Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 26 de maio de 2020 Páx. 21244

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para a fabricación de produtos relacionados co COVID-19 (Inviste COVID-19) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415B).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión do 30 de abril de 2020, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas ao investimento para a fabricación de produtos relacionados co COVID-19 (Inviste COVID-19), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Empresarial, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas ao investimento para a produción de produtos relacionados co COVID-19 (Inviste COVID-19) e convocar para o ano 2020 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415B).

Esta convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das beneficiaris polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e para implicarse en procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoio avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo e turístico, así como ás pemes (...).

Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda para a contención sanitaria do COVID-19 a través do apoio á I+D, ao desenvolvemento de infraestruturas de ensaio e ampliación de escala e á fabricación de produtos e materiais médicos necesarios, así como axudas urxentes en forma de aprazamento do pagamento de impostos e cotizacións á Seguridade Social e subsidios salariais para empregados para evitar reducións de cadro de persoal no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal II), notificado o 21 de abril de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión de data 24 de abril de 2020 (C (2020) 2740 final, sobre axuda estatal SA.57019 (2020/N), declarou as axudas amparadas no dito Marco compatibles co mercado interior.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Cuarto. O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

2017 00014

09.A1.741A.7701

2.800.000 €

2.200.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 3 meses desde a data de presentación da solicitude de axuda, e a data límite de resolución dos expedientes de solicitude será o 30 de decembro de 2020. Transcorrido este prazo, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de setembro de 2021.

O beneficiario deberá presentar a xustificación dos investimentos e a solicitude de cobramento como máis tarde o 31 de outubro de 2020 para a anualidade 2020, e como máis tarde o 31 de outubro de 2021 para a anualidade 2021, e en todo caso no prazo máximo dun mes desde a finalización do prazo de execución fixado na resolución de concesión. Os gastos executados a partir do 1 de novembro de 2020 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2021.

Poderá solicitarse un anticipo no prazo máximo dun mes desde a data da notificación da resolución de concesión.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento para a produción de produtos relacionados co COVID-19 (Inviste COVID-19), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a conseguir os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

O obxecto das axudas reguladas nestas bases é dar continuidade aos obxectivos das bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, publicadas mediante Resolución do 13 de abril de 2020 (DOG núm. 72, do 15 de abril), complementándoas mediante o estímulo á posta en marcha de proxectos de investimento empresarial que permitan a fabricación de produtos que sirvan para combater o brote de coronavirus COVID-19.

As presentes bases ampáranse no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda para a contención sanitaria do COVID-19 a través do apoio á I+D, ao desenvolvemento de infraestruturas de ensaio e ampliación de escala e á fabricación de produtos e materiais médicos necesarios, así como axudas urxentes en forma de aprazamento do pagamento de impostos e cotizacións á Seguridade Social e subsidios salariais para empregados para evitar reducións de cadro de persoal no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal II), notificado o 21 de abril de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión con data do 24 de abril de 2020 (C (2020) 2740 final, sobre axuda estatal SA.57019 (2020/N), declarou as axudas amparadas no dito Marco compatibles co mercado interior.

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade dado que nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto de investimento empresarial que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Estas axudas teñen como obxecto subvencionar aqueles proxectos de investimento levados a cabo polas empresas galegas que permitan a fabricación de produtos relacionados co COVID-19, como os seguintes:

– Medicamentos (incluídas as vacinas) e os tratamentos, os seus produtos intermedios, os ingredientes farmacéuticos activos e as materias primas necesarias para a súa produción.

– Produtos sanitarios, equipamentos hospitalarios e médicos (incluídos os respiradores, a roupa e o equipamento de protección e as ferramentas de diagnóstico), así como as materias primas necesarias para a súa produción.

– Desinfectantes e os seus produtos intermedios, así como as materias primas químicas necesarias para a súa produción.

– Ferramentas de recollida/tratamento de datos.

2. Dimensión do proxecto de investimento:

O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 100.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios. Poderá incluírse o IVE no caso de que este non sexa recuperable.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas axudas ampáranse no punto 5 do Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda para a contención sanitaria do COVID-19 a través do apoio á I+D, ao desenvolvemento de infraestruturas de ensaio e ampliación de escala e á fabricación de produtos e materiais médicos necesarios, así como axudas urxentes en forma de aprazamento do pagamento de impostos e cotizacións á Seguridade Social e subsidios salariais para empregados para evitar reducións de cadro de persoal no contexto do actual brote de COVID-19, notificado o 21 de abril de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión con data do 24 de abril de 2020 (C (2020) 2740 final, sobre axuda estatal SA.57019 (2020/N), declarou as axudas amparadas no dito Marco compatibles co mercado interior (en diante, Marco nacional temporal II).

4. Esta convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante, en particular: obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.01, actuación 3.4.1.3, campo de intervención CE001 e liña de actuación 07; e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, punto 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013).

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001 – Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002 – Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de resultado R341G – Empresas medianas (entre 50 e 249 traballadores asalariados).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas non poderán combinarse con outras axudas ao investimento polos mesmos custos subvencionables.

Sen prexuízo do anterior, estas axudas poderán combinarse con axudas en forma de garantía para cubrir perdas, de acordo co previsto no punto 5.9 do Marco nacional temporal II referido anteriormente.

Sen prexuízo do anterior, sempre que se respecten as normas do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (en diante, Regulamento (UE) 651/2014) e dos diferentes Regulamentos de minimis, estas axudas poden acumularse de conformidade coas normas sobre acumulación recollidas no devandito Regulamento (UE) 651/2014 e nos diferentes regulamentos de minimis.

Así mesmo, están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo modificado polo Regulamento (UE EURATOM) nº 218/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións (incluídas as vantaxes fiscais, anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital) deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

2. Deberán levar ou proxectar levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, que permita a fabricación de produtos relacionados co COVID-19, segundo o establecido no artigo 1 das presentes bases.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas que, en 31 de decembro de 2019, estaban en crise a teor do disposto no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas nas letras a), c), d), e), f), g) e h) do artigo 10.2, e nas do 10.3, da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da dita lei.

4. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que, en 31 de decembro de 2019, non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 18 do artigo 2, do mesmo texto normativo, para considerar unha empresa en crise.

Artigo 5. Investimento subvencionable

1. Serán subvencionables os custos de investimento necesarios para a produción dos produtos enumerados no artigo 1.

2. Os investimentos deberán cumprir os requisitos establecidos na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

3. Os investimentos poderán materializarse nos conceptos que se relacionan a seguir:

a) Obra civil necesaria para a instalación dos equipamentos descritos nas letras seguintes, co límite do 20 % do investimento subvencionable total. Non serán subvencionables os investimentos consistentes na adquisición de terreos, tanto edificados como non edificados.

b) Maquinaria: máquinas de proceso e bens de equipamento, así como as instalacións específicas necesarias para a súa posta en funcionamento.

c) Útiles: conxunto de utensilios que poidan ser utilizados autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria, como os moldes, cuños ou padróns.

d) Outros investimentos en activos fixos materiais necesarios para a adaptación dos procesos produtivos.

e) Activos intanxibles relacionados directamente cos proxectos obxecto de apoio previstos no artigo 1 das bases reguladoras.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser novos.

5. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

6. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade polo beneficiario. Para estes efectos, para o caso de investimentos en obra civil, admítense expresamente a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do final do prazo de execución do proxecto; neste momento deberá constar o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

7. Quedan excluídos dos investimentos subvencionables:

• Os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, agás que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto, que estean vinculados coa tipoloxía do proxecto subvencionable.

• Os investimentos non directamente relacionados e vinculados co proxecto que se vai executar, de acordo co previsto no artigo 1 destas bases.

• Os custos de traslado de bens de equipamento que xa sexan propiedade da empresa e non formen parte do proxecto de investimento que se vai realizar.

• Os custos de adaptacións á normativa vixente, agás as directamente relacionadas cos elementos novos obxecto de investimento.

Artigo 6. Condicións dos proxectos

1. Os proxectos deberán contar coa validación do Comité de Fabricación de Emerxencia Sanitaria, creado mediante acordo Sexto do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na súa reunión do 30 de marzo de 2020 (DOG núm. 63, do 31 de marzo). Así mesmo, o devandito Comité establecerá, de ser o caso, as certificacións e/ou acreditacións que deberán obter os beneficiarios para a posta no mercado do produto ou produtos fabricados.

2. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado.

Para os efectos das presentes axudas, considerarase que a axuda ten un efecto incentivador para os proxectos iniciados a partir do 1 de febreiro de 2020. No caso dos proxectos iniciados antes do 1 de febreiro de 2020, considerarase que a axuda ten un efecto incentivador se é necesaria para acelerar ou ampliar o alcance o proxecto; en tales casos, só se poderá solicitar axuda para sufragar os custos adicionais relacionados cos esforzos de aceleración ou a ampliación do alcance.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

3. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde o 1 de febreiro de 2020 ata o final do prazo establecido na resolución de concesión. Este prazo estará baseado no proposto polo solicitante no plan de investimentos e, con carácter xeral, finalizará dentro dos 6 meses seguintes á data da resolución de concesión, sen que poida exceder o prazo máximo de execución establecido na resolución de convocatoria. Calquera investimento realizado fóra do prazo de execución non será subvencionable.

Dentro do prazo de execución o proxecto de investimento deberá estar completado. Un proxecto de investimento considérase completado cando os investimentos realizados permitan a posta no mercado dos produtos fabricados e obtivesen, de ser o caso, as certificacións e/ou acreditacións referidas no punto 1 do presente artigo.

Por solicitude motivada do beneficiario, poderá concederse unha prórroga no prazo de execución, cando se considere que o atraso na execución ten causa razoable ou se deba a factores alleos ao control do beneficiario da axuda. Tal solicitude deberá ser tramitada segundo o previsto no artigo 14 e a súa concesión terá as consecuencias previstas no artigo 18.4.b), ambos, das presentes bases.

4. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestacións de servizos ou adquisicións de bens e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores independentes (do solicitante e entre si) con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

Tampouco será preceptiva a presentación das tres ofertas cando o gasto sexa realizado con anterioridade á presentación da solicitude da axuda.

As ofertas ou orzamentos de provedores deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, domicilio e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non o IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados (poderá incorporar anexos coa documentación comercial dos elementos ou as súas especificacións técnicas).

5. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

6. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.

Artigo 7. Contía da axuda

1. A contía da axuda será o resultado de multiplicar a porcentaxe de subvención do 75 % polo importe do investimento subvencionable, segundo o disposto no artigo 5, co tope máximo de axuda de 800.000 € por empresa.

2. En todo caso, a axuda global que unha empresa poida percibir ao abeiro do Marco nacional temporal II e, en xeral, ao do resto dos marcos nacionais temporais e ao do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e as súas posteriores modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento ou outras formas, como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar os 800.000 €.

3. No caso de que a empresa pertenza aos sectores da pesca e a acuicultura, o límite de contía de axuda e de axuda global por empresa previsto nos dous puntos anteriores será de 120.000 € e, no caso de que a empresa pertenza ao sector da produción primaria de produtos agrícolas, de 100.000 €.

Artigo 8. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que, en 31 de decembro de 2019, non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicítase a axuda.

e) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

f) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

g) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun investimento subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

h) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

i) Que manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante os períodos de 3 ou 5 anos de acordo co establecido no artigo 15.a) das bases reguladoras.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 carácteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (ben sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerarán desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura sexa suficiente para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @afirma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dúas sinaturas, representación mancomunada etc.), deberá, necesariamente, anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado e ter formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberán solicitalo no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 carácteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Documentación do expediente administrativo:

1º. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación coa que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil. No caso de agrupacións, referirase ao representante ou apoderado único da agrupación.

2º. No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a entidade estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante.

3º. Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude e deberá conter unha descrición dos seguintes aspectos:

– Capacidade técnica e experiencia da empresa para o desenvolvemento do proxecto e para acadar o obxectivo proposto. Recursos e capacitación do persoal.

– Exposición razoada da capacidade de produción dos produtos relacionados no artigo 1 que se van acadar co proxecto e características técnicas deses produtos.

– Correspondencia entre os investimentos propostos coa fabricación dos devanditos produtos. Xustificación razoada.

– Prazo estimado de posta en marcha da produción e periodificación do resultado: previsión da obtención da primeira e seguintes remesas de produtos.

– Posibilidade de exportación dos produtos fabricados.

– Posibilidade de que o novo proceso produtivo constitúa unha nova liña de produción estable na empresa ou alternativas de utilización dos investimentos realizados na actual ou en futuras liñas de produción unha vez finalizada a necesidade ocasionada pola emerxencia sanitaria.

– Posibilidades reais de utilización dos produtos fabricados polos seus usuarios potenciais, públicos ou privados, acompañados de cartas de intención, pedidos ou facturas, no caso de que dispoñan deles.

4º. En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo proxecto, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das súas resolucións.

b) Documentación relativa aos investimentos:

1º. Relación dos investimentos que compoñen o proxecto, con indicación expresa dos xa realizados na data de presentación da solicitude da axuda e dos que se proxectan realizar con posterioridade á devandita data.

2º. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, deba solicitar o solicitante, de acordo co establecido no artigo 6.4 destas bases reguladoras.

3º. No caso de investimentos realizados con anterioridade á data de solicitude, facturas acreditativas dos custos de tales investimentos.

4º. No caso de investimentos en obra civil, deberán achegar os seguintes planos:

i) Esbozo de localización dentro do termo municipal.

ii) Plano xeral acoutado das instalacións, diferenciando a situación anterior da posterior ao investimento, no cal deberá poder verificarse a superficie correspondente á obra civil do proxecto.

iii) Planos de distribución en planta, nos cales se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipamento.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamentoo coa Consellería de Facenda.

i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.4 destas bases.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitara a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Investimento do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer:

a) Se a documentación non achegada corresponde á exixida para o expediente administrativo, terase por desistido na súa petición e arquivarase o expediente, despois da correspondente resolución.

b) Se a documentación non achegada corresponde á relativa aos investimentos, detraerase do investimento atendible o importe dos investimentos afectados.

3. Se a avaliación do expediente resulta favorable por parte dos servizos do órgano instrutor do Igape, este requirirá informe de validación do proxecto por parte do Comité de Fabricación de Emerxencia Sanitaria, segundo o disposto no artigo 2 das presentes bases.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación e/ou non obtivesen informe favorable do Comité de Fabricación de Emerxencia Sanitaria segundo o disposto no punto anterior quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

5. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que, no prazo de 10 días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que os aducidos polos interesados.

Artigo 12. Resolución

1. A Área de Investimento do Igape ditara proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o Documento polo que se Establecen as Condicións de Axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios Europeos do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-

ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o órgano ou persoa que ditou a resolución no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, prodúzase o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Admitiranse modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas exclusivamente a investimentos ou gastos subvencionables necesarios para unha mellor consecución dos obxectivos do proxecto ou á data de execución do proxecto.

En canto á prórroga da data de execución do proxecto, só poderá autorizarse por un prazo máximo da metade do prazo inicial, sen que poida exceder o prazo máximo de execución establecido no punto quinto do resolvo da convocatoria. No caso de que non poida probarse que o atraso con respecto ao prazo de execución inicial se debe a factores alleos ao control do beneficiario, o atraso terá os efectos previstos no artigo 18.4.b) das presentes bases.

2. A solicitude de modificación, así como a resolución sobre a súa concesión ou denegación, deberán ter unha data anterior á data de finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. A beneficiaria deberá comunicar ao Igape a modificación das condicións establecidas na resolución. Para solicitar a modificación deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 8 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal darase audiencia aos interesados.

Artigo 15. Obrigas das beneficiarias

Son obrigas das beneficiarias:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos, no centro de traballo en Galicia, durante 3 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto, agás que se trata de bens inmobles inscritibles nun rexistro público, que deberán manterse durante 5 anos. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, sempre e cando se manteña a actividade, non podendo estas substitucións ser obxecto de subvención. No caso de reforma en inmobles arrendados, deberá manterse o arrendamento ata transcorrido o período de 5 anos desde a data de finalización do proxecto. No caso de edificación en terreo alleo, deberá manterse o dereito de superficie ou a concesión administrativa durante 5 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto.

A axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento ou ao cesamento da actividade. A axuda está condicionada ao cumprimento desas condicións e será obxecto dun procedemento de inicio de expediente de incumprimento, que poderá derivar en reintegro, noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións a realizar polo organismo intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación ou, no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, de 2 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. O Igape informará as beneficiarias da data a partir da cal iniciarase o cómputo do prazo.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as contías máximas establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 7 destas bases.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, a beneficiaria, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O devandito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. A beneficiaria deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 carácteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (ben sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao comezo do expediente de incumprimento no caso de non ser corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobro total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, a beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos investimentos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando a beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel. Non obstante o anterior, se a solicitude de cobramento fose presentada durante o período en que estea vixente o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, admitirase a presentación de copia dixitalizada das facturas.

No caso de construción, rehabilitación ou mellora de inmobles en propiedade, requirirase escritura pública que terá que facer constancia de que o ben se destinará ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención ata finalizado o prazo de obrigado mantemento deses bens e o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007.

No caso de reforma de inmobles arrendados, deberá achegarse o contrato de arrendamento cunha duración mínima de 5 anos contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase presentar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Licenza municipal de obra no caso de proxectos subvencionados que inclúan obra civil. No caso de obras acollidas ao sistema de comunicación previa segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia (en diante, Lei 9/2013), deberá achegarse a dita comunicación acompañada dun certificado emitido polo concello indicando que a dita comunicación é eficaz.

d) No caso de proxectos de creación dun novo establecemento ou de inicio dunha nova actividade, comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013.

e) A copia —que permita a súa lectura—, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 15.f) destas bases.

f) Memoria técnica, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

g) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado a beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 6.4 das bases reguladoras, no caso de non telas achegado coa solicitude da axuda.

h) De ser o caso, certificación e/ou acreditacións necesarias para a posta no mercado do produto ou produtos fabricados, de acordo co establecido na resolución de concesión.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

A beneficiaria tamén deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 15.d), número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable da beneficiaria de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

A beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 8 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

A beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

6. En todos os casos, as beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a beneficiaria se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse conxuntamente co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supoñer a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

8. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total do investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que se tivesen en conta para resolver a concesión.

9. Cando a beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 14 destas bases, logo de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime a beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007.

Artigo 17. Aboamento das axudas

1. As beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da subvención concedida no prazo máximo dun mes desde a notificación da resolución, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Exímense as beneficiarias da obriga de constituír garantías, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

2. O aboamento da axuda restante realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a beneficiaria os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 18. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en particular, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control de a Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e as verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable a beneficiaria en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, a consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable quede por baixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou supere os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no artigo 18.4.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 15 destas bases.

i) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

j) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

4. Incumprimento parcial:

a) Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios: no caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na devandita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o devandito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de que se complete o proxecto con posterioridade ao prazo de 6 meses seguintes á concesión, sempre que a empresa solicitase e lle fose concedida a prórroga fixada no artigo 6.3 destas bases, e dita demora non se deba a factores alleos ao control da beneficiaria, perderase o dereito a percibir un 25 % da axuda por cada mes de atraso que exceda sobre os seis meses.

Pola contra, se a demora se debe a factores alleos ao control da beneficiaria e o proxecto se completa dentro do prazo máximo outorgado na prórroga, non se aplicarán tales reducións na subvención concedida.

c) No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 5, e o artigo 15.a) destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a seguir:

– Non manter a publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 15 destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

– Non manter os investimentos ou os arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido supoñerá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

Artigo 19. Réxime sancionador

As beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 20. Fiscalización e control

As beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos da beneficiaria fixados no artigo 15, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os devanditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada ao efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de 3 anos, ou 2 anos no caso de operacións con gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o órgano outorgante informará da data de inicio a que se refire esta obriga de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 €, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, a consecuencia delas, puideran impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a beneficiaria da subvención está obrigada a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento da beneficiaria.

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia–Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, punto 2; artigo 140, puntos 3 a 5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda para a contención sanitaria do COVID-19 a través do apoio á I+D, ao desenvolvemento de infraestruturas de ensaio e ampliación de escala e á fabricación de produtos e materiais médicos necesarios, así como axudas urxentes en forma de aprazamento do pagamento de impostos e cotizacións á Seguridade Social e subsidios salariais para empregados para evitar reducións de cadro de persoal no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal II).

b) Decisión da Comisión con data do 24 de abril de 2020 (C (2020) 2740 final, sobre axuda estatal SA.57019 (2020/N), declarou as axudas amparadas no Marco nacional temporal II compatibles co mercado interior.

c) Versión consolidada, con data do 4 de maio de 2020, do Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19 en atención ao contido das Decisións da Comisión Europea SA.56851 (2020/N), do 2 de abril de 2020, e SA.57019 (2020/N), do 24 de abril de 2020, e Nota aclaratoria sobre a dita versión consolidada, de data do 4 de maio de 2020.

d) Marco temporal relativo ás medidas de apoio estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, de data do 19 de marzo de 2020, (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), modificado mediante Comunicación da Comisión Europea con data do 3 de abril de 2020 (2020/C 112 I/01) (DOUE do 4 de abril de 2020).

e) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño ).

f) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

g) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

h) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

i) Orde HFP/1979/2016 do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

j) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

k) Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

l) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

m) No resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional

Os proxectos para os que se presentou solicitude de axuda ao abeiro das presentes bases, que non teñan obtido as certificacións e/ou acreditacións que, de ser o caso, fosen necesarias para a posta no mercado do produto ou produtos fabricados, previstas no punto 3 do artigo 6 e que, xa que logo, perdan o dereito a percibir a axuda, poden presentar unha solicitude ao abeiro da Resolución do 13 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408A) (DOG núm. 22, do 3 de febreiro de 2020), sempre que nese momento estea aberto o prazo de presentación de solicitudes de tal convocatoria.

Para os efectos do previsto no punto 2 do artigo 7 de devandita convocatoria, considerarase como data de presentación da solicitude de axuda a de presentación da solicitude das axudas ao investimento para a produción de produtos relacionados co COVID-19, reguladas nas presentes bases.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas do Igape aos proxectos de investimento para a fabricación de produtos relacionados co COVID-19 (Inviste COVID-19), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Responsabilidade do beneficiario:

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021 e amosando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato que se utilizará é o seguinte:

PROXECTO COFINANCIADO POLO IGAPE, XUNTA DE GALICIA E FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO PROGRAMA OPERATIVO 2014-2020

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

a) Breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021.

b) Para os proxectos subvencionados por importe inferior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar cando menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio. Para proxectos subvencionados por importe igual ou superior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público durante o prazo de execución do proxecto.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

3. Para proxectos cunha subvención superior a 500.000 €, ademais, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da data de finalización do proxecto. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Prepararanse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión de conformidade co artigo 115, punto 4 do Regulamento nº 1303/2013.

O contido e modelos da placa permanente serán idénticos aos do cartel temporal. Recoméndase a reprodución da placa permanente en material auto-adhesivo para contra-colaxe nunha base de metacrilato ou aceiro puído, latón ou similar.

Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo:

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O emblema da Unión deberá figurar en cor nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao devandito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de maneira que non interfira. A cor do tipo será azul reflex, negro ou branco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá, como mínimo, o mesmo tamaño, medido en altura e anchura, que o maior dos demais logotipos.

Características técnicas das placas e dos carteis publicitarios temporais:

De acordo co establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O nome do proxecto, o principal obxectivo deste e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo deben figurar no cartel temporal ao que se refire o anexo XII, sección 2.2, punto 4, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e ocupar polo menos o 25 % do cartel.

2. O nome do proxecto e o principal obxectivo da actividade apoiada por aquel, e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo que deben figurar na placa ou cartel permanentes a que se refire o punto 5 da sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 ocupará polo menos o 25 % de devandita placa ou cartel.

Utilización do logotipo da Unión Europea:

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo del.

missing image file

Ben que, en toda comunicación relativa a fondos europeos deberase incorporar, ademais, unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».