Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 22 de maio de 2020 Páx. 20939

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación do procedemento regulado pola Resolución do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XI Manuel María de literatura dramática infantil e XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2020 (código de procedemento CT214A).

1. O día 5 de decembro de 2019 publicouse no DOG número 232 a Resolución do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XI Manuel María de literatura dramática infantil e XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2020 (código de procedemento CT214A).

No parágrafo 4 da base cuarta establécese que o prazo comezará o día seguinte ao da publicación das bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 4 de maio de 2020.

2. O día 14 de marzo de 2020 publícase no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, que establece, na súa disposición adicional terceira, a suspensión de termos e a interrupción de prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, o que provocou unha parálise total da actividade económica, ante este novo escenario social.

3. Con posterioridade, o día 18 de marzo publícase no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións, dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

4. O 8 de abril de 2020, no DOG núm. 69-Bis, publicouse a Resolución do 3 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, de continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, na cal se dispón:

«Con carácter previo á adopción, polos órganos competentes do sector público autonómico, de resolución motivada de continuación dos procedementos de adxudicación de contratos que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento, deberá someterse a proposta de continuación a valoración polo Consello da Xunta de Galicia co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre as actuacións que deban continuar, por referírense a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou por seren indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, de acordo co número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables».

5. O día 24 de abril de 2020 o Consello da Xunta acorda a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, considerando o procedemento CT214A Premios XXV Álvaro Cunqueiro, XI Manuel María e XIV Barriga Verde como de interese xeral.

6. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. Segundo establece o artigo 5 da Lei 4/2008, a Agadic exercerá, entre outras, as seguintes funcións: estimular a creación, avivar o talento e a capacitación e incitar ao recoñecemento social e económico de artistas e autores e autoras, en canto subministradores de recursos inmateriais no proceso de produción.

A actual situación do estado de alarma e as medidas adoitadas están a ter un grande impacto no sector cultural e os primeiros informes de impacto apuntan a unha recuperación máis tardía que noutros sectores. Será dos últimos sectores en volver á normalidade, de aí a necesidade de dar continuidade, entre outras, á presente convocatoria, tratando de contribuír á reactivación do sector destinatario e continuando e ampliando o prazo para que poidan acceder o maior número de interesados.

Por estes motivos

RESOLVO:

1. Continuar a tramitación do procedemento de concesión de subvencións da a Resolución do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XI Manuel María de literatura dramática infantil e XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2020 (código de procedemento CT214A).

2. Continuar o prazo de presentación de solicitudes por un período de 32 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia resultando ampliado o prazo de presentación de solicitudes regulado na base cuarta da citada resolución ata o 6 de xullo de 2020.

Contra a presente resolución, que pon fin a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a Axencia Galega das Industrias Culturais no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais