de 2020. Ministerio de Sanidade).

En consecuencia, tras a declaración do estado de alarma, a declaración da situación de emerxencia sanitaria autonómica e as medidas adoptadas ao abeiro dela quedan necesariamente subsumidas no contexto xurídico e operativo derivado do estado de alarma. Neste sentido, xa o propio Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa disposición derradeira primeira, previu o mantemento da vixencia das medidas adoptadas polas autoridades competentes das comunidades autónomas só no que resultasen compatibles co disposto no dito real decreto.

En coherencia con iso, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 2020 determinou o mantemento da vixencia das medidas preventivas adoptadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de saúde pública polos acordos do Consello da Xunta de Galicia do 12 e do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, mentres estea vixente a declaración do estado de alarma efectuada polo Goberno do Estado e a situación de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, no que resulte compatible e non se opoña ao previsto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e na normativa e actos estatais e autonómicos ditados no desenvolvemento e aplicación do dito real decreto.

Polo tanto, a declaración de situación de emerxencia sanitaria e as medidas derivadas dela deben ser necesariamente entendidas e xustificadas no contexto xurídico e operativo do estado de alarma e da súa evolución, singularmente, no marco das medidas flexibilizadoras propias do proceso de desescalada, cuxa adopción corresponde ao Ministerio de Sanidade, de acordo co disposto no réxime xurídico antes exposto e en aplicación do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Deste modo, tendo en conta que, como antes expresamos, o Real decreto 514/2020, do 8 de maio, modificou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, para aclarar que a vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún ao desenvolvemento e á realización das actuacións electorais precisas para o desenvolvemento das eleccións convocadas a parlamentos de comunidades autónomas e, ademais, recolle un mandato claro ao Goberno central de coadxuvar no seu mellor desenvolvemento e realización, resulta obvio que a existencia da declaración de emerxencia sanitaria en Galicia tampouco pode impedilas, pois tamén as medidas que se adoptaron no seu día deben entenderse no marco do réxime vixente do estado de alarma e proceso de desescalada.

O mantemento da declaración, polo demais, pode facilitar a eventual adopción de protocolos sanitarios ou medidas preventivas durante o proceso electoral, para velar pola seguridade da poboación e evitar contaxios, garantindo o correcto equilibrio no exercicio de dereitos e obrigas da cidadanía galega, así como facilitar a coordinación das actuacións necesarias de todos os organismos e a mobilización de medios e recursos dispoñibles na Comunidade Autónoma baixo a unidade de acción, mediante os procedementos operativos previstos no Platerga.

En atención ao exposto, tendo en conta a modificación operada no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo Real decreto 514/2020, do 8 de maio, a que antes se aludiu, considérase necesario que o Consello da Xunta de Galicia, como órgano competente que declarou no seu día a situación de emerxencia sanitaria, efectúe un pronunciamento expreso sobre a compatibilidade do marco xurídico existente en Galicia sobre a crise sanitaria co desenvolvemento dun proceso de eleccións ao Parlamento de Galicia.

Así mesmo, procede realizar un pronunciamento sobre a adopción das medidas necesarias para garantir que tal desenvolvemento dun proceso electoral se produza nas debidas condicións de protección da saúde dos participantes nel.

En virtude do exposto, adóptase o seguinte

ACORDO:

Primeiro. En virtude do disposto no artigo 7.1.bis do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, modificado polo Real decreto 514/2020, do 8 de maio, conforme o cal a vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún ao desenvolvemento e á realización das actuacións electorais precisas para o desenvolvemento das eleccións convocadas a parlamentos de comunidades autónomas, así como das disposicións ditadas no marco do estado de alarma polo Goberno central e polas autoridades delegadas competentes, e en especial, polo Ministerio de Sanidade, como autoridade delegada competente na materia sanitaria, a situación de emerxencia sanitaria declarada polo Consello da Xunta de Galicia é compatible co desenvolvemento e a realización das actuacións electorais precisas para a celebración de eleccións ao Parlamento de Galicia.

Segundo. No caso de convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia, os órganos autonómicos competentes adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da saúde durante o desenvolvemento do proceso electoral. Así mesmo, a Administración autonómica promoverá que as demais administracións e entidades con competencias no desenvolvemento do proceso electoral adopten medidas coa mesma finalidade e prestará a colaboración que, para estes efectos, resulte necesaria».

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza