Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 25 de maio de 2020 Páx. 21085

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2020 pola que se declara a continuación da tramitación dos procedementos que regulan as ordes de regulación da aplicación de pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control nas diversas campañas, e as resolucións de axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares.

Por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, deuse publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Neste acordo, entre outros aspectos, prevíase, conforme o disposto na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No entanto, prevíase, en cumprimento tamén do establecido no devandito real decreto, que o órgano competente podía acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifeste a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.

Con posterioridade publicouse no BOE núm. 73, do 18 de marzo, o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

De acordo co disposto no número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, para a continuación dos procedementos de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do devandito real decreto, e que actualmente se atopasen suspendidos, debe adoptarse unha decisión motivada polos órganos en cada caso competentes, que permita, de ser o caso, o ditado da correspondente resolución de concesión da subvención.

Conforme o disposto no número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con carácter previo á adopción da decisión de continuación dos procedementos de concesión de subvencións que estivesen en tramitación na data de entrada en vigor do dito real decreto é preciso que o Consello da Xunta de Galicia efectúe unha valoración das circunstancias concorrentes para efectos de decidir, de forma coordinada para todo o sector público, as actuacións actualmente suspendidas que deben continuar, por referirse a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou por ser indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables derivadas da urxencia sanitaria. Así o acordou o Consello da Xunta de Galicia no seu acordo do 3 de abril de 2020.

O Consello da Xunta de Galicia o día 3 de abril de 2020 adoptou un acordo sobre iniciación, continuación e aprobación de expedientes de contratación e de subvencións, que se publicou no DOG o día 8.4.2020.

Nese acordo reflectiuse o seguinte:

Primeiro. Declarar, mentres se manteña a declaración de estado de alarma e de situación de urxencia sanitaria, de interese xeral e indispensables para o funcionamento básico dos servizos as actuacións internas de inicio, impulso, ordenación e instrución (incluída a petición e emisión de informes) integrantes dos expedientes de contratación e de subvencións do sector público autonómico e previas aos actos de fiscalización e de aprobación, sempre que se poidan realizar cos medios persoais dispoñibles nas condicións establecidas polo Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do 15 de marzo de 2020, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Segundo. Para estes efectos e respecto de cada expediente en particular, os correspondentes órganos competentes dispoñerán, mediante resolución motivada, o inicio ou a continuación dos expedientes nos que se dean as circunstancias anteditas ata o momento procedemental sinalado, con base no establecido nos números 3 e 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Terceiro. Unha vez completada a tramitación interna dos expedientes nos termos indicados, isto é, ata o momento previo á fiscalización e á aprobación, deberá someterse a proposta de continuación de tales expedientes a valoración polo Consello da Xunta de Galicia co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre as actuacións que deben ser aprobadas, por referirse a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma ou por ser indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, de acordo co número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables derivadas da urxencia sanitaria.

O Consello da Xunta na súa reunión do día 24.4.2020

ACORDOU:

1. Autorizar que se poida acordar, polo órgano competente para a aprobación das bases reguladoras de subvencións, mediante resolución debidamente motivada, a continuación dos expedientes de subvencións, actualmente en tramitación, que se relacionan no anexo.

2. Autorizar que se poida acordar, polo órgano competente para a concesión da subvención, mediante resolución debidamente motivada, a continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tiveran aprobado e publicado no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión, que se relacionan no anexo.

3. Autorizar que se poida acordar, polo órgano concedente da subvención, mediante resolución debidamente motivada, a continuación dos prazos de execución da actuación ou proxecto subvencionado ou dos prazos de xustificación ou comprobación e pagamento que estivesen pendentes en relación coas subvencións concedidas, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

4. Os acordos motivados de continuación adoptados polos órganos competentes deberán ser notificados ás persoas interesadas nos procedementos ou ás persoas beneficiarias.

5. Respecto das subvencións xa concedidas no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, nos acordos motivados de continuación, os órganos concedentes deberán ponderar se, como consecuencia do COVID-19 ou das medidas adoptadas polas Administracións públicas para combatelo, procede unha modificación das ordes de convocatoria ou resolucións de concesión para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se é o caso, de xustificación e comprobación da dita execución, aínda que non se tivese recollido nas correspondentes bases reguladoras, sen prexuízo do dereito das persoas beneficiarias a solicitar a dita modificación.

De acordo co establecido no artigo 35.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando en subvencións plurianuais a modificación da resolución implique unha modificación do importe das anualidades previstas, só será necesaria a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia no caso de que os novos importes superen os límites fixados no artigo 58.3 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

No caso das subvencións instrumentadas mediante convenio, as ditas modificacións de prazos de execución ou xustificación deberán recollerse na correspondente addenda a este. No caso de que o convenio tivese sido previamente autorizado polo Consello da Xunta de Galicia, só será precisa unha nova autorización, de acordo co previsto no artigo 46.2 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma cando a modificación supere os límites aos que fai referencia o artigo 58.3 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

6. Así mesmo, as bases reguladoras ou convocatorias, ou nos acordos de continuación dos procedementos de concesión de subvencións xa aprobados ou de continuación da execución das actuacións subvencionadas referidas a subvencións xa concedidas, tendo en conta a situación excepcional existente derivada da declaración do estado de alarma e da situación de emerxencia sanitaria, poderá exceptuarse da necesidade de comprobación material do investimento, de acordo co disposto no artigo 30.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou recoller medidas de adaptación desta comprobación material á situación existente, con independencia do establecido, se é o caso, nas bases reguladoras e sen prexuízo do cumprimento das exixencias derivadas da normativa comunitaria para as subvencións financiadas con fondos desta procedencia. Nos supostos que se exceptúen da comprobación material, esta substituirase por una xustificación documental que constate, de forma razoable e suficiente, a realización da actividade subvencionada, nas condicións que determine o órgano competente e sen prexuízo das comprobacións que se efectuarán unha vez rematada a vixencia do estado de alarma e da situación de emerxencia sanitaria.

7. Debe terse en conta que a situación derivada da declaración do estado de alarma efectuada polo Goberno do Estado, da declaración de emerxencia sanitaria realizada polo Consello da Xunta de Galicia, e das medidas adoptadas pola Administración para a loita contra o COVID-19, poden supoñer perdas de actividade provocadas por peches temporais de locais, restricións no transporte público e, en xeral, na mobilidade das persoas e/ou das mercadorías, por falta de subministracións que impidan gravemente continuar co desenvolvemento ordinario da actividade, ou ben por situacións extraordinarias debidas ao contaxio das persoas traballadoras, ou pola adopción de medidas de illamento preventivo. Estas perdas de actividade terán a consideración de provenientes dunha situación de forza maior, sempre que queden debidamente acreditadas.

Deste modo, ademais da posible ampliación dos prazos aludida anteriormente, os órganos concedentes poderán, de forma motivada, de acordo cos principios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados na subvención e de eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos, e de acordo cos principios de obxectividade, igualdade e non discriminación entre as persoas beneficiarias, autorizar a modificación das condicións de concesión das subvencións outorgadas cando a execución das actividades ou prestación dos servizos obxecto de subvención, na forma na que estaban previstos, deveñan total ou parcialmente imposibles como consecuencia do COVID-19 ou das medidas adoptadas polas administracións públicas para combatelo na parte cuxa execución se volva imposible, desde que se producise a situación de feito que impide a súa execución ou prestación e ata que a dita execución ou prestación poida reiniciarse.

Para estes efectos, as modificacións das resolucións de concesión tramitaranse de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ben que non será necesario, dada a consideración da situación como de forza maior sobrevida, que exista unha previsión expresa sobre esta circunstancia nas bases reguladoras.

No caso das subvencións instrumentadas mediante convenio, as modificacións das condicións de concesión da subvención deberán recollerse na correspondente addenda a este. Para os efectos do disposto no artigo 46.2 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, non se entenderá que a mera modificación das condicións de concesión das subvencións outorgadas supoñen unha alteración do seu obxecto, polo que non será precisa por este solo feito unha nova autorización do Consello da Xunta de Galicia cando o convenio tivese sido previamente autorizado por este.

Este acordo implica a autorización do Consello da Xunta para a aprobación e fiscalización dos procedementos de concesión das subvencións contidos nas diversas ordes polas que se regulan a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, no que estivese pendente de aprobación e tamén dos procedementos relativos ás resolucións de subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares que se indican a continuación.

En concreto as ordes e resolucións, de competencia do Fogga, referidas no anexo I do acordo son as seguintes:

– Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 33, do 18 de febreiro).

– Orde do 22 de xaneiro de 2019 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro).

– Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

– Orde do 31 de xaneiro de 2017 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

– Orde do 29 de xaneiro de 2016 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 20, do 1 de febreiro).

– Orde do 10 de marzo de 2015 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 48, do 11 de marzo).

– Resolución do 18 de xuño de 2019 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2019/20 (DOG núm. 125, do 3 de xullo).

– Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2018/2019 (DOG núm. 137, do 18 de xullo).

– Futura resolución pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2020/2021.

Resulta procedente a continuación destes procedementos e a súa aprobación e sometemento á posterior fiscalización por tratarse dunhas actuacións que resultan indispensables para a protección do interese xeral. A continuidade destas subvencións resulta primordial para o mantemento do sector primario, aínda máis nunha situación como a actual, de acordo coa disposición adicional terceira.4 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

No mesmo sentido o día 13.4.2020 a Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acordou a non suspensión dos prazos para a tramitación da Orde pola que se modifican, para o ano 2020, diversos prazos establecidos nos reais decretos 1075/2014, 1076/2014, 1077/2014 e 1078/2014, todos eles do 19 de decembro, ditados para a aplicación en España da política Agrícola común.

Esta non suspensión permite, na mesma liña, en todo o territorio do Estado español a tramitación das subvencións da PAC. No acordo indícase expresamente que «é de interese xeral que o normal funcionamento do sistema de pagamentos da política agrícola común se manteña sen alteracións que poden evitarse mediante o levantamento da suspensión de tales prazos, de modo que non se produzan alteracións non desexadas no correcto devir da prestación económica ligada a estas actividades. Así mesmo, debe terse en conta que a norma que se pretende aprobar deriva dunha regulación europea, cuxo incumprimento comportaría negativas consecuencias non só para os perceptores de tal sistema, senón para o Reino de España como parte integrante da Unión Europea. De acordo co exposto, a suspensión dos prazos previstos atrasaría o seu cumprimento en tempo e forma, polo que, consecuentemente, en virtude do interese xeral, procede declarar a non suspensión dos devanditos prazos conforme o disposto no punto 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo».

Consonte co previsto na disposición adicional terceira.4 do Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en relación cos artigos 26 e 27 do Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria compete á persoa titular da Dirección do FOGGA ditar esta resolución.

Segundo todo o indicado resulta indubidable que ten que considerarse de interese xeral que o normal funcionamento do sistema de pagamentos da política agrícola común e da subministración de froita e leite escolar se manteña sen alteracións e que a tramitación das prestacións económicas ligadas a estas subvencións manteñan a súa continuidade.

Cómpre salientar que a tramitación destes expedientes de subvencións se pode efectuar cos medios persoais dispoñibles nas condicións establecidas polo Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do 15 de marzo de 2020, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Acordar a continuación dos procedementos administrativos regulados e derivados das diversas ordes citadas polas que se regulan a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control e das resolucións polas que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares das campañas referidas, e polo tanto, o levantamento da suspensión, por tratarse de actuacións que deben continuar, ao seren indispensables para a protección do interese xeral, así como a continuación dos procedementos administrativos de concesión e pagamento das subvencións reguladas nas ditas ordes e resolucións.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria