Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 10 de xuño de 2020 Páx. 22764

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de xuño de 2020 pola que se modifica a distribución entre créditos orzamentarios da Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 23 de decembro de 2019 aproba as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria.

O artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, regula a modificación da distribución entre créditos orzamentarios nas subvencións convocadas e establece que, ademais das modificacións que procedan no expediente de gasto, se publicarán nos mesmos medios que a convocatoria.

O artigo único no punto 2 da citada Orde do 23 de decembro de 2019 prevé a dotación máxima da convocatoria para os anos 2020 e 2021 e a distribución do crédito segundo a tipoloxía do beneficiario e a súa consignación nas correspondentes aplicacións orzamentarias. Así mesmo, no punto 3 do mencionado artigo dispón que, resultando elixibles tanto os gastos de investimento como os gastos correntes para poder executar proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior, cómpre situar créditos no capítulo IV e no capítulo VII, sen que sexa posible coñecer de antemán os importes totais que se van conceder con cargo a cada capítulo.

Por este motivo, as cantidades inicialmente asignadas a cada aplicación orzamentaria do capítulo IV e do capítulo VII por cada liña de subvención teñen carácter estimativo. A súa determinación definitiva será a que resulte das resolucións de concesión que se diten ao abeiro desta orde, que deberán recoller os importes parciais das subvencións concedidas, clasificados de acordo co orzamento achegado por cada entidade como parte do proxecto que fundamenta a resolución de concesión.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes fixado no artigo 3 da Orde do 23 de decembro de 2019, a Comisión de Avaliación, establecida no artigo 12 da orde de convocatoria, examinou as solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde, tanto para «Proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas ONGD» como para «Proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos outros axentes de cooperación», e valorou os proxectos, tendo en conta os criterios establecidos nas bases da convocatoria.

A proposta da comisión determina os proxectos que acadan unha maior puntuación con base nos criterios establecidos, e estes presentan unha configuración de gastos de investimento e de funcionamento diferente á inicialmente publicada, co que procede a adecuación das cantidades asignadas inicialmente a cada aplicación orzamentaria.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Artigo único

Modifícase a distribución entre créditos orzamentarios da Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria nos seguintes termos:

Aplicación
orzamentaria inicial

Anualidade

Crédito inicial publicado

Redistribución

Crédito definitivo

05.26.331A.490.0

2020

1.878.333,00

-393.857,63

1.484.475,37

05.26.331A.790.0

2020

7.850,00

+369.394,57

377.244,57

05.26.331A.490.0

2021

2.817.500,00

-563.217,68

2.254.282,32

05.26.331A.790.0

2021

11.775,00

+346.537,14

358.312,14

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza