Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 5 de xuño de 2020 Páx. 22505

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se aproban as bases do procedemento telemático de elección de destino, a través de Fides/expedient-e, nos procesos de selección fixa convocados polo Servizo Galego de Saúde.

Con base na lexislación básica estatal contida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e co obxecto de avanzar en facer efectivo o dereito dos/das cidadáns/ás a relacionarse electronicamente coas administracións públicas e a conseguinte obriga destas de dotarse dos medios e sistemas necesarios para que ese dereito poida exercerse, faise preciso incorporar a fase de elección de destino dos/das aspirantes seleccionados/as nos procesos de selección fixa convocados polo Servizo Galego de Saúde, á súa tramitación a través do sistema de información Fides/expedient-e, que xa resulta de aplicación ás fases de inscrición e baremación de méritos de tales procesos.

De conformidade co exposto, esta dirección xeral, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm 208, do 31 de outubro) e logo de informe na Mesa Sectorial de Sanidade,

RESOLVE:

Artigo único. Aprobar as bases do procedemento telemático de elección de destino, a través de Fides/expedient-e, nos procesos de selección fixa convocados polo Servizo Galego de Saúde, que se inclúen como anexo desta resolución.

Este procedemento será de aplicación aos procesos selectivos de nova convocatoria e aos xa convocados, pendentes de elección de destino, agás aqueles que polas súas especificidades así determine o órgano convocante.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

BASES

Primeira. Destinatarios

O procedemento que regula as presentes bases será de aplicación ás persoas aspirantes seleccionadas nos procesos selectivos para o acceso á condición de persoal fixo convocados polo Servizo Galego de Saúde.

Segunda. Prazas ofertadas

A Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se aprobe a relación de aspirantes definitivamente seleccionados/as no respectivo proceso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, incluirá a relación de prazas ofertadas na correspondente categoría/especialidade, identificadas como mínimo por localidade, centro e no seu caso, quenda.

Terceira. Prazo

Os/as aspirantes que consten nesta resolución disporán dun prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao desta publicación para manifestar a súa opción polos destinos ofertados, que deberá efectuarse a través do sistema de información Fides/expedient-e.

Cuarta. Procedemento de selección de destinos

Para a selección de destinos a través de Fides/expedient-e, o/a aspirante deberá proceder da seguinte forma:

4.1. Accederá no seu expediente electrónico á pestana de «Procesos», «Inscrición OPE» e á categoría/s en que resultou seleccionado/a.

4.2. O/a aspirante visualizará a súa solicitude de participación no proceso no estado de validada editable.

4.3. No detalle da inscrición constará unha nova epígrafe, denominada “Selección destinos OPE”, en que o/a aspirante disporá da información relativa á posición que ocupa para efectos de elección de destino, segundo a orde de puntuación obtida no proceso e quenda de acceso, así como da totalidade de prazas que se ofertan na súa categoría/especialidade.

4.4. A continuación, a persoa aspirante procederá a seleccionar, por orde de preferencia, os destinos que se ofertan.

4.5. Efectuada a selección de destinos, pola orde de prelación que considere, o/a aspirante deberá proceder a asinar electronicamente o formulario de selección e presentalo por rexistro electrónico.

Para o rexistro electrónico do formulario de selección requirirase un certificado dixital válido, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou Camerfirma ou DNI electrónico.

4.6. A aplicación informática permitirá ao/á aspirante que así o desexe, seleccionar un número de destinos inferior ao da posición que ocupa no proceso, advertindo neste suposto que, de non resultar adxudicatario/a de ningún dos destinos seleccionados decaerá do dereito a ser nomeado persoal estatutario fixo quedando sen efecto todas as súas actuacións neste proceso.

Quinta. Modificación

O/a aspirante seleccionado/a poderá modificar a selección efectuada mentres estea habilitado o prazo de elección de destinos. Toda modificación que se desexe efectuar sobre a selección inicial requirirá a sinatura dixital e presentación por rexistro electrónico. O sistema terá en conta para a adxudicación de destino a última modificación efectuada.

Sexta. Renuncia

6.1. O/a aspirante, dentro do prazo que se indica na base terceira, poderá renunciar, se así o desexa, á selección de destinos efectuada. Esta renuncia deberá efectuarse a través de Fides/expedient-e, na epígrafe de «Renuncia destinos». Para que sexa efectiva, deberá ser asinada dixitalmente e presentada por rexistro electrónico.

A renuncia presentada poderá ser revogada polo/a aspirante a través do mesmo procedemento e prazo indicados.

6.2. O/a aspirante que exerza esta opción quedará excluído do proceso e decaerá do seu dereito a ser nomeado persoal estatutario fixo na respectiva categoría/especialidade.

Sétima. Adxudicación de destino

Finalizado o prazo para a selección de destinos a través de Fides/expedient-e, a aplicación efectuará a adxudicación automática de destinos, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

Oitava. Información complementaria na web

A presente resolución complementarase con axudas na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) sobre o procedemento para cubrir o formulario de selección.