Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 8 de xuño de 2020 Páx. 22602

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2020 pola que se modifica a Resolución do 4 de maio de 2020 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes de axuda establecido no artigo 3.3 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro de 2020), e se insta a continuación da tramitación do procedemento de concesión destas subvencións.

Mediante a publicación no DOG núm. 15, do 23 de xaneiro de 2020, da Resolución do 18 de decembro de 2019, o Inega estableceu as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, anunciou a convocatoria anticipada para o ano 2020 e procedeu á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións.

Durante a tramitación do procedemento de concesión destas axudas entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo de 2020). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020), e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo de 2020).

O Consello da Xunta de Galicia acordou, o 24 de abril de 2020, a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico. Así, o órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar, mediante resolución debidamente motivada, a continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión.

Á vista da situación excepcional creada pola epidemia do COVID-19, e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, o Inega modificou o artigo 3.3 das bases reguladoras debido ás circunstancias descritas, ampliou o prazo de presentación de solicitudes en cinco (5) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao do levantamento do estado de alarma, e continuou, así mesmo, coa tramitación do procedemento de concesión destas subvencións.

Mediante a publicación no BOE núm. 145, do 23 de maio, do Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, anúnciase que, con efectos desde o 1 de xuño de 2020, o cómputo dos prazos administrativos que se suspenderon continúan ou reiniciaranse se así se previu nunha norma con rango de lei aprobada durante a vixencia do estado de alarma e as súas prorrogas.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades do meu cargo e das que me foron conferidas en virtude das atribucións que me outorga a Resolución do 10 de marzo de 2017 pola que se delegan competencias atribuídas á persoa titular da Presidencia da Axencia Inega,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite para presentar as solicitudes de axudas que figura na disposición primeira da Resolución do 4 de maio de 2020 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes de axuda establecido no artigo 3.3 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares. Así, o prazo de presentación das solicitudes de axudas amplíase en cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia