Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 22 de maio de 2020 Páx. 20927

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 13 de maio de 2020 relativa ás excepcións para o ano 2020 na execución dos controis administrativos e sobre o terreo establecidos nas convocatorias de subvencións desta consellería cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, de conformidade co Regulamento de execución (UE) 2020/532 da Comisión, do 16 de abril de 2020, que establece excepcións, para o ano 2020, aos regulamentos de execución (UE) 809/2014, (UE) 80/2014, (UE) 181/2014, (UE) 2017/892, (UE) 2016/1150, (UE) 2018/274, (UE) 2017/39, (UE) 2015/1368 e (UE) 2016/1240, no que se refire a determinados controis administrativos e sobre o terreo aplicables no marco da política agrícola común.

A Consellería do Medio Rural, co fin de garantir a máxima eficacia e eficiencia na súa xestión, dada a especial vulnerabilidade do sector agrario ás perturbacións económicas provocadas pola pandemia do COVID-19, e poder así contribuír a afrontar as dificultades financeiras e problemas de liquidez no sector, considera imprescindible axilizar o pagamento das subvencións cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Así, resulta evidente a indubidable afectación do normal desenvolvemento administrativo dos procedementos de subvencións pola evolución da pandemia como emerxencia de saúde pública, que determinou a adopción polas distintas administracións do Estado de medidas de carácter extraordinario, que culminaron en España coa declaración do estado de alarma en todo o territorio nacional mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo de 2020, sucesivamente prorrogado.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020 establece a suspensión dos prazos administrativos desde a declaración do estado de alarma, cuxo cómputo proseguirá no momento en que perda vixencia a declaración do estado de alarma ou das súas prórrogas.

O Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, entre outras modificacións dá nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Con posterioridade, o Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, adopta medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19. En particular, no seu artigo 54 establece en relación coas medidas en materia de subvencións e axudas públicas que: «Nos procedementos de concesión de subvencións, as ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que xa fosen outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020 poderán ser modificadas para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, de ser o caso, de xustificación e comprobación da dita execución, aínda que non se recollese nas correspondentes bases reguladores. Para estes efectos, o órgano competente deberá xustificar unicamente a imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante a vixencia do estado de alarma, así como a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación».

Pola súa parte, o Regulamento de execución (UE) 2020/532 da Comisión, do 16 de abril de 2020, que establece excepcións, para o ano 2020, aos regulamentos de execución (UE) nº 809/2014, (UE) nº 180/2014, (UE) nº 181/2014, (UE) 2017/892, (UE) 2016/1150, (UE) 2018/274, (UE) 2017/39, (UE) 2015/1368 e (UE) 2016/1240, no que se refire a determinados controis administrativos e sobre o terreo aplicables no marco da política agrícola común, establece a posibilidade de acudir a «controis equivalentes» para substituír as visitas de certificación, ben coa comprobación con soporte documental fotográfico ou a realización desas comprobacións tras a realización do pagamento final.

Finalmente, ao abeiro do seu Acordo do 3 de abril de 2020, o Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril ditou acordo sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público, autorizando que o órgano concedente da subvención poida acordar, mediante resolución debidamente motivada, a continuación dos prazos de execución da actuación ou proxecto subvencionado ou dos prazos de xustificación ou comprobación e os pagamentos que estivesen pendentes en relación coas subvencións concedidas, así como a posibilidade de exceptuar a necesidade de comprobación material do investimento, de acordo co disposto no artigo 30.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou recoller medidas de adaptación desta comprobación material á situación existente.

Neste sentido, debe lembrarse que a dita comprobación material aparece regulada no número 2 do artigo 30 da Lei 9/2007, o cal sinala non soamente que nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, senón tamén que da dita comprobación material quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario. Polo tanto, a comprobación material nos termos previstos na normativa de subvencións, coa sinatura dunha acta de conformidade da dita comprobación material, a cal exixe cando menos do concurso de dúas persoas, representante da Administración e beneficiario da subvención, fai que non resulte conciliable na maior parte dos casos o cumprimento do requisito da comprobación material coas medidas de prevención e loita contra o COVID-19.

En consecuencia, de conformidade coas competencias que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito rural de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos artigos 30.1.3 e 27.10 que, respectivamente, determinan a súa competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, e de montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto na Constitución española; no exercicio das ditas competencias, a través da Consellería do Medio Rural ao abeiro do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, e de conformidade co establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e demais disposicións do corpo normativo ditado en sede do estado de alarma decretado por razón da emerxencia sanitaria COVID-19 actualmente existente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Co obxecto de axilizar os pagamentos naquelas convocatorias e bases reguladoras de axudas vixentes da Consellería do Medio Rural cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se recollen no anexo desta orde, os controis administrativos e sobre o terreo establecidos no Regulamento de execución (UE) 809/2014 de aplicación realizaranse conforme o Regulamento de execución (UE) 2020/532 da Comisión, do 16 de abril de 2020, que establece excepcións, para o ano 2020, aos regulamentos de execución (UE) nº 809/2014, (UE) nº 180/2014, (UE) nº 181/2014, (UE) 2017/892, (UE) 2016/1150, (UE) 2018/274, (UE) 2017/39, (UE) 2015/1368 e (UE) 2016/1240, nos termos recollidos nos artigos seguintes.

Artigo 2. Controis administrativos e sobre o terreo no caso das medidas Feader non relacionadas co sistema integrado de xestión e control

1. No caso das medidas Feader non relacionadas co sistema integrado de xestión e control, non relacionadas coa a superficie nin cos animais, cando, debido ás medidas impostas para facer fronte á pandemia do COVID-19, como parte dos controis administrativos, non sexa posible realizar unha visita ao lugar da operación obxecto de axuda ou á localización do investimento para comprobar a súa realización antes de conceder os pagamentos finais, substituiranse as ditas visitas, mentres as medidas antes citadas sexan de aplicación, por calquera medio de proba documental suficiente, incluídas as fotografías xeorreferenciadas, que achegue o beneficiario e que permitan extraer conclusións definitivas, xunto coa presentación dunha declaración responsable do beneficiario da axuda en que manifeste que levou a cabo o proxecto subvencionado.

Se estas visitas non poden substituírse por medios de proba documentais suficientes, as ditas visitas levaranse a cabo unha vez efectuado o pagamento final. Neste caso, nas submedidas xestionadas pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, as ditas comprobacións serán realizadas, sobre as solicitudes de pagamento pendentes de comprobar in situ no momento de entrada en vigor desta orde, indistintamente, por un ou dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, por persoal dunha empresa pública medio propio da Xunta de Galicia ou por persoal dun ente instrumental da Administración.

De igual xeito que para as comprobacións previas ao pagamento cando, debido ás medidas impostas para facer fronte á pandemia do COVID-19, non sexa posible realizar os controis sobre o terreo, estes substituiranse por calquera medio de proba documental suficiente, incluídas as fotografías xeorreferenciadas, que achegue o beneficiario e que permitan extraer conclusións definitivas acerca da realización da operación, xunto coa presentación dunha declaración responsable do beneficiario da axuda, en que manifeste que levou a cabo o proxecto subvencionado.

A mostra de control para os controis sobre o terreo representará como mínimo o 3 % dos gastos mencionados no artigo 46 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que se soliciten ao organismo pagador e non correspondan a operacións para as cales só se solicitaran anticipos.

2. Respecto dos controis referidos no número anterior, atendendo á submedida concreta da subvención de que se trate, os controis que se efectuarán adaptaranse ao seguinte:

a) Submedida 4.1. Investimentos en explotacións agrícolas (incluídas as especializadas en produción vexetal). En casos concretos de adquisición de maquinaria e equipamento poderá ser suficiente a declaración responsable do beneficiario xunto coas fotografías xeorreferenciadas . Porén, no caso de financiamento de obra civil realizarase unha visita de control posterior ao pagamento da axuda para extraer conclusións definitivas acerca da realización da operación.

b) Submedida 6.1. Creación de empresas para persoas agricultoras mozas. Cando o plan empresarial inclúa investimentos en obra civil realizarase unha visita posterior ao pagamento final. No caso de non ter investimentos considerarase válida a comprobación mediante as fotografías xeorreferenciadas xunto coa presentación dunha declaración responsable do beneficiario, sempre que permitan extraer conclusións definitivas acerca da realización da operación.

c) Submedida 6.3. Pequenas explotacións. Considerarase válida a comprobación do cumprimento do plan empresarial mediante fotografías xeorreferenciadas e unha declaración responsable que achegue o beneficiario e que permitan extraer conclusións definitivas acerca da realización da operación.

d) Submedida 4.2. Investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. A comprobación previa ao pagamento realizarase a través de actas notariais e/ou outras probas documentais suficientes (albarás de entrega, fotografías datadas, certificados de directores de obra…) e fotocopias dos libros contables cunha declaración de autenticidade do administrador legal da empresa, no caso de verificación da realidade dos gastos xustificados na contabilidade da empresa.

e) Submedida 8.3. Axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor),

As comprobacións anteriores á resolución de concesión das subvencións incluirán: a declaración responsable da persoa representante da entidade solicitante indicando que non se iniciaron os investimentos previamente á resolución da concesión; o nomeamento dun/dunha técnico/a forestal competente como director/a das obras por parte da persoa representante da entidade solicitante; a certificación asinada polo/a director/a das obras indicando que, tras a inspección realizada, verificou que as superficies propostas de traballo se axustan á documentación presentada coa solicitude e que os traballos non se executaron e son viables; unha reportaxe fotográfica con fotografías xeorreferenciadas achegada pola persoa solicitante.

En canto ás comprobacións posteriores á execución das actividades subvencionadas, incluirán: a certificación fin de obra emitida polo/a director/a das obras indicando que as obras (puntos de auga, rozas) foron realizados conforme a solicitude e a memoria inicial ou modificada presentada pola entidade beneficiaria, especificando número de hectáreas en que se actuou ou as unidades de obra executadas que procedan; unha reportaxe fotográfica con fotografías xeorreferenciadas achegada pola persoa solicitante.

f) Submedidas 8.10, 8.31 e 8.5. Axudas para a creación de superficies forestais e axudas ás accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais.

As comprobacións anteriores á resolución de concesión de axuda das solicitudes (inspeccións previas) que non se teñan realizado no momento de entrada en vigor desta orde incluirán fotografías xeorreferenciadas que xustifiquen a non realización dos investimentos, e unha declaración responsable da persoa solicitante que indique que non se iniciaron os investimentos con data anterior á dita declaración responsable, así como que os investimentos solicitados cumpren as condicións das bases reguladoras e que son viables os traballos solicitados.

En calquera caso, a partir da entrada en vigor desta orde e para axilizar a tramitación dos correspondentes pagamentos, as persoas beneficiarias poderán achegar ao órgano xestor de cada subvención a declaración responsable, as fotografías xeorreferenciadas e demais documentación, segundo o determinado para cada submedida neste punto, sen prexuízo do requirimento que, para tal efecto, realice o órgano xestor da subvención.

Artigo 3. Controis administrativos e sobre o terreo no caso das medidas Feader relacionadas co sistema integrado de xestión e control

1. No caso das medidas do Feader relacionadas co sistema integrado de xestión e control, é dicir, réximes de axuda por superficies e por animais, cando, debido ás medidas impostas para facer fronte á pandemia do COVID-19, non sexa posible realizar os controis relativos á campaña de solicitude do ano 2020, en particular as visitas de campo e os controis sobre o terreo, e aqueles controis necesarios para garantir unha verificación efectiva de determinados criterios de admisibilidade, compromisos e outras obrigas que só poidan comprobarse durante un período específico, poderanse substituír pola utilización da fotointerpretación de ortoimaxes de satélite ou aéreas ou outras probas suficientes, incluídas as probas achegadas polo beneficiario por instancia da autoridade competente como, por exemplo, fotografías xeorreferenciadas ou outros medios de proba suficientes, como complemento da posibilidade de utilizar a teledetección, que permitan extraer conclusións definitivas a satisfacción da autoridade competente.

No caso dos controis sobre o terreo correspondentes a subvencións de animais poderá decidirse efectuar eses controis, con respecto á campaña de solicitude de 2020, en calquera momento do ano, sempre que estes permitan aínda a comprobación dos requisitos de admisibilidade.

As mostras de control correspondentes á campaña de solicitude 2020 para os controis sobre o terreo incluirán, como mínimo, o 3 % de todos os beneficiarios que soliciten acollerse ás medidas de desenvolvemento rural.

Artigo 4. Avaliación dos medios de proba presentados polos beneficiarios

O órgano xestor competente de cada subvención avaliará a suficiencia dos concretos medios de proba presentadas polos beneficiarios e poderá requirirlles a presentación de probas complementarias ou substitutivas, nun prazo non inferior ao establecido para a presentación dos primeiros.

Disposición adicional única. Aplicación das disposicións relativas aos controis administrativos e sobre o terreo a subvencións non cofinanciadas con Feader

1. As excepcións para ao ano 2020 respecto das comprobacións administrativas anteriores ao pagamento final e das mostras de control sobre o terreo nas porcentaxes mínimas establecidas no artigo 2 serán de aplicación ás convocatorias de subvencións da Consellería do Medio Rural que incluísen eses tipos de controis con independencia de que non sexan cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

2. En particular, cando as bases reguladoras ou as convocatorias de subvencións recollan como controis administrativos a realización de visitas in situ ou inspeccións por parte do órgano concedente da axuda para comprobar o non inicio dos investimentos previamente á resolución de concesión e ante a situación existente debido ás medidas impostas para facer fronte á pandemia do COVID-19, entenderase que as ditas visitas poderán ser substituídas por calquera medio de proba documental suficiente, incluídas as fotografías xeorreferenciadas, que achegue o solicitante, xunto coa presentación dunha declaración responsable en que manifeste que non iniciou o proxecto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Centro directivo

Título

Dirección Xeral de Defensa do Monte

Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (códigos de procedemento MR651A e MR651B). DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2020.

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Orde do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR670B). DOG núm. 232, do 5 de decembro de 2019.

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Orde do 19 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019.

DOG núm. 13, do 18 de xaneiro de 2019.

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR605A). DOG núm. 17, do 27 de xaneiro de 2020.

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Orde do 19 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019. DOG núm. 24, do 4 de febreiro de 2019.

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia

2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR462B). DOG núm. 30, do 13 de febreiro de 2020.

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018. DOG núm. 17, do 24 de xaneiro de 2018.

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 para a concesión das primas de mantemento, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, relacionadas cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (código de procedemento MR674B). DOG núm. 241, do 19 de decembro de 2019.

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 para a concesión das primas de mantemento das forestacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia

2014-2020 (código de procedemento MR670C). DOG núm. 229, do 2 de decembro de 2019.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se convocan para o ano 2016 as axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. DOG núm. 247, do 29 de decembro de 2015.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 29 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

DOG núm. 64, do 31 de marzo de 2017.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 9 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018. DOG núm. 54, do 16 de marzo de 2018.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 16 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (códigos de procedemento MR405A, MR404A e MR405B). DOG núm. 94, do 20 de maio de 2019.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 23 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018. DOG núm. 149, do 6 de agosto de 2018.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 12 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia

2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR419A). DOG núm. 143, do 30 de xullo de 2019.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 7 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR323C). DOG núm. 94, do 20 de maio de 2019.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 18 decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2018. DOG núm. 9, do 12 de xaneiro de 2018.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2020 (código de procedemento MR340A). DOG núm. 16, do 24 de xaneiro de 2020.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 15 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR536A). DOG núm. 237, do 13 de decembro de 2019.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do de de 2020 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2020.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 27 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para 2019-2020. DOG núm. 23, do 1 de febreiro de 2019.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas para o período 2019-2023, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2020 (código de procedemento MR361A). DOG núm. 238, do 16 de decembro de 2019.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 21 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR440D). DOG núm. 231, do 4 de decembro de 2019.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 12 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2019. DOG núm. 243, do 21 de decembro de 2018.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas para o período 2019-2023, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2018. DOG núm. 19, do 26 de xaneiro de 2018.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas para o período 2019-2023, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2019. DOG núm. 9, do 14 de xaneiro de 2019.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 1 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2017. DOG núm. 116, do 20 de xuño de 2017.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 4 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2018. DOG núm. 73, do 16 de abril de 2018.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2019. DOG núm. 28, do 8 de febreiro de 2019.

Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)

Orde do 22 de xaneiro de 2019 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control. DOG núm. 22, do 31 de xaneiro de 2019.

Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)

Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR239O e MR239G). DOG núm. 33, do 18 de febreiro de 2020.