Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2020 Páx. 20449

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Arume.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Arume, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 9 de agosto de 2019, José Carballo García, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, para os efectos da inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, desta entidade.

2. A Fundación Arume foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 10 de xuño de 2019, ante o notario Héctor Ramiro Pardo García, co número de protocolo 556, pola Asociación Galega Monte Industria, representada por José Carballo García; a Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga), representada por José Elier Ojea Ureña; a Asociación Forestal de Galicia, representada por Francisco Javier Fernández de Ana Magán; a Asociación de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo, representada por Daniel Díaz Ramos; o Clúster da Madeira de Galicia, representado por José Manuel Parada Rodríguez; a Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga), representada por Isabel Álvarez Balvís; a Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (Serfoga), representada por María Elena Picos Vilar; a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), representada por Jacobo Feijóo Lamas; e Abanca Corporación Bancaria, S.A., representada por Jesús Combarro Pereira.

3. A Fundación Arume, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– Promover o valor e o uso dos montes galegos, en especial os de coníferas e, en particular, dos piñeiros de Galicia, mediante o impulso de plans integrais e a realización de actuacións de dinamización e recuperación dos montes e a potenciación do uso das súas madeiras para xerar un ecosistema sustentable e, con iso, contribuír activamente a unha maior riqueza forestal, á mellora do medio rural, ao benestar dos cidadáns e ao desenvolvemento económico de Galicia.

– A recadación de fondos e obtención de axudas -ben sexan subvencións, donativos ou axudas de calquera outra índole- destinadas a financiar actividades de investigación, a través de proxectos de I+D, de innovación, de formación, de comunicación e de divulgación coa finalidade de mellorar os montes de coníferas, así como calquera outro de promoción do uso das súas madeiras nos ámbitos propios da cadea de valor forestal galega.

– Fomentar e impulsar a implantación de modelos de silvicultura tecnicamente contrastados, a mellora xenética dos materiais de reprodución e a certificación da xestión forestal sustentable nos montes galegos.

– Sensibilizar a opinión pública e as administracións públicas acerca da importancia ambiental e económica dos ecosistemas de piñeirais e do uso dos piñeiros de Galicia, así como promover as medidas lexislativas adecuadas para protexer e promover a silvicultura activa e a xestión sustentable dos montes e o uso da madeira de coníferas de Galicia.

– Preservar e comunicar os valores ambientais, culturais, sociais e económicos vinculados aos montes e ao uso de madeira de coníferas e, en particular, dos piñeiros de Galicia.

– Promover e fomentar o consumo da madeira de coníferas de Galicia en todos os ámbitos e o uso de produtos certificados, así como impulsar o desenvolvemento de novas aplicacións da madeira con produtos de maior valor engadido.

– Promover e fomentar os aproveitamentos micolóxicos e outros aproveitamentos forestais compatibles coa produción de madeira de coníferas de Galicia.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os datos relativos á personalidade do fundador; á súa capacidade para constituíla; á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; á dotación; aos estatutos e á composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por José Carballo García, en representación da Asociación Galega Monte Industria, como presidente; Francisco Javier Fernández de Ana Magán e Francisco Guillermo Dans del Valle, en representación da Asociación Forestal de Galicia, como vicepresidentes; Jesús Combarro Pereira, en representación de Abanca Corporación Bancaria, S.A., como tesoureiro; Ismael Olveira Lema, como secretario; e José Manuel Cajaraville Varela e Juan José Busto Rodríguez, en representación da Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga); José Luis Lozano Paz, en representación da Asociación de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo; Benito García Sánchez, en representación do Clúster da Madeira de Galicia; Isabel Álvarez Balvís, en representación da Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga); Alejandro Arias Otero, en representación da Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (Serfoga); e Jacobo Feijóo Lamas, en representación da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia da Fundación Arume, con base nas materias que constitúen o seu obxecto e finalidade fundacional, polo que, dado que se cumpren os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 26 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 10 de marzo) clasificouse de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia a Fundación Arume, e adscribiuse á Consellería do Medio Rural para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

9. Con data do 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado (BOE) o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

En virtude do disposto pola súa disposición adicional terceira no seu punto 1, suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Así mesmo, de conformidade co punto 3 da citada disposición adicional, non obstante o anterior o órgano competente poderá acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifeste a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.

O 15 de marzo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 e en cuxo número sétimo se reproducen nos seus mesmos termos os puntos 1, 2 e 3 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

O 18 de marzo de 2020 publicouse no BOE o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, arriba sinalado, e en virtude do cal se modificou a disposición adicional terceira, relativa á suspensión dos termos e interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos, completándoa.

10. Con data do 30 de abril de 2020 o presidente da Fundación Arume solicitou a esta secretaría xeral técnica a continuación do procedemento de inscrición da devandita fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

11. Na data do 6 de maio de 2020 esta secretaria xeral técnica ditou resolución pola que se acorda a continuación do procedemento de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego e de declaración de interese da Fundación Arume, ao abeiro do establecido na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, modificada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica de Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 235, do 11 de decembro de 2018), corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Arume, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica de Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Arume.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería do Medio Rural.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020

María Jesús Lorenzana Somozaj
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural