Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 28 de maio de 2020 Páx. 21549

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2020 pola que se efectúa unha convocatoria para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, tras o seguimento dun curso de preparación na modalidade de teleformación.

De acordo co previsto na Orde do 29 de abril de 2014 pola que se habilita e autoriza a Rede de centros para a modernización tecnolóxica de Galicia (rede CeMIT) para a formación e avaliación dos contidos formativos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, e dentro das actuacións e obxectivos do Plan de inclusión dixital de Galicia, anúnciase a convocatoria dun curso de preparación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, que se desenvolverá de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro (DOG núm. 229, do 30 de novembro), tras a adquisición, mediante un curso de preparación na modalidade de teleformación, das capacidades que constitúen o Plan formativo ofimático de Galicia e a súa posterior avaliación a través da correspondente proba presencial.

Segunda. Destinatarios

Persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes do remate do prazo de inscrición.

Terceira. Organización do curso

1. Número de prazas: 180.

2. Duración: 12 semanas (190 horas lectivas).

3. Modalidade: teleformación titorizada a través da plataforma EMA da rede CeMIT.

4. Datas de realización: do 1 de setembro ao 22 de novembro de 2020

Cuarta. Contido

1. No curso desenvolveranse os seguintes temas:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas).

• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer (30 horas).

• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas).

• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas).

• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas).

2. O temario para a avaliación será o descrito no módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2 Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación, do Catálogo nacional de cualificacións. As capacidades e criterios de avaliación do dito módulo formativo poden consultarse no Real decreto 558/2011, do 20 de abril, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, mediante o establecemento de dúas cualificacións profesionais correspondentes á familia profesional de Administración e Xestión (BOE núm. 109, do 7 de maio).

Quinta. Solicitudes de participación

1. As persoas que desexen participar no curso convocado nesta resolución deberán inscribirse a través da internet na páxina web de CeMIT (https://cemit.xunta.gal).

2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da rede CeMIT. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

3. O prazo para a inscrición será de cinco (5) días hábiles a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. Unha vez que remate o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base sexta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.gal), así como un número adecuado de reservas.

Sexta. Criterios de selección

1. En caso de ter máis solicitudes que número de prazas convocadas, terán preferencia as persoas preinscritas que non se matriculasen na edición inmediatamente anterior deste curso de teleformación titorizado.

2. As 180 prazas dispoñibles asignaranse correlativamente por orde alfabética entre as persoas preinscritas en tempo e forma, aplicando o resultado dun sorteo público que se realizará unha vez rematado o prazo de inscrición, e cuxo lugar e data de realización se publicarán na páxina web de CeMIT (http://cemit.xunta.gal).

3. No sorteo extraeranse dúas letras do abecedario que determinarán, correlativamente, a primeira e segunda letra do primeiro apelido. As dúas extraccións levaranse a cabo con todas as letras.

4. A orde de prelación comezará pola persoa solicitante cuxo primeiro apelido comece coas dúas letras extraídas e, de non haber ningunha, continuarase pola seguinte persoa solicitante por orde alfabética pasando de «ZZ» a «AA».

5. En caso de coincidencia no primeiro apelido entre varias persoas solicitantes, acudirase como criterio de desempate ao segundo apelido e nome, por orde alfabética. Cando os apelidos vaian precedidos de preposicións, conxuncións ou artigos, estes non serán tidos en conta.

6. Os resultados deste sorteo, así como as listaxes de persoas admitidas provisionalmente con dereito a matriculación e en lista de espera, serán publicados na web da rede CeMIT para a súa consulta pública (http://cemit.xunta.gal).

Sétima. Fase de matriculación

1. As persoas admitidas provisionalmente recibirán un correo electrónico confirmatorio coas instrucións necesarias para proceder á súa matriculación.

2. As persoas con dereito a matriculación deberán aboar, no prazo de cinco (5) días hábiles desde a data de publicación das listaxes provisionais, a taxa correspondente aos dereitos de exame. Serán excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

3. Unha vez rematado o prazo para que as persoas admitidas provisionalmente aboen os dereitos de exame, e no caso de existiren prazas libres, chamarase da lista de espera ata cubrir todas as vacantes. As persoas admitidas por esta quenda deberán aboar a taxa correspondente aos dereitos de exame no prazo de cinco (5) días hábiles desde a data do dito chamamento.

4. As persoas que resulten seleccionadas poderán comunicar a súa renuncia a participar no desenvolvemento da actividade con, polo menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberá comunicarse por correo electrónico ao enderezo formacion-cemit@xunta.gal

Oitava. Taxas de exame

1. Segundo o anexo 1 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da taxa para inscribirse nas probas de obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática será de dez euros con sesenta e tres céntimos (10,63 euros).

2. Estarán exentas do pagamento da dita taxa as persoas con dereito a matriculación incluídas dentro dos supostos de exencións recollidos no artigo 23.10 da Lei 6/2003, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O xustificante de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, así como calquera documentación complementaria no caso de exención, deberá presentarse electronicamente no enderezo formacion-cemit@xunta.gal, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a comprobación da validez da copia electrónica presentada.

Novena. Probas de avaliación presencial

1. As persoas que completen a totalidade do curso de preparación dentro do prazo establecido poderán optar voluntariamente á proba da avaliación final convocada pola Amtega, a través da rede CeMIT, para acreditar as capacidades, as destrezas e os coñecementos globais en ofimática co fin de obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, tal e como se recolle no artigo 6.1 do Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a dita certificación.

O acceso aos contidos ou o seguimento deste curso de preparación por teleformación non outorga dereito á expedición de ningún tipo de certificación.

2. As probas presenciais realizaranse, unha vez rematado o curso, en Santiago de Compostela e, polo menos, nunha aula CeMIT de cada provincia, segundo a dispoñibilidade e as datas que se establezan en posterior convocatoria, que será publicada na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal/ema), xunto coas condicións de realización e demais características da dita proba.

3. A non comparecencia no lugar e data sinalados para a realización das probas suporá a perda dos dereitos que poidan derivar desta convocatoria; non se terán en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

Décima. Facultades da Amtega

1. Resolver aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e na xestión das probas de avaliación. Así mesmo, correspóndelle prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

2. Modificar o desenvolvemento e contido das probas, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

3. Expedir a certificación galega de competencias dixitais en ofimática a todas aquelas persoas que superen a proba da avaliación final presencial, segundo o disposto no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, que regula a citada certificación.

Décimo primeira. Notificacións

1. Notificarase ás persoas que superen as probas de avaliación a súa resolución preferentemente por medios electrónicos; estas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segunda. Datos de carácter persoal

1. Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación da presente convocatoria de cursos de teleformación, informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento, levar a cabo as tarefas de titorización e a emisión dos certificados acreditativos de aproveitamento.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme o previsto na presente convocatoria e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

3. Os datos serán comunicados aos terceiros colaboradores para a titorización da acción formativa e a emisión do certificado de competencias dixitais en ofimática-CODIX, coa finalidade de informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento e xestionar a súa emisión e arquivamento.

4. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente resolución, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, presencialmente ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en
https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2020

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia