Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 5 de xuño de 2020 Páx. 22502

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 27 de maio de 2020 pola que se prorroga o nomeamento da dirección de centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O artigo 133.2 da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, regula a selección e o nomeamento das direccións dos centros docentes públicos establecendo que se efectuará, mediante concurso de méritos, entre persoal docente funcionario de carreira que imparta algunha das ensinanzas que se impartan no centro.

O Decreto 29/2007, do 8 de marzo, regula a selección, o nomeamento e o cesamento das direccións dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Comunidade Autónoma de Galicia. No artigo 5 deste decreto establécese que o concurso de méritos para o nomeamento da dirección de centros docentes públicos será convocado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, especificando os centros en que está ou vai quedar vacante a dirección.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. A suspensión dos prazos administrativos, determinada na disposición adicional terceira do mencionado real decreto impediu a publicación no Diario Oficial de Galicia da orde pola que se convocaba o concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos.

As sucesivas prórrogas do estado de alarma seguen a impedir a publicación e, por conseguinte, o desenvolvemento ordinario do concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que necesariamente ten que estar rematado con anterioridade ao 30 de xuño de 2020.

Por esta razón, é necesario acudir ao nomeamento accidental da dirección regulado no artigo 17 do Decreto 29/2007,do 8 de marzo. Así mesmo, a disposición derradeira primeira do propio decreto autoriza a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional a ditar todas as disposicións que sexan necesarias para a súa execución.

Na súa virtude, no uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga dos nomeamentos da dirección dos centros docentes públicos

Con carácter xeral, prorrógase por un ano, ata o 30 de xuño de 2021, o nomeamento das direccións dos centros docentes públicos onde se imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos cales procedía a convocatoria de concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección con efectividade do 1 de xullo de 2020.

Artigo 2. Excepcións ás prórrogas dos nomeamentos da dirección dos centros docentes públicos

1. A xefatura territorial correspondente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional aceptará a renuncia á prórroga establecida no artigo 1 desta orde cando a persoa interesada alegue a obtención dun destino definitivo, con efectividade do 1 de setembro de 2020, e poderá aceptala cando se aleguen outras causas que se consideren xustificadas.

2. A xefatura territorial correspondente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderá, excepcionalmente, non prorrogar o nomeamento da dirección prevista no artigo 1 desta orde, logo dos informes, agás casos excepcionais debidamente xustificados, do claustro de profesores e do consello escolar e, en todo caso, da Inspección educativa.

Artigo 3. Outros nomeamentos accidentais da dirección dos centros docentes públicos

De conformidade co establecido no artigo 17.2 do Decreto 29/2007, do 8 de marzo, no caso de cesamento da dirección durante o presente curso escolar, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional realizará o nomeamento accidental da dirección, ata o 30 de xuño de 2021.

Artigo 4. Consolidación parcial do complemento específico

De conformidade co establecido na disposición adicional segunda da Orde do 21 de decembro de 2010, entenderase que as direccións dos centros docentes públicos que, en virtude da prórroga do seu mandato prevista no artigo 1 desta orde, superen os catro anos de mandato foron avaliadas positivamente, para os efectos de consolidación parcial do complemento específico regulada no Decreto 120/2002, do 22 de marzo.

Artigo 5. Audiencia do claustro de profesores e do consello escolar

1. Non será necesaria a audiencia do claustro de profesores nin do consello escolar para a realización das prórrogas establecidas no artigo 1 da presente orde.

2. En casos excepcionais debidamente xustificados no expediente, poderanse efectuar o nomeamento accidental da dirección previsto no artigo 3 da presente orde e a renovación dos mandatos, sen a audiencia do claustro de profesores e do consello escolar prevista nos artigos 15.2 e 17.2 do Decreto 29/2007, do 8 de marzo, e a avaliación positiva da función directiva sen o informe do claustro de profesores e do consello escolar do centro, previsto no artigo 5 da Orde do 21 de decembro de 2010 pola que se regula o procedemento de avaliación das direccións dos centros docentes públicos en que se imparte algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación.

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento da orde

Autorízase o director xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional