Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2020 Páx. 20439

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2020, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se acorda a continuación da tramitación dos procedementos das convocatorias abertas conxuntas.

Como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, e ante a recente declaración da Organización Mundial da Saúde (OMS) como pandemia, as consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Secretaría Xeral de Universidades, e de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), mediante a Orde do 13 de marzo de 2020, suspenderon a tramitación das convocatorias de axudas conxuntas que estaban abertas co obxecto de garantir os dereitos de todas as entidades participantes.

Así mesmo, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante a cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, interrompeuse o prazo para a tramitación destas convocatorias.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de abril de 2020 sobre a continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se aprobasen e publicasen as correspondentes bases reguladoras e a convocatoria pero non se ditase resolución de concesión nese momento.

O 8 de maio de 2020, o Consello da Xunta de Galicia autorizou a continuación, entre outros, da tramitación dos procedementos relativos á concesión das axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral e para a consolidación e estruturación dos grupos de investigación das universidades galegas e demais entidades que conforman o I+D+i galego.

En consecuencia, e no uso das atribucións que temos conferidas,

ACORDAMOS:

Artigo único

1. A continuación da tramitación do procedemento de concesión de subvencións dos seguintes procedementos:

a) Os procedementos ED481A e IN606A do Programa de apoio á etapa predoutoral, en fase de tramitación e resolución, regulados pola Orde do 20 de decembro de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2020, publicada no DOG número 25, do 6 de febreiro de 2020.

b) Os procedementos ED431C, IN607A, ED431B, IN607B, ED431F e IN607D do Programa de consolidación, en fase de presentación de solicitudes, regulados pola Orde do 31 de decembro de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2020, publicada no DOG número 32, do 17 de febreiro de 2020.

O prazo de presentación de solicitudes, que finalizaba o 17 de marzo de 2020, quedou interrompido pola Orde do 13 de marzo de 2020 e pola declaración do estado de alarma, polo que se reabre o prazo de solicitudes durante os restantes 5 días naturais que contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta resolución poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ou a persoa titular da Presidencia da Gain, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria