Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 27 de maio de 2020 Páx. 21335

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2020, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se continúa o prazo de presentación de solicitudes e se adía a realización das probas convocadas mediante a Resolución do 6 de marzo de 2020 para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2020 (código de procedemento PL500C).

O pasado 12 de marzo de 2020, no Diario Oficial de Galicia núm. 49, publicouse a Resolución do 6 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocaban as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2020 (código de procedemento PL500C).

De acordo coa citada resolución de convocatoria, o prazo para a presentación de solicitudes era de quince días, que se contarían a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG. Xa que logo, o 13 de marzo de 2020 foi o primeiro día do prazo.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, modificado polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, adoptou na súa disposición adicional terceira a suspensión de termos e a interrupción de prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, coas excepcións que a propia normativa admite. A mesma medida foi asumida pola Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Como consecuencia do anterior, interrompeuse o prazo para a presentación de solicitudes correspondente á convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga) cando faltaban catorce días para a súa finalización.

Como se sinalou, a normativa citada admite excepcións á suspensión de procedementos, pois permite que as administracións públicas poidan acordar a continuación daqueles que se refiren a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

No caso do procedemento correspondente ás probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga) existe unha clara motivación para a súa continuación baseada na protección do interese xeral, pois contar coa certificación oficial que acredita o coñecemento do galego é unha necesidade real para moitas persoas que non puideron obtela a través do ensino regrado e que a precisan para poderen desenvolver múltiples actividades profesionais e sociais.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Continuar o prazo de presentación de solicitudes para a realización das probas convocadas mediante a Resolución do 6 de marzo de 2020, para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2020 (código de procedemento PL500C), que será de catorce días contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Ao resultar imposible manter como data para presentarse ás probas o mes de maio e/ou xuño de 2020, tal como recollía a Resolución do 6 de marzo, a realización destas adíase ata o mes de setembro e/ou outubro de 2020, sempre que a evolución da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 o permita. As datas concretas serán debidamente publicitadas no DOG, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2020

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüístic