Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.
Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.
A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia desenvolve, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propias.
A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.
O pasado día 10 de marzo de 2020, no DOG número 47, publicouse a Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento PR924C).
Esta orde de convocatoria establecía un prazo dun mes para a presentación de solicitudes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. O dito prazo comezou o 11 de marzo e remataba o día 10 de abril, pero ao ser inhábil, conforme a normativa vixente, debía rematar o 13 de abril, primeiro día hábil posterior.
Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, interrompeuse o prazo para a tramitación deste procedemento, cando restaban vinte e nove (29) días naturais para a finalización do prazo de presentación de solicitudes.
O Acordo do Consello da Xunta do 3 de abril sobre a continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria, pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento.
O 22 de maio de 2020, o Consello da Xunta valorou favorablemente a proposta de continuación pola Secretaría Xeral da Emigración dos procedementos de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 462/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, entre os que se encontra o procedemento regulado pola Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento PR924C).
Polo tanto, en virtude do exposto e no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, da autorización do acordo do Consello da Xunta do 22 de maio de 2020, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,
RESOLVO:
Acordar a continuación da tramitación do procedemento de concesión de subvencións regulado na Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento PR924C), e o proseguimento dos vinte e nove (29) días naturais do prazo de presentación de solicitudes contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración