Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 4 de xuño de 2020 Páx. 22284

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR937A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para aprobar as bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a vivir e a traballar na súa propia terra.

No Consello da Xunta de Galicia do 12 de abril de 2018 aprobouse a Estratexia Retorna 2020, que inclúe medidas, tanto específicas como transversais, destinadas por un lado a rexuvenecer a poboación galega e contribuír a superar a crise demográfica que atravesa a comunidade e, por outra, facilitar o dereito dos emigrantes galegos e mais dos seus descendentes a regresar a Galicia.

Dentro destas medidas da Estratexia Retorna recóllese como un dos obxectivos promover o autoemprego e a creación de pemes por parte dos galegos retornados do exterior.

Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia veu desenvolvendo, principalmente a través da Secretaría Xeral da Emigración, numerosas medidas de apoio ás persoas galegas residentes no exterior que axuden a manter os seus vínculos de relación e pertenza, especialmente co fin de favorecer o seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia de modo que poidan fixar a súa residencia, integrarse e, de ser o caso, realizar nela as súas actividades profesionais, empresariais ou laborais.

Entre estas medidas, e coa finalidade de promover o retorno das persoas galegas emigrantes e dos seus descendentes como fórmula eficaz de reincorporación á sociedade galega, esta secretaría xeral considera de interese apoiar o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, mediante o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou como socias traballadoras de sociedades mercantís, de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, por medio da convocatoria de subvencións para axudar a sufragar os gastos derivados do seu establecemento.

De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no seu artigo 31.4, a convocatoria tramitarase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible, e estableceranse uns requisitos básicos en que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban.

En virtude do exposto, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes que se establezan como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, ou como socias traballadoras de sociedades mercantís, de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2020.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederanse a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 3 desta resolución. Así mesmo, quedará suxeito ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e no Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

4. A concesión destas axudas efectuarase atendendo en todo caso á data de presentación de cada unha das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 8 e estará en calquera caso condicionada á existencia de crédito orzamentario. No caso de esgotamento do crédito establecido para esta subvención, a Secretaría Xeral da Emigración publicará esta circunstancia no DOG, o que comportará a inadmisión das solicitudes presentadas con posterioridade á data da dita publicación, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código PR937A.

Artigo 2. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de catrocentos mil euros (400.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.

Rematado o primeiro semestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto neste artigo, este poderase reducir ata o 50 % para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.

2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Artigo 4. Requisitos

1. Requisitos comúns.

Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3.

b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

c) Que a data do retorno a España abranga desde o 1 de xaneiro de 2018, incluído.

d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non ter sido beneficiaria desta axuda ao abeiro de anteriores convocatorias.

f) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Requisitos específicos.

Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou socias traballadoras de sociedades mercantís, laborais ou de cooperativas de traballo asociado.

2.1. Persoas traballadoras autónomas ou por conta propia:

a) Ser titular dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

b) Estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional no período ao cal se refire o punto 1.c) e, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude.

c) Estar de alta no Censo de actividades económicas da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2.2. Persoas socias traballadoras de sociedades mercantís, laborais ou cooperativas de traballo asociado:

a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Mercantíl ou no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia, segundo o caso.

b) Estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional no período ao cal se refire o punto 1.c) e, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude.

c) Estar de alta no Censo de actividades económicas da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

3. Quedan excluídos os autónomos colaboradores.

Artigo 5. Contía da subvención e compatibilidade de axudas

1. Para promover a creación e o desenvolvemento do autoemprego das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes que se establezan na Comunidade Autónoma galega, establécese unha contía da subvención de 5.000 euros.

O importe da subvención incrementarase no caso de concorreren as seguintes situacións e nos seguintes importes, que serán acumulables:

a) No caso de que a persoa solicitante sexa muller: 1.000 euros.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural: 2.000 euros.

Para estes efectos, enténdese por concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

2. A obtención desta axuda é compatible con outras que polos mesmos conceptos poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego, sen que en ningún caso a suma de todas as axudas concedidas poida superar o importe da subvención que lle corresponda segundo o establecido neste artigo.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, no caso de que a axuda outorgada por outra Administración pública fose concedida á entidade e non a cada un dos socios individualmente, imputaríaselle a cada socio integrante desa entidade o importe da axuda concedida en función da súa porcentaxe de participación na entidade.

3. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por mesma actividade cando sexa a mesma alta na Seguridade Social ou cando, tratándose dunha nova situación de alta na Seguridade Social, exista unha coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

4. O importe máximo da subvención concedida ao abeiro desta convocatoria será de 8.000 euros.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 10.1.a) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, no ámbito do sector público autonómico están obrigados a relacionarse a través dos medios electrónicos, para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo, os traballadores autónomos e as traballadoras autónomas para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2020.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación xeral:

a) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta.

b) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.

c) Alta no réxime da Seguridade Social ou alta na mutualidade do colexio profesional que corresponda, na cal se recolla o réxime da Seguridade Social e a data en que tivo lugar a alta.

d) Se é o caso, certificado do colexio profesional de data de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional, con indicación dos períodos de alta nela.

e) Alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Plan de negocio empresarial segundo o modelo do anexo II.

Este plan deberá ter informe da súa viabilidade económica e financeira de entidade independente, entre as cales figuran os axentes de emprego e desenvolvemento local e a Unidade de Galicia Emprende do Igape. Neste último caso o informe solicitarase a través da aplicación establecida no enderezo da internet: http://www.tramita.Igape.es.

2. Cando a persoa solicitante sexa membro dunha sociedade civil ou comunidade de bens deberá achegar, ademais:

a) Contrato privado ou escritura pública de constitución da sociedade civil ou comunidade de bens onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiras, de ser o caso.

3. Cando a persoa solicitante sexa socia traballadora dunha sociedade mercantil, laboral ou cooperativa de traballo asociado deberá achegar, ademais:

a) Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de cooperativas de Galicia, segundo o caso.

b) Certificado do representante legal da entidade acreditativo da condición de socia traballadora da persoa solicitante e no cal conste a porcentaxe de participación da persoa socia solicitante.

4. As persoas beneficiarias das bolsas Excelencia Mocidade Exterior convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración non deberán achegar a documentación recollida nos números 1.a) e 1.b) deste artigo.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

7. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

8. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante, de ser o caso.

c) Certificado de residencia con data de última variación do padrón.

d) NIF da entidade (sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, sociedade laboral ou cooperativa).

e) Vida laboral.

f) Alta no imposto de actividades económicas.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e resolución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno.

2. De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

3. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución.

4. Á vista da proposta de resolución, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

5. Na resolución indicaranse o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, e do Regulamento (UE) núm.1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013).

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da data de entrada da solicitude no Rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderase entender desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Renuncia

1. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención realizarase dunha soa vez, xunto coa resolución de concesión.

Ao tratarse dunha subvención que se concede en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor, non requirirá outra xustificación que a acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos nesta resolución de convocatoria, e o importe da subvención concedida establecerase en función dos supostos recollidos no artigo 5.

De todos modos, a Secretaría Xeral da Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Non poderá efectuarse o pagamento se a persoa solicitante non está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e se ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma. No caso de que denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día nas devanditas obrigas.

Artigo 17. Obrigas

Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das subvencións convocadas por esta resolución quedan obrigadas a:

1. Manter a alta no réxime da Seguridade Social ou mutualidade durante un tempo mínimo de dous anos como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

Para os efectos da comprobación da actividade e da súa permanencia como mínimo dos dous anos, as persoas beneficiarias teñen que achegar, dentro do mes seguinte ao da finalización do prazo de dous anos, a seguinte documentación: a) informe de vida laboral correspondente a todo o período subvencionado b) Se a persoa beneficiaria pertence a unha mutualidade do seu colexio profesional, deberá achegar certificado da dita mutualidade, en que consten os períodos de alta da actividade no período subvencionado, así como aquela outra documentación que lle poida ser requirida co obxecto de realizar as comprobacións e verificacións que se consideren relevantes para constatar o cumprimento do disposto nesta resolución.

2. Acreditar o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

3. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

4. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

5. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta secretaría poderá modificar a resolución de concesión.

6. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.3 destas bases.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

8. As persoas beneficiarias quedan obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

9. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á cal se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia de xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

En concreto, en caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 17.1 de manter a alta no réxime de Seguridade Social ou mutualidade durante dous anos, o órgano concedente determinará a cantidade que se deba reintegrar calculándoa de xeito proporcional ao tempo que falte para o cumprimento dos dous anos.

Non obstante o anterior, procederá o reintegro total se o período de alta é igual ou inferior a seis meses, salvo que a persoa beneficiaria acredite que o cesamento da actividade tivo lugar por causas alleas á súa vontade.

Así mesmo, procederá o reintegro parcial do 10 % da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 17.8 de cumprir coas medidas de difusión.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte do beneficiario.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 20. Control e comprobación

1. A Secretaria Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. A persoa solicitante das axudas e subvencións previstas nesta resolución, no suposto de ter a condición de beneficiaria e para os efectos das actuacións de control das obrigas asumidas, autoriza a Secretaría Xeral da Emigración para que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social poida facilitar a información sobre a situación de alta no sistema da Seguridade Social.

Artigo 21. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Emigración, coas finalidades de levar a acabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación, resolución dos seus procedementos ou coa finalidade de comprobación de cumprimento de requisitos ou compatibilidade doutras axudas, así como para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A persoa solicitante deberá indicar na solicitude que presta o seu consentimento para que lle sexa remitida información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Así mesmo, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario ao cal se imputan, persoa beneficiaria, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, e no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderase interpoñer desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 24. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file