Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 19 de maio de 2020 Páx. 20647

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2020 pola que se modifica a Resolución do 13 de abril de 2020, pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415A).

Mediante a Resolución do 13 de abril de 2020 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 72, do 15 de abril).

No artigo 6 das bases reguladoras establécense as condicións dos proxectos subvencionables, nomeadamente, no número 2:

«2. Os proxectos terán que propor a obtención rápida dunha primeira remesa de produtos cuantificable, en todo caso, antes do 10 de xullo de 2020».

E no número 3:

«3. Ao remate do prazo de execución, os produtos deberán estar certificados ou, cando menos, xustificar a presentación da solicitude de certificación oficial».

Considérase que a data do 10 de xullo deixa un prazo demasiado curto, tendo en conta o tempo que pode levar reorganizar as liñas de produción, aprovisionarse de materiais e dispor dos produtos listos para o mercado, e que os equipamentos sanitarios van seguir sendo necesarios cando remate o estado de alarma.

Considérase tamén que algúns dos produtos dos que se pretende favorecer a produción con estas axudas non están suxeitos á certificación previa á súa utilización.

Por outra banda, o termo homologación non é aplicable ao ámbito de fabricación de equipamento sanitario, polo que procede a súa eliminación na redacción do texto.

Asemade, o pasado 24 de abril entrou en vigor o Regulamento (UE) 2020/558, que modifica os regulamentos (UE) 1301/2013 e 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao abrocho de COVID-19.

A dita modificación afecta estas bases reguladoras en canto a eliminar o requisito de non ser empresas en crise para poderen ser beneficiarias das axudas e a que se poden considerar subvencionables proxectos que xa estean finalizados no momento da solicitude da axuda.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 30 de abril de 2020, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 13 de abril de 2020 pola que se publica o acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva

Os artigos 4.4, 5.1, 6.2, 6.3 e 6.4, 7, 11.3, 16.5.e) e 18.4 da Resolución do 13 de abril de 2020 pola que se publica o acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, quedan redactados do seguinte xeito:

«Artigo 4:

4. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007 ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei e as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas consecuencia dunha decisión da Comisión Europea».

«Artigo 5.1:

– Asistencias técnicas para a identificación e control das especificacións técnicas e/ou certificación de produto necesarias para que o anterior equipamento sanitario poida ser utilizado inmediatamente despois da súa produción».

«Artigo 6:

2. Os proxectos terán que propor unha obtención cuantificada dos equipamentos sanitarios para producir antes do remate do prazo de execución o 30 de outubro de 2020.

3. Os produtos que estean suxeitos á certificación previa á súa utilización deberán obtela ou, cando menos, xustificar a presentación da solicitude de certificación antes do remate do prazo de execución o 30 de outubro de 2020.

4. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a entrada en vigor do Real decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma (14 de marzo de 2020) ata o 30 de outubro de 2020. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable».

«Artigo 7:

No caso de que o produto non obteña a certificación téndoa solicitado, aplicarase o disposto no artigo 18.4 e considerarase un incumprimento parcial, reducindo a subvención ao 40 % do importe subvencionable».

«Artigo 11:

3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014».

«Artigo 16.5:

e) Documentación xustificativa do proceso de certificación do produto que se vai fabricar ou acreditación do inicio do proceso (no caso de produtos non certificables, composición do produto)».

«Artigo 18.4:

Así mesmo, se o produto obtido pola empresa solicitante non acada finalmente a certificación das autoridades nacionais téndoa solicitado, e á beneficiaria lle correspondese só a intensidade de axuda indicada no artigo 7 para este suposto, procederá o reintegro do exceso percibido sen xuros de demora».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será aplicable ás solicitudes que xa se tivesen presentado no momento da súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica