Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 27 de maio de 2020 Páx. 21395

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se modifica a Resolución do 4 de maio de 2016 pola que se aproba o baremo para acceder ás modalidades de recursos específicos no permiso de explotación de embarcacións, así como para elaborar as listas e actualizar os méritos para o incremento do número de cotas de captura para as embarcacións incluídas nun plan de xestión de recursos específicos.

Os plans de xestión marisqueira tiveron o seu desenvolvemento normativo no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, ata a entrada en vigor do Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.

A explotación dos recursos marisqueiros e das algas desde hai máis de 25 anos organízase principalmente a través de plans de xestión, que conformaron un dos piares principais para unha explotación sustentable dos recursos. As entidades asociativas do sector participan activamente na coxestión dos recursos elaborando os plans e desenvolvéndoos unha vez aprobados, ben que é necesario destacar que o sistema de organización do marisqueo realízase en gran medida con base nas agrupacións sectoriais dentro das confrarías de pescadores.

No caso dos recursos específicos, o Decreto 425/1993 polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, no seu artigo 20, condiciona o permiso de explotación á previa inscrición da persoa titular nun plan de explotación.

No mesmo senso, a Orde do 30 de decembro de 2015 pola que se regula a explotación dos recursos específicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia prevé, no artigo 3.2, que só poderán exercer a explotación de recursos específicos as persoas e embarcacións que estean habilitadas para o exercicio desta actividade e estean inscritos nun plan de xestión aprobado.

Os plans de xestión de recursos específicos propostos polas entidades inclúen as persoas e embarcacións participantes así como o seu posible incremento. Unha vez que a Consellería do Mar aproba os plans de xestión das entidades asociativas, as xefaturas territoriais realizan os procesos selectivos correspondentes para o outorgamento das habilitacións para o exercicio do marisqueo no marco deles.

A Orde do 30 de decembro de 2015 prevé, no artigo 27, a elaboración dun baremo que permita seleccionar as solicitudes para obter as modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións.

En virtude do disposto na orde mencionada, con data do 4 de maio de 2016, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro aprobou o baremo para acceder ás modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións, así como para elaborar as listas e actualizar os méritos para o incremento do número de cotas de captura para as embarcacións incluídas nun plan de xestión de recursos específicos.

Co Decreto 153/2019, do 21 de novembro, consolídase o máximo de participantes dun plan de xestión como o número óptimo para unha explotación sustentable dos recursos e tendo en conta aspectos relacionados coa saúde dos stocks, a conservación dos hábitats e a biodiversidade, e a obtención de beneficios sociais e económicos.

O artigo 17 do Decreto 153/2019, do 21 de novembro, recolle que o plan de xestión establecerá o número máximo de persoas e/ou embarcacións participantes, e cando o número sexa inferior ao máximo establecido, a xefatura territorial competente incrementará o número de participantes no plan ata o máximo establecido.

Por outra banda, de conformidade co artigo 5.2 do dito decreto, os membros das entidades titulares dos plans de xestión e aqueloutras establecidas no plan terán acceso á explotación e no plan poderán recollerse acordos previos entre distintas entidades para permitir o acceso dos seus membros.

A experiencia acumulada no proceso de valoración de solicitudes, sumada ao novo marco normativo fai aconsellable concretar algún aspecto do baremo que na súa redacción actual pode dar lugar á desigualdades na súa aplicación relacionadas cos aspirantes aos procesos selectivos.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Modificar o punto 1 da letra A (criterios xerais) do anexo I do baremo para acceder ás modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións, así como para elaborar e actualizar as listas para o incremento do número de cotas de captura para as embarcacións incluídas nun plan de xestión de recursos específicos, que queda redactado como segue:

«1. O outorgamento da modalidade de recursos específicos realizarase entre persoas armadoras solicitantes asociadas á entidade titular do plan de xestión e, no caso dun plan de xestión conxunto, estarase ao disposto no plan aprobado en canto a distribución de prazas entre entidades, de ser o caso.

O outorgamento da modalidade farase en función da puntuación obtida despois de aplicar o baremo previsto na epígrafe B deste anexo. O baremo aplicarase cando o número de solicitantes sexa superior ao de prazas ofertadas».

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira do Mar no prazo dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 121 e 122 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro