Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 28 de maio de 2020 Páx. 21613

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2020 pola que se acorda continuar a tramitación do procedemento de convocatoria para o ano 2020 das axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract e, en consecuencia, proceder á publicidade da convocatoria (código de procedemento IN500B).

I. O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decreta a suspensión de prazos administrativos e de prescrición e caducidade.

II. No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e a interrupción dos prazos dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

III. Con posterioridade ao Acordo do Cecop do 15 de marzo publicouse no BOE núm. 73, do 18 de marzo, o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

IV. En consecuencia, de acordo co disposto no número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, para a continuación dos procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do dito real decreto, e que actualmente se atopan suspendidos, debe adoptarse unha decisión motivada polos órganos en cada caso competentes, que permita, se é o caso, o ditado da correspondente resolución de adxudicación do contrato ou de concesión da subvención.

V. Con carácter previo á entrada en vigor do Real decreto 463/2020, o 14 de marzo, a Axencia Galega da Industria Forestal iniciara a tramitación para a convocatoria para o ano 2020 das axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

Neste sentido, o referido procedemento tiña completada a tramitación interna, xa que o expediente contaba con todos os informes preceptivos, incluída a fiscalización realizada pola Intervención Delegada, e xa tivera lugar a aprobación das bases reguladoras con data do 6 de marzo de 2020, polo que só faltaba a publicidade da correspondente Resolución do 6 de marzo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

VI. De acordo co disposto nos antecedentes anteriores, coa entrada en vigor do Real decreto 463/2020, o 14 de marzo, suspendeuse a tramitación do procedemento relativo ás ditas axudas (código de procedemento IN500B), e en consecuencia, non tivo lugar a consecuente publicidade da convocatoria deste procedemento.

VII. O Acordo do Consello de Xunta do 3 de abril sobre a iniciación, continuación e aprobación de procedementos de expedientes de contratación de contratos e de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales, unha vez completada a tramitación interna dos expedientes nos termos indicados, ata o momento previo á fiscalización e á aprobación.

VIII. O 22.05.2020 o Consello da Xunta acordou valorar favorablemente a proposta de continuación da Axencia Galega da Industria Forestal do expediente de subvencións actualmente en tramitación, concretamente o correspondente á tramitación da convocatoria para o ano 2020 das axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract e en consecuencia, proceder á publicidade da convocatoria (código de procedemento IN500B), respecto do cal o expediente contaba con todos os informes preceptivos, incluída a fiscalización realizada pola Intervención Delegada, e xa tivera lugar a aprobación das bases reguladoras con data do 6 de marzo de 2020, polo que só faltaba a publicidade da correspondente convocatoria.

IX. As axudas recollidas na devandita convocatoria van dirixidas ao financiamento de proxectos de investimento dirixidos á valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia e do contract. Neste sentido, configúranse como un apoio imprescindible a aquelas pemes galegas que, nun marco de crise como actual, precisan de realizar investimentos que permitan mellorar os seus procesos produtivos.

Polo que antecede e co fin de que os posibles interesados poidan participar na citada convocatoria de axudas,

RESOLVO:

Acordar continuar a tramitación deste procedemento de convocatoria para o ano 2020 das axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract e, en consecuencia, proceder á publicidade da convocatoria (código de procedemento IN500B).

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal