Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 25 de maio de 2020 Páx. 21081

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2020 referida ás medidas para a recuperación gradual da formación presencial e das actividades deste organismo.

A aparición e a evolución pandémica do coronavirus COVID–19 exixiu a adopción de medidas preventivas para protexer a saúde pública.

Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 foi declarada a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia, coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia polo titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

A activación do Plan territorial de Galicia (Platerga) implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), no cal se integrou a Xunta de Galicia, a Delegación de Goberno e a Fegamp, co obxecto de garantir o funcionamento, a coordinación e a operatividade do plan e as medidas que nel se adoptasen.

Posteriormente, o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que foi prorrogado ata agora en catro ocasións, a última a través do Real decreto 514/2020, do 8 de maio, ata o 24 de maio de 2020.

Neste senso, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 12 de marzo de 2020 acordou a adopción de medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm 49 bis, do 12 de marzo), complementado polas previsión contidas na Resolución desta dirección xeral do día 13 de marzo de 2020 pola que se dispón a suspensión temporal da actividade académica docente da Academia Galega de Seguridade Pública e, por tanto, do curso básico selectivo para o acceso á categoría de policía, correspondente a 12ª promoción de policía local de Galicia, acordando que o alumnado dese curso selectivo recén comezado se incorporase de xeito inmediato (16 de marzo de 2020) aos seus respectivos concellos para realizar, de xeito extraordinario, un período de prácticas, no marco do curso selectivo.

Neste momento, e no marco previsto no Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia de COVID-19, aprobado polo Consello de Ministros na súa reunión de 28 de abril de 2020, cómpre adoptar as decisións necesarias para conseguir que, mantendo como referencia a protección da saúde pública, se recupere paulatinamente a vida cotiá e a actividade económica, minimizando o risco que representa a epidemia para a saúde da poboación.

Entre as actuacións fundamentais da Agasp atópase a formación dos corpos de seguridade pública e das emerxencias de Galicia e, concretamente, a súa función principal formativa é impartir os cursos dirixidos ao ingreso e á promoción interna dos corpos das policías locais de Galicia, que se configuran como cursos de carácter obrigatorio establecidos na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia.

Así, o acordo do Consello da Xunta de Galicia prevé que para o desenvolvemento do plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña, se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer, e habilita o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo.

Tendo en conta o exposto, o Centro de Coordinación Operativa na súa reunión do 16 de maio de 2020 acordou, en relación coa recuperación gradual da formación presencial na Academia Galega de Seguridade Pública, o reinicio do curso teórico para o acceso á categoría de policía dos corpos das policías locais de Galicia, así como o inicio dos procesos selectivos para a cobertura de postos de auxiliares de policía local e prazas das categorías de policía e oficial dos corpos das policías locais de Galicia.

En consideración ao anterior, e nas circunstancias actuais, resulta necesario adoptar as medidas necesarias para a reincorporación gradual da actividade formativa presencial da Academia, establecendo todas as medidas de prevención requiridas para minimizar o risco de contaxio.

Por tanto, e en virtude das facultades que me corresponden como director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública,

RESOLVO:

O curso teórico na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, correspondente á 12ª promoción de policía local de Galicia, cuxo alumnado se atopa realizando o período de prácticas nos concellos de orixe, comezará a partir do día 1 de xuño de 2020.

E para tal fin adoptaranse as seguintes medidas:

1.1. A Agasp adoptará nas súas instalacións as medidas de prevención hixiénico-sanitarias requiridas para o desenvolvemento das actuacións de xeito presencial, coa máxima garantía e para minimizar o risco de contaxio polo COVID-19, de acordo coas indicacións das autoridades sanitarias.

1.2. Suspéndese o réxime de internado ata que a situación sanitaria permita a súa recuperación.

Non obstante o anterior, facilitarase o uso da residencia da Agasp a aqueles/as alumnos/as cuxo concello de destino se atope a mais de 70 km de distancia da sede da Agasp adoptanto para tal efecto todas as medidas hixiénico-sanitarias necesarias de acordo coas indicacións das autoridades sanitarias.

1.3. As clases terán lugar de luns a venres, en horario de mañá e tarde, e poden estenderse, nalgún caso, ás xornadas de sábado.

1.4. O acceso aos espazos comúns (como o ximnasio e as salas de lecer) realizarase conforme as instrucións que se facilitarán ao alumando, respectando en todo caso a capacidade máxima permitida e a distancia de seguridade.

1.5. Os horarios adaptaranse co fin de que nos comezos e descansos entre clases non coincidan máis de dous grupos de alumnos/as á vez.

1.6. Estableceranse dúas quendas de comedor que permitan manter as distancias de seguridade entre os comensais garantindo a prestación do servizo nas condicións hixiénico-sanitarias requiridas.

1.7. As materias de índole práctica e deportivas realizaranse garantindo en todo momento a distancia de seguridade establecida. Nunha primeira fase, só se recuperarán as clases teóricas.

1.8. Ningún alumno/a nin docente acudirá á Agasp con síntomas do COVID-19 e serán excluídos da formación presencial aqueles que sexan considerados grupos de risco, persoal sensible ou presenten patoloxías previas.

1.9. A temporalización do curso será:

– Do 1 de xuño ao 10 de xullo de 2020: formación na sede da Agasp.

– Do 11 de xullo ao 30 de agosto de 2020: formación práctica nos concellos de orixe, teleformación con telepresenza coa Agasp.

– Do 31 de agosto ao 30 de novembro de 2020: formación na sede da Agasp.

2º. Iniciar os procesos selectivos para a cobertura de postos de auxiliares de policía local e prazas das categorías de policía e oficial dos corpos das policías locais galegas, indispensables para a protección do interese xeral e o funcionamento básico dos servizos, de acordo coas prazas comunicadas polos concellos.

3º. A partir do mes de xullo, poderán realizarse as probas presenciais finais dos cursos de teleformación programados, así como as sesións presenciais destes, cando o/a docente así o considere.

4º. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agasp.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2020

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública