Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 1 de xuño de 2020 Páx. 21856

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 22 de maio de 2020 pola que se regulan as bases das axudas dirixidas ás comunidades de propietarios/as de edificios de vivendas protexidas promovidas por este instituto co obxecto de realizar actuacións de mellora enerxética, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se abre a súa convocatoria (código de procedemento VI420B).

BDNS (Identif.): 507361.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación desta resolución comprende os edificios de vivendas e os conxuntos das vivendas unifamiliares protexidas promovidas polo IGVS respecto aos cales, no momento da presentación da solicitude da axuda, non transcorreran máis de vinte e cinco anos desde a data de outorgamento da súa cualificación definitiva.

Segundo. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios/as dos edificios recollidos no ámbito de aplicación, que constitúan a totalidade dun mesmo edificio ou dun conxunto de vivendas unifamiliares e que vaian realizar actuacións de mellora de eficiencia enerxética obxecto da subvención e, ademais, cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para cumprir cos obxectivos do proxecto polo que se solicita a axuda, en cumprimento do artigo 125.3.d) do Regulamento 1303/2013.

d) Que sexan seleccionadas conforme a prelación das puntuacións obtidas en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo quinto desta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

Terceiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán as condicións de axudas ás comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para facer actuacións de mellora enerxética cofinanciadas con fondos europeos, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, correspondente ao código de procedemento VI420B.

Así mesmo, por medio desta resolución, procédese á convocatoria desta subvención para o exercicio 2020.

Cuarto. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na citada resolución pola que se regulan as bases das axudas dirixidas ás comunidades de propietarios/as de edificios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, co obxecto de realizar actuacións de mellora enerxética, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se abre a súa convocatoria.

Quinto. Importe

O importe máximo das subvencións instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2019 00007 e á aplicación 07.83.451A 781.2 dos orzamentos do IGVS, e a contía desta convocatoria será de 3.000.000 de euros, financiados con fondos Feder, repartidos en 1.500.000 euros para executar no ano 2020, 1.000.000 de euros no ano 2021 e 500.000 no ano 2022.

A intensidade da subvención consistirá nunha porcentaxe do 80 % do orzamento subvencionable, conformado polos correspondentes servizos técnicos do IGVS, unha vez revisada a solicitude e ata un máximo de 12.000 euros por vivenda.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitude será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no mes de vencemento. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo