Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 10 de xuño de 2020 Páx. 22882

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Monforte de Lemos

EDICTO de notificación de sentenza (51/2020).

Sentenza 51/2020.

Familia, garda, custodia, alimentación de fillo menor non matrimonial non consensuado 404/2018.

Monforte de Lemos, doce de maio de dous mil vinte.

Vistos por min, César Saco Figueiras, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Monforte de Lemos e o seu partido, os autos de procedemento sobre regulación de medidas paterno filiais número 404/2018, seguidos por instancia de Ravella Lorena Cándida Mondzelevski, representada pola procuradora Sra. Castro Fernández, baixo a dirección do/da letrado/a Sr/a. López Prado, contra André Marcos Bons Olhos Batista, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal, resolvo sobre a base dos seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O procurador da parte demandante interpuxo no seu día demanda sobre regulación de medidas paterno filiais en que, tras alegar os feitos e fundamentos de dereito oportunos e que se dan por reproducidos, remata suplicando que se dite sentenza estimando os pedimentos que se conteñen no suplico desta.

Segundo. Admitida a trámite a demanda deuse traslado dela ao demandado e ao Ministerio Fiscal e este presentou en tempo e forma escrito de contestación, non así o demandado que foi declarado rebelde. Citadas as partes á vista, realizada o día da data, compareceron a demandante e o Ministerio Fiscal, non así o demandado que permaneceu en situación de rebeldía procesual, as cales se afirmaron e ratificaron nos seus respectivos escritos, practicouse proba e, tras as oportunas conclusións, quedaron os autos vistos para ditar a presente resolución.

Terceiro. Na tramitación do presente procedemento observáronse as formalidades legais previstas no artigo 769 e seguintes da LAC.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. As medidas solicitadas pola demandante consisten en que se lle atribúa a ela a garda e custodia da menor, que se lle atribúa tamén a patria potestade, que non se estableza réxime de visitas ningún a favor do pai e que se fixe unha pensión en beneficio da filla menor de 400 euros mensuais, así como o 50 % de gastos extraordinarios.

Mediante Auto do 23 de decembro de 2019 este xulgado acordou, con carácter provisional, parte das medidas solicitadas neste procedemento principal. En concreto dicíase: «Á vista do practicado despréndese que a demandante mantivo unha relación de parella co demandado. Froito da devandita relación naceu a menor María Eduarda, que na actualidade conta con 7 anos de idade. Desde o momento do seu nacemento foi a nai, única e exclusivamente, quen se veu ocupando da nena en común. O pai nunca exerceu o dereito de visitas.

Pola súa parte, o demandado non se opuxo nin formulou alegación ningunha ao manifestado pola demandante, polo que, constando acreditados os feitos alegados no escrito reitor, procede o ditame dunha sentenza estimatoria no relativo á garda e custodia, patria potestade e réxime de visitas. No sentido de que a patria potestade será exercida pola gardadora, conforme o establecido no artigo 156 do CC, debendo deixar a cuestión relativa á súa posible perda para a súa resolución no asunto principal. Polo demais, acéptase que a garda e custodia a exerza a nai sen que se estableza réxime de visitas ningún en favor do pai, ao terse este desentendido totalmente do coidado da súa filla. Polo que se refire á pensión alimenticia en favor da menor, sen formularse que a menor presente unhas necesidades especiais, considérase que a cantidade reclamada é excesiva, a cal deberá quedar fixada en 200 euros, cantidade que se satisfará por meses anticipados dentro dos 5 primeiros días de cada mes e que debe ser ingresada na conta que indique a nai, e que deberá ser actualizada anualmente conforme ao índice oficial de prezos de consumo establecido polo INE ou organismo que o substitúa. Cada proxenitor contribuirá ao 50 % nos gastos extraordinarios».

O artigo 170.1 do CC establece que «o pai ou a nai poderán ser privados, total ou parcialmente, da súa potestade por sentenza fundada no incumprimento dos deberes inherentes á mesma ou ditada en causa criminal ou matrimonial». Este xulgador entende que a demandante o que solicita non é a suspensión da patria potestade senón a súa privación, pois o artigo a que se remite non fala de suspensión e si de privación.

A patria potestade, de conformidade co artigo 154 do CC, comprende os dereitos e deberes seguintes: velar polos menores, telos na súa compañía, alimentalos, educalos e procurarlles unha formación integral; representalos e administrar os seus bens.

No presente caso, expón a demandante que o demandado, desde que se foi para Brasil hai máis de cinco anos (data en que extingue a relación entre demandante e demandado), non tivo contacto nin coa menor nin coa nai, ignorando o seu paradoiro, non volve ter visitas coa menor nin establece contacto ningún con esta, desentendéndose das funcións propias de quen é o seu proxenitor. Fronte a estas manifestacións o demandado non efectúa alegación ningunha nin confirma nin desmente eses feitos pois, malia constar debidamente citado, non compareceu ao plenario e foi declarado en situación de rebeldía procesual. Ante isto, non hai dúbida de que o demandado está a incumprir os deberes que son inherentes á súa condición de pai, posto que nin vela pola menor, nin a ten na súa compañía, nin a alimenta, nin a educa, nin a representa nin administra os seus bens. Non realiza ningunha das funcións que lle corresponde como pai.

É por isto que procede decretar a privación da patria potestade que o Sr. Bons Olhos Batista ten sobre a súa filla menor María Eduarda, e a devandita potestade debe recaer en quen, ata a data, a veu exercendo correctamente. Isto é, na súa nai.

Polo que se refire á garda e custodia dos fillos, o artigo 159 do Código civil sinala que «se os pais viven separados e non decidiren de común acordo, o xuíz decidirá, sempre en beneficio dos fillos, ao coidado de que proxenitor quedarán os fillos menores de idade. O xuíz oirá, antes de tomar esta medida, os fillos que teñan suficiente xuízo e, en todo caso, os que sexan maiores de doce anos», sinalando no artigo que prosegue «o pai e a nai, aínda que non exerzan a patria potestade, teñen o dereito de relacionarse cos seus fillos menores, agás cos adoptados por outro de xeito pleno ou conforme o disposto en resolución xudicial. Non poderán impedirse sen xusta causa as relacións persoais do fillo cos seus avós e outros parentes e achegados. En caso de oposición, o xuíz, por petición do menor, avós, parentes ou achegados, resolverá atendidas as circunstancias. Especialmente deberá asegurar que as medidas que se poidan fixar para favorecer as relacións entre avós e netos non faculten a infracción das resolucións xudiciais que restrinxan ou suspendan as relacións dos menores con algún dos seus proxenitores».

O artigo 143 preceptúa que «están obrigados reciprocamente a darse alimentos en toda a extensión que sinala o artigo precedente: 1º) Os cónxuxes e 2º) Os ascendentes e descendentes. Os irmáns só se deben os auxilios necesarios para a vida, cando os necesiten por calquera causa que non sexa imputable ao alimentista, e estenderanse, se é o caso, aos que precisen para a súa educación».

Segundo. Como consecuencia do xa exposto, non hai dúbida de que a garda e custodia da menor deberá atribuírse á nai, e débese fixar unha pensión de alimentos en favor da menor e a cargo do proxenitor.

Agora ben, sobre isto último hai que sinalar que este xulgador considera que non téndose posto de manifesto nin na demanda reitora nin no plenario circunstancias especiais na menor que aconsellen a fixación dunha elevada pensión alimenticia, considérase que a cantidade de 400 euros mensuais é excesiva, considerándose como suficiente a cantidade de 300 euros, tal e como solicita o Ministerio Público, para cuxo cálculo se tivo en conta a reducida capacidade económica da demandante e a aparente solvencia económica do demandado, xa que tal e como expuxo a demandante e por aplicación do disposto no artigo 304 da LAC, o Sr. Bons Olhos goza dunha sobrada capacidade económica xa que é empresario e é titular de varias casas en Brasil.

No que ao réxime de visitas se refire, non resulta procedente establecer un réxime de visitas como é costume xa que descoñecemos as verdadeiras e reais intencións do demandado no que ao exercicio do dereito de estar en compañía da súa filla se refire e é de sobra coñecida a incomodidade que para o coidador supoñería ter dispoñible a un menor para que se vaia en compañía do outro proxenitor e este non faga acto de presenza para recollelo. En consecuencia, non resulta procedente fixar un réxime de visitas mentres o proxenitor demandado non dea mostras da súa intención de levalo a cabo.

Ante isto, considérase axeitado acceder ás pretensións da parte demandante admitindo a demanda, coas excepcións xa expostas.

Terceiro. Non é procedente facer pronunciamento en canto ás custas ao non existir ningún vencido neste xuízo, dada a súa natureza.

Vistos os preceptos legais citados e demais xerais de pertinente aplicación,

Decido:

Estimando a demanda interposta pola procuradora Sra. Castro Fernánez, en nome e representación de Ravella Lorena Candida Mondzelevski contra André Marcos Bons Olhos Batista, declárase:

– Que André Marcos Bons Olhos Batista queda excluído da patria potestade e demais funcións tuitivas, non tendo ningún dereito por ministerio da lei respecto da filla María Eduarda Candida Bons Olhos ou dos seus descendentes, ou nas súas herdanzas.

– A nai, Ravella Lorena Candida Mondzelevski, ten exclusivamente a patria potestade sobre a menor María Eduarda Candida Bons Olhos, que, pola súa vez, desempeña a súa garda e custodia.

– O demandado deberá aboar, en concepto de pensión de alimentos en favor da menor María Eduarda, á nai o importe de 300 euros mensuais, que se aboarán desde a data de interposición da demanda. Verificarase o pagamento por meses anticipados, do 1 ao 5 de cada mes, no número de conta bancaria que facilite a nai. A cantidade fixada en concepto de pensión de alimentos actualizarase anualmente conforme as variacións que experimente o IPC que aplique o INE ou organismo que puidese substituílo. En caso de existiren gastos extraordinarios serán sufragados por ambos os proxenitores a partes iguais.

– Non se fixa ningún réxime de visitas en favor do pai.

Non se fai especial pronunciamento en canto ás custas.

Notifíquese a presente resolución ás partes, facéndolles saber que contra esta cabe interpoñer, ante este xulgado, recurso de apelación, dentro dos vinte días seguintes á súa notificación, conforme o disposto na LAC.

Así o pronuncia, manda e asina. Dou fe.