Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 4 de xuño de 2020 Páx. 22314

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 1 de xuño de 2020 pola que se declara a entrada en vigor dos artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, e a posta en marcha do proxecto piloto do sistema de citacións electrónicas.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, foi modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 108, do 10 de xuño.

Entre as modificacións introducidas atópase a consistente na incorporación de medios electrónicos na xestión de listas e regúlase un novo sistema de citación electrónica. Na disposición derradeira terceira do Decreto 60/2019, do 23 de maio, prevese que este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, na súa nova redacción, os artigos 14 e 16 entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2020 e o artigo 5.1, o 1 de xuño de 2020, mantendo ata entón a vixencia dos referidos artigos na súa redacción actual.

O Decreto 160/2019, do 19 de decembro, modifica o Decreto 60/2019, do 23 de maio, na súa disposición derradeira terceira, no senso de establecer que o artigo 5.1 entrará en vigor o 1 de xuño de 2020 e os artigos 14 e 16 entrarán en vigor na data que expresamente se determine por orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, tan pronto quede garantida a viabilidade técnica do sistema de citacións electrónicas, mantendo ata entón a vixencia dos referidos artigos na súa redacción anterior. Esa orde deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Para tal efecto, a Dirección Xeral da Función Pública constituíu un grupo de traballo para a implantación e posta en funcionamento do novo sistema de citacións electrónicas. O grao de desenvolvemento actual do programa informático de xestión desas citacións permite, unha vez garantida a plena viabilidade técnica no novo sistema, establecer como data para a súa operatividade a do 15 de outubro de 2020 e, en consecuencia, determinar esa mesma data para a entrada en vigor dos artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na redacción dada polo Decreto 60/2019, do 23 de maio.

Sen prexuízo do anterior e para unha mellor efectividade na posta en funcionamento do novo sistema, considérase axeitada a realización dun proxecto piloto co obxecto de xestionar a súa aplicación nun número limitado de listas e ámbitos.

Con base no anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1. Entrada en vigor dos artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo

Os artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na súa redacción dada polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, entrarán en vigor o 15 de outubro de 2020.

Artigo 2. Proxecto piloto do sistema de citacións electrónicas

Para a posta en funcionamento do sistema de citacións electrónicas realizarase un proxecto piloto nos grupos e nas categorías correspondentes ás listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia que se relacionan no anexo, nos ámbitos da provincia de Pontevedra.

A realización dese proxecto piloto levarase a cabo desde o 15 de xuño ata o 14 de outubro de 2020.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

Grupos e categorías (persoal laboral)

Grupo

Categoría

Denominación

II

006

Educador/a. Profesor/a especial

V

001

Camareiro/a-limpador/a. Axudante cociña. Pasador/a de ferro-lavandeiro/a. Costureiro/a. Cortador/a. Pasador/a de ferro. Lavandeiro/a

V

011

Limpador/a. Fregador/a. Empregado/a comedor. Empregado/a cociña-pinche. Servizo doméstico. Mozo/a de limpeza. Pinche de cociña. Persoal servizos xerais