Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 4 de xuño de 2020 Páx. 22282

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 25 de maio de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR811A).

BDNS (Identif.): 507916.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior (código de procedemento PR811A).

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

A maiores da atención a estes contextos, na actualidade debemos prestar especial atención á crise sanitaria provocada polo COVID-19, que o pasado 11 de marzo de 2020 foi declarado pola Organización Mundial da Saúde como unha pandemia. A presente convocatoria ten a ambición de contribuír a aliviar este escenario, promovendo proxectos que contribúan a dar resposta á crise sanitaria provocada polo COVID-19 naqueles países en que os seus sistemas de saúde e o seu contexto socioeconómico non posibilite poñer freo a esta pandemia, sen descoidar aqueles outros proxectos destinados a compensar crises doutra índole ás cales, tradicionalmente, se dirixe a presente convocatoria e que permanecen coexistindo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 25 de maio de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR811A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de 300.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2020.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto, non superando en ningún caso a subvención concedida os 50.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza