Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 9 de xuño de 2020 Páx. 22653

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se modifica a Resolución do 13 de febreiro de 2020, pola que se convocan probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, exixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada. Tal previsión está en consonancia co disposto no Regulamento (CE) nº 1071/2009, do 21 de outubro, polo que se establecen as normas comúns relativas ás condicións que se deben cumprir para o exercicio da profesión de transportista por estrada e polo que se derroga a Directiva 96/26/CE, de acordo co cal unha empresa que exerza a profesión de transportista por estrada nomeará cando menos unha persoa física, denominada xestor do transporte, que cumpra os requisitos de honorabilidade e competencia profesional (artigos 3 e 4). Precisamente, para cumprir este requisito de competencia profesional, o artigo 8 dispón que as persoas interesadas estarán en posesión dos coñecementos que responden ao nivel recollido no anexo I, parte I, do propio regulamento. A demostración de tales coñecementos farase mediante un exame escrito obrigatorio sobre as materias que se enumeran no referido anexo.

Con base na citada normativa, esta dirección xeral ditou a Resolución do 13 de febreiro de 2020 pola que se convocan probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 37, do 24 de febreiro. Na dita resolución disponse o seguinte:

«2. Calendario.

a) No ano 2020 realizarase unha convocatoria entre o 30 de marzo e o 30 de xuño».

O 14 de marzo de 2020 entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e se adoptan, entre outras, medidas de contención consistentes en evitar aglomeracións de persoas. A vixencia do estado de alarma foi prorrogada en sucesivas ocasións atopándose na actualidade en vigor.

O 13 de marzo de 2020 publicouse no DOG núm. 50 bis o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do COVID-19.

Como consecuencia da evolución da pandemia e a mellora relativa da situación de saúde pública que se vén manifestando nos últimos días,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a letra a) do punto 2 da Resolución do 13 de febreiro de 2020 anteriormente citada, de xeito que onde di: «no ano 2020 realizarase unha convocatoria entre o 30 de marzo e o 30 de xuño», debe dicir: «no ano 2020 realizarase unha convocatoria entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2020, sempre que a situación sanitaria o permita».

Segundo. As solicitudes de inscrición presentadas con antelación á entrada en vigor da presente resolución manterán a súa validez; non obstante, as persoas aspirantes que se vexan afectadas pola modificación do calendario poderán desistir da súa solicitude ata que remate o prazo de alegacións fronte á publicación da relación provisional de admitidos e solicitar a devolución da taxa abonada, utilizando para tal fin o modelo de formulario normalizado de devolución das taxas de dereitos de exame das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte (código de procedemento IF312B).

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, consonte o previsto polo artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de calquera outro que a persoa interesada considere pertinente.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade