Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2020 Páx. 20442

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a casa forte de Felpás, na parroquia de Santa Mariña, no concello de Outeiro de Rei (Lugo).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), que no seu artigo 8.3 indica: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais non declarados de interese cultural que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catalogo do patrimonio cultural de Galicia a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei».

No artigo 88.1 da LPCG especifícase «presúmese que concorre un significativo valor arquitectónico» nos edificios a que se refire a alínea d): «Os edificios destinados ao uso privado ou os conxuntos dos ditos edificios, de carácter rural ou urbano, construídos con anterioridade a 1803, que constitúan testemuño relevante da arquitectura tradicional rural ou urbana ou que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades, vilas e aldeas e dos núcleos tradicionais».

Finalmente, o artigo 10 da LPCG establece que os bens inmobles catalogados se integrarán nalgunhas das categorías previstas, entre as cales define a de monumento como: «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

A análise e informes realizados relativos ao conxunto que conforma a casa forte de Felpás conclúen que posúe os valores propios da cultura tradicional polas súas características construtivas, o mantemento das súas partes integrantes e o alto valor que ten para a comunidade, ademais de representar un exemplo notable dunha casa grande agrícola relacionada coa xestión e a estrutura de poder históricas, como amosa a presenza dun escudo nobiliario, a rotundidade e agrupación dos volumes das súas principais construcións e o muro que as recolle.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, despois do informe favorable dos seus servizos técnicos, emitiu a resolución pola que incoou o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da denominada casa forte de Felpás, sita no lugar de Felpás, na parroquia de Santa Mariña, no concello de Outeiro de Rei (Lugo), con data do 5 de novembro de 2018 (DOG núm. 229, do 30 de novembro).

Coa publicación da resolución iniciouse un período de información pública e foron notificados os interesados identificados e o Concello de Outeiro de Rei. Neste proceso presentouse unha única alegación que solicitaba a revisión do contorno de protección, que non foi estimada.

Así mesmo, debe tomarse en consideración a suspensión do cómputo de prazos administrativos derivados da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para xestionar a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

O artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia atribúe ao conselleiro competente en materia de patrimonio cultural a competencia para acordar a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. En virtude do artigo 3 da Orde do conselleiro de Cultura e Turismo do 21 de marzo de 2019, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección desta consellería, esta competencia foi delegada na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Á vista das devanditas competencias e da documentación recollida no expediente e nos informes dos servizos técnicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

RESOLVE:

Primeiro. Incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a casa forte de Felpás, na parroquia de Santa Mariña do concello de Outeiro de Rei (Lugo), como ben inmoble coa categoría de monumento e nivel de protección integral, consonte a descrición que figura no anexo I e a delimitación do ben e o seu contorno do anexo II desta resolución.

Segundo. Inscribir no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia o escudo da casa forte de Felpás, en virtude da súa condición de ben de interese cultural segundo o establecido no artigo 83.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e notificala ás persoas interesadas e ao Concello de Outeiro de Rei.

Disposición adicional única. Inclusión no planeamento urbanístico.

Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga ao Concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para aplicar o seu réxime de protección e conservación.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación segundo o disposto na Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2020

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición e réxime de protección

1. Denominación: casa forte de Felpás.

2. Localización.

– Provincia: Lugo.

– Concello: Outeiro de Rei.

– Parroquia. Santa Mariña.

– Lugar: Felpás.

– Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 Fuso 29): X=613.495 ,Y =4.774.623.

3. Descrición.

3.1. Inmobles obxecto da declaración.

O edificio, presenta unha certa vistosidade, aínda que perdeu o aspecto primitivo de fortaleza debido, sobre todo, á construción de recentes edificacións menores empregadas nos labores agrícolas. A pesar deste inconveniente, a torre érguese sobre unha planta rectangular cun piso baixo que ten unha porta de entrada e dous superiores. Na parte traseira este prisma únese con outro das mesmas formas que configura un ángulo e onde se sitúa a vivenda. Esta disposición dá lugar a un conxunto moi voluminoso e irregular con diferentes alturas. As cubertas, con tella do pais, son a catro augas. A vivenda presenta no primeiro andar unha porta alintelada que dá entrada a un soportal que, grazas a unha escaleira, facilita o acceso á planta principal onde aparecen dúas fiestras entre as cales destaca o escudo de armas. O desenvolvemento en altura da planta resólvese mediante placas unidireccionais de formigón armado con viguetas de perfís laminados de aceiro. A placa da cuberta resólvese mediante a mesma solución e é transitable e destinada a terraza.

3.2. Outras partes integrantes.

• Escudo: executado en granito, está formado por catro campos, que de esquerda a dereita e de arriba abaixo son: aguia explanada alusiva á familia Aguiar; barras e peixes dos Gayoso; o M coroado dos Sanjurjo-Montenegro; e os cinco potes ou caldeiros dos Calderón.

• Pombal: de grandes dimensións, é de planta circular de 4 metros de diámetro. Está realizado con muros de fábrica de cachotaría de pedra recebados polo exterior e con cuberta cónica rematada con lousa sobre estrutura de madeira. Os ocos de acceso das pombas sitúanse na parte superior. Destaca o feito de non estar illado, senón que se encaixa na esquina doutra edificación menor.

• Muro de peche: toda a parcela se atopa pechada por un muro de cachotaría de taco de lousa de máis de dous metros de alto, mentres que o camiño de entrada á torre está delimitado por un peche de chantos e edificacións menores pertencentes á parcela estremeira respecto da torre.

4. Estado de conservación.

• Estado xeral: o estado xeral das edificacións principais é aceptable sen ruínas aparentes.

• Alteracións: mantense, polo xeral, recoñecible a estrutura e os usos tradicionais con alteracións derivadas da súa función e adaptación ás necesidades da actividade agrícola. Algunhas das carpintarías exteriores substituíronse por outras novas en aluminio lacado. Así mesmo, o muro defensivo da parcela sufriu algunhas alteracións consecuencia da instalación de peches apoiados no propio muro e a plantación de arboredo e arbustos cuxas raíces e pólas penetran no propio muro.

5. Usos.

O uso característico é o residencial e de labores agrarios e gandeiros, compatible con outras actividades complementarias, en especial, as que teñan que ver coa difusión dos seus valores culturais. Outro tipo de usos (como o dotacional, equipamento ou hostalaría), deberán ser previamente analizados no contexto dun plan integral de conservación que avalíe a súa viabilidade.

6. Réxime de protección.

O conxunto queda sometido ao réxime de protección xeral recollido nos títulos II e IV da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para a conservación dos seus valores como parte do patrimonio inmoble arquitectónico, así como aos valores complementarios histórico, artístico, arqueolóxico e etnolóxicos, cun nivel de protección integral. As actuacións de conservación e restauración do inmoble priorizarán a recuperación dos sistemas e materiais construtivos tradicionais e compatibles cos valores culturais do ben, en especial naqueles lugares das construcións anexas e muro onde foron substituídos ou se introduciron sistemas construtivos recentes.

O nivel de protección integral supón a conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo. Porén, serán autorizables as intervencións que teñan por obxecto a integración das fábricas e sistemas construtivos que non respondan aos tipos e modelos tradicionais. Non se admitirán ampliacións das edificacións existentes. Os proxectos de conservación ou restauración do conxunto, se for o caso, analizarán a necesidade de realizar adaptacións puntuais das cubertas e os ocos das fachadas.

Dada a súa potencialidade arqueolóxica, as remocións de terras fóra das do normal uso agrícola dos predios poderán requirir a realización dunha actividade arqueolóxica previa, o que será determinado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no trámite das autorizacións correspondentes.

7. Categorización.

Natureza: inmoble.

Categoría: monumento.

Interese específico: patrimonio arquitectónico.

Nivel de protección: integral.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

• Delimitación: parcela murada que inclúe as edificacións de vivenda, anexos, pombal e muro, de referencias catastrais 27039A022000270000GG, 000400600PH17C0001YR, 000400800PH17C0001QR. Sinálase en cor azul no plano.

• Contorno de protección: o definido en planimetría polo seguintes elementos configuradores: polo sur a liña de ferrocarril Madrid-A Coruña; polo oeste pola autovía A6 Lugo-A Coruña; polo norte o camiño de Castro; e polo leste polas parcelas estremeiras do polígono industrial da Matela. Sinálase en cor vermella no plano.

missing image file