Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2020 Páx. 20469

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 2 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Endesa Generación, S.A., para a súa central térmica e vertedoiro de residuos non perigosos situados no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) (expediente 2018-IPPC-M-61).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Informe xustificativo sobre a adaptación da central térmica das Pontes ás conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles aplicables a grandes instalacións de combustión, marzo 2020.

Para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

Non obstante o anterior, e de conformidade coas disposicións adicionais terceira e cuarta do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o inicio do prazo comezará a computar no momento en que perda vixencia o estado de alarma declarado pola dita disposición ou as súas eventuais prórrogas

O documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2018-IPPC-M-61.

Núm. da autorización ambiental integrada: 2005/0479_AIA/IPPC_025.

Categoría principal da actividade: anexo I, grupo 1.1.a).

Categoría da actividade secundaria: anexo I, grupo 5.4.

Titular: Endesa Generación, S.A.

CIF: A-82434697.

Enderezo do titular: avenida da Borbolla, 5, 41004 Sevilla.

Enderezo da instalación: A Balsa, s/n, 15320 As Pontes de García Rodríguez, A Coruña.

Actividades principal e secundaria: produción de enerxía eléctrica e eliminación de residuos non perigosos en vertedoiro

Descrición das instalacións: a actividade da central térmica das Pontes atópase englobada no sector eléctrico, concretamente na produción de electricidade mediante carbón. A central dispón de 4 grupos térmicos de xeración de enerxía eléctrica, agrupados en 2 fases (fase I: grupos I e II; fase II: grupos III e IV) que consumen carbón como combustible e empregan fuel óleo e gasóleo nas operacións de arranque.

Vertidos: a central dispón dunha planta de tratamento dos efluentes líquidos (PTEL) que se producen na planta:

• Augas residuais industriais, sanitarias e de escorreduras xeradas na central e no ciclo combinado das Pontes.

• Augas residuais industriais (lixiviados) xeradas no vertedoiro de residuos non perigosos.

• Augas de escorreduras xeradas no parque de carbóns de Saa.

• Augas pluviais do parque de carbóns da central.

• Augas pluviais do punto de transferencia K (punto onde se acumulan temporalmente cinzas voantes extraídas por vía húmida desde os precipitadores electrostáticos, antes de ser trasladadas ao vertedoiro da instalación ou ben entregadas a comprador externo).