Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 9 de xuño de 2020 Páx. 22662

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 5 de maio de 2020 pola que se anula a Orde do 10 de febreiro de 2020 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva.

O 26 de febreiro de 2020 publícase no Diario Oficial de Galicia a Orde do 10 de febreiro de 2020 que ten por obxecto a convocatoria de axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, que foron seguidas da declaración, por Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Posteriormente, mediante a Resolución do 30 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mantense a vixencia das medidas preventivas adoptadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop) con base no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo, mentres que estea vixente a declaración do estado de alarma efectuada polo Goberno do Estado e a situación de emerxencia sanitaria declarada por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Consonte o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, modificado polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, e tendo en conta a situación de alerta en que se atopa o país e debido á imposibilidade de realizar estas actividades polas condicións derivadas da situación de alerta nacional e outras condicións a nivel internacional, entre as cales se atopan os problemas de desprazamento e demais condicionantes referidos ás condicións sanitarias.

De conformidade co exposto, facendo uso das competencias que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1

Anúlase a Orde do 10 de febreiro de 2020 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG do 26 de febreiro).

Artigo 2. Recursos

Contra esta orde, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional