Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 9 de xuño de 2020 Páx. 22657

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 1 de xuño de 2020 pola que se modifican as bases reguladoras dos incentivos á contratación por conta allea e formación de determinados colectivos de persoas traballadoras no caso do Bono de formación para o financiamento de accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades co posto de traballo como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19).

Con data do 7 de xaneiro publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 3) as seguintes ordes de convocatoria: Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e á formación de persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR349T), Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR342A), Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea e a formación das mulleres desempregadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR350A), Orde do 21 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR349R) e con data do 3 de febreiro publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 22) a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedementos TR341D e TR349F).

Todas estas ordes da Consellería de Economía, Emprego e Industria teñen por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 da concesión de subvencións combinando incentivos á contratación por conta allea, así como medidas de apoio á mellora das capacidades das persoas traballadoras que se incorporan aos centros de traballo.

Así, nas anteriores ordes de convocatoria inclúense dous tipos de axuda compatibles:

Bono contratación que ten por obxecto fomentar e favorecer a integración laboral das persoas desempregadas.

Bono formación que ten por obxecto que a persoa traballadora contratada reciba unha formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo.

Neste último bono exclúese a axuda á formación na modalidade de teleformación.

Durante a execución destas accións formativas reguladas no Bono formación que, segundo as diferentes ordes de convocatoria, deberán estar finalizadas o 30 de novembro do ano 2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-bis, do 12 de marzo de 2020). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo de 2020).

Polo tanto, á vista da situación excepcional creada pola epidemia de COVID-19, e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, faise necesario establecer unha modificación da forma ou metodoloxía de execución das acción formativas, respectando o obxecto, condicións e finalidade da subvención, para posibilitar a realización das actividades formativas a través da modalidade de teleformación, sempre que se respecten os requisitos exixidos e se garantan as actividades de seguimento e control necesarias xa que nas ordes de convocatoria queda expresamente excluída esta modalidade.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO ÚNICO

Disposicións específicas para a modificación das ordes de convocatoria de incentivos á contratación e formación para o ano 2020 e que se relacionan no artigo 1

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto establecer a posibilidade da impartición do bono de formación na modalidade de teleformación para as accións formativas financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, para paliar os efectos do impacto económico e social derivado da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e do estado de alarma para a súa xestión declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, coa finalidade de optimizar a emplegabilidade das persoas traballadoras, desempregadas e contribuír á mellora da competitividade dos diferentes sectores económicos de Galicia.

As ordes de convocatoria nas que se posibilita a impartición da formación na modalidade de teleformación son:

a) Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e á formación de persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR349T).

b) Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR342A).

c) Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea e a formación das mulleres desempregadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR350A).

d) Orde do 21 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR349R).

e) Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e a consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedemento TR341D e TR349F).

2. As persoas e entidades beneficiarias das subvencións dos procedementos que se sinalan no punto 1 poderán utilizar a modalidade de teleformación para a impartición da formación e ata o de agora excluída para xustificar os incentivos establecidos no Bono de formación, nos termos que se establecen nesta orde.

Artigo 2. Execución da formación e requisitos

Para o caso de impartición da formación na modalidade de teleformación, deberá realizarse a través dunha plataforma virtual de aprendizaxe cunha metodoloxía apropiada para esta modalidade que posibilite a interactividade entre a persoa traballadora que recibe a formación e a que imparte a titoría e que asegure a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizada, o seu seguimento continuo en tempo real, así como a avaliación de todo o proceso.

Programaranse controis periódicos de aprendizaxe cun número de horas para cada módulo en función dos contidos relacionados co posto de traballo, ata acadar o mínimo de horas teóricas exixidas na convocatoria.

Artigo 3. Xustificación

A xustificación na modalidade de teleformación xustificarase mediante a presentación dos resultados obtidos nos controis de aprendizaxe programados por cada un dos módulos polos que a persoa recibiu a formación e que permitan identificar se realizou as probas, a data e a hora en que se desenvolveu o control e o tempo empregado para o seu desenvolvemento con indicación da súa cualificación.

Estes datos deben ser almacenados polo sistema de teleformación empregado para a execución da formación.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria