Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 22 de maio de 2020 Páx. 20907

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 13 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento SI427A).

Mediante a Resolución do 13 de decembro de 2019 establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para o ano 2020 (código de procedemento SI427A).

Estas axudas teñen como finalidade o desenvolvemento de programas que fomenten a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, a través de programas que inclúen unha atención personalizada e especializada para a integración social e laboral das participantes, e responder a un dos seguintes tipos:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única da Resolución do 13 de decembro de 2019.

Esta convocatoria tramitouse como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do disposto no artigo 1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito adecuado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2019.

De acordo co establecido no artigo 2 da convocatoria, o crédito destinado ao financiamento destas axudas é o seguinte:

Aplicación

Proxecto

Importe

2019.05.11.313B.481.2

2015.00142

1.300.000,00

Ao existir remanente doutra convocatoria financiada con cargo ao mesmo crédito, e logo da xeración de crédito financiado con fondos europeos do Marco 2014-2020, co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas, considérase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada, a través dos supostos previstos nas letras a) e b) do artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 2.4 da Resolución do 13 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

En consecuencia co exposto, de acordo co previsto no Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade a aprobación das bases, da convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións, así como a administración dos créditos para gastos do seu respectivo ámbito de competencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista no artigo 2.1 da Resolución do 13 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento SI427A).

2. O incremento da dotación será de 122.128,45 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.481.2, no código de proxecto 2015.00142, coa denominación Recursos integrais para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, consignada no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

3. O crédito total dispoñible para atender as axudas previstas na citada Resolución do 13 de decembro de 2019 queda así establecido en 1.422.128,45 euros:

Aplicación

Proxecto

Crédito inicial

Ampliación

Crédito total

05.11.313B.481.2

2015.00142

1.300.000,00

122.128,45

1.422.128,45

4. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 7.1 da Resolución do 13 de decembro de 2019 nin supón o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade