Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2020 Páx. 20483

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Cámara Oficial Mineira de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2020 pola que se convocan as eleccións para a renovación da Xunta Directiva.

O artigo 37 do Regulamento para o réxime interior da Cámara Oficial Mineira de Galicia, aprobado por Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 5 de abril de 2018, sinala que lle corresponde ao presidente da cámara a convocatoria de eleccións para a renovación da Xunta Directiva desta, logo da comunicación ao órgano tutelar.

Tras a comunicación ao órgano tutelar e dentro dos prazos establecidos no citado artigo 37 do regulamento, con data do 16.1.2020, o presidente da cámara acordou a apertura do proceso electoral.

Para garantir a transparencia e a obxectividade deste proceso electoral, conforme o artigo 39 do regulamento, constituíuse a Xunta Electoral o 29.1.2020, con sede no domicilio social da Cámara Oficial Mineira de Galicia.

Unha vez aberto o proceso electoral e transcorridos os prazos previstos para a exposición pública dos censos electorais e de reclamacións, e aprobada pola Asemblea do 23.4.2020 a estrutura e composición da Xunta Directiva para o próximo período electoral, corresponde ao presidente da cámara a convocatoria das eleccións para a renovación da Xunta Directiva.

ACORDO:

Un. Obxecto

Convocar eleccións para a renovación da Xunta Directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia.

Dous. Prazo e presentación das persoas electoras

As candidaturas elixibles por sufraxio do electorado presentarán un escrito ante a Secretaría da cámara durante os dez días seguintes á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo rematará ás 24 horas do décimo día, contado desde a devandita data.

Tres. Requisitos e proclamación dos candidatos

1. Os candidatos a formaren parte da Xunta Directiva da cámara, ademais de cumpriren os requisitos necesarios para seren electores, deberán cumprir os requisitos previstos no artigo 36 do Regulamento para o réxime interior da Cámara Oficial Mineira de Galicia, aprobado mediante Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 5 de abril de 2018.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas conforme o artigo 36 do regulamento, a Xunta Electoral, despois de comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos para a presentación de candidaturas, procederá á proclamación dos candidatos no prazo de cinco días contados desde a data en que finalizou a súa presentación.

Catro. Data e horario das eleccións por sufraxio do electorado

As eleccións dos vogais de Xunta Directiva dos distintos grupos e categorías terán lugar o 30.6.2020 na sede da cámara, entre as 9.00 e as 19.30 horas.

Cinco. Proclamacións de electos sen elección

Segundo o artigo 40.3 do regulamento, cando o número de candidatos proclamados por un grupo ou categoría resulte igual ao dos membros que se van elixir, a súa proclamación equivalerá á elección e esta, polo tanto, non se efectuará.

No caso de que o número de candidatos for inferior ao dos membros para elixir, a Xunta Electoral dará por elixidos os proclamados e no prazo de oito días elixirá, mediante sorteo entre os socios electores e elixibles do grupo ou categoría correspondente, os necesarios para cubrir as vacantes.

A Secretaría da cámara convocará os membros electos nun prazo non superior a un mes desde a súa elección, para tomaren posesión e constituír a nova xunta directiva.

Seis. Colexio electoral

O colexio electoral único instalarase no domicilio social da Cámara Oficial Mineira de Galicia: rúa Juan Flórez 33-35, entrechán esquerdo, 15004 A Coruña.

Sete. Mesa electoral

A mesa electoral estará formada por un presidente e dous vogais designados pola Xunta Electoral de entre os socios electores e elixibles que non sexan candidatos, segundo o artigo 44 do regulamento.

Oito. Voto por correo

As persoas electoras que prevexan que na data das eleccións non poderán comparecer nos colexios electorais poderán exercer o seu dereito ao voto emitíndoo por correo postal certificado e urxente ou electrónico ao enderezo cmg@camaraminera.org, logo da solicitude persoal á cámara, dentro dos dez días seguintes ao da publicación desta convocatoria, segundo o modelo normalizado que figura na web da Cámara Oficial Mineira de Galicia (https://camaraminera.org/) conforme o artigo 41 do regulamento.

Nove. Papeletas e sobres

As papeletas e sobres para o voto presencial ou por correo seguirán os modelos normalizados que figuran na web da Cámara Oficial Mineira de Galicia (https://camaraminera.org/) conforme o artigo 41 do regulamento. Nas papeletas indicaranse, no caso de persoas físicas, os apelidos e o nome e, no caso de persoas xurídicas, a denominación social das persoas candidatas ordenadas alfabeticamente, de forma que a persoa electora marcará cunha cruz o recadro da papeleta normalizada correspondente aos candidatos ou á lista da súa elección. As papeletas configuradas e impresas despois da proclamación de candidatos manterán a súa validez durante todo o proceso electoral.

Dez. Modelos normalizados

Co fin de garantir o exercicio adecuado do voto estarán á disposición dos socios electores e elixibles os modelos normalizados na web da Cámara Oficial Mineira de Galicia (https://camaraminera.org/).

A Coruña, 11 de maio de 2020

Juan de Dios Martín Aparicio
Presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia