Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 10 de xuño de 2020 Páx. 22853

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2020 pola que se modifican os prazos de execución e xustificación recollidos na Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021.

O 29 de novembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 228 a Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021.

A devandita resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de promoción e dinamización con motivo da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 2021 que se celebren entre o 1 de maio de 2020 e o 30 de abril de 2021, co obxectivo principal de lograr unha programación sociocultural cara ao Xacobeo 2021 para a promoción e potenciación de Galicia, así como reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia Comunidade Autónoma, tales como exposicións, mostras, intervencións, exhibicións, concertos, feiras e festivais, publicacións, creacións audiovisuais, talleres, xornadas de formación, conferencias, charlas, encontros, foros, actividades deportivas dirixidas, torneos, mostras gastronómicas, catas e degustacións, actividades de formación e intercambio, e outras.

O artigo 16 das citadas bases reguladoras establece os seguintes prazos de execución e xustificación das axudas concedidas:

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de maio de 2020 e o 31 de outubro de 2020, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2020.

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de novembro de 2020 e o 30 de abril de 2021, o prazo de xustificación rematará o 30 de maio de 2021.

Mediante Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declárase o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. O estado de alarma declarado foi prorrogado ata o 21 de xuño de 2020, someténdose ás mesmas condicións establecidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

As restricións á libre circulación de persoas acordadas polas autoridades incide directamente no obxecto desta convocatoria que vai dirixida ao desenvolvemento de accións e actividades que maioritariamente implican a concentración de público nun espazo común que deben compartir o que supoñe un incremento do risco de contaxio polo COVID-19, polo que se fai preciso revisar os prazos de execución e xustificación dos proxectos imputables á anualidade 2020, posto que se ven directamente afectados polas medidas anteditas.

En relación cos procedementos administrativos, o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo publicado no DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo, pola Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, dispón no seu punto segundo:

«As consellerías competentes adoptarán, de acordo coa lexislación aplicable, as medidas de ampliación de prazos que sexan precisas nos procedementos en tramitación, para posibilitar o seu cumprimento polos cidadáns.

Así mesmo, adoptaranse as medidas precisas para posibilitar o cumprimento dos requisitos establecidos nas correspondentes bases reguladoras aos beneficiarios de subvencións.

Procurarase en todos os casos que sexa posible a tramitación telemática dos procedementos evitando a presenza física do público nas oficinas e rexistros».

Adicionalmente, cabe considerar que, ao non ser resolta a convocatoria, non existen dereitos creados fronte á Administración, a favor dos seus potenciais beneficiarios, ao así dispoñelo expresamente os artigos 24.6 da Lei 38/2003, do 18 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 21.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia «as propostas de resolución provisional e definitiva non crean dereito ningún a favor do beneficiario proposto fronte á Administración mentres non se notificase a resolución de concesión».

Na presente convocatoria non se ditou resolución de concesión nin, por tanto, notificación ningunha, sen que se resolvese o procedemento, non existindo dereito ningún a favor das persoas solicitantes, que non chegaron a adquirir, así, o carácter de beneficiarias.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Os proxectos presentados ao abeiro da Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021, executaranse entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021. O prazo de xustificación rematará o 15 de outubro de 2021.

Todos/as os/as solicitantes poderán solicitar no prazo de 15 días hábiles contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, o cambio de datas para a execución dos proxectos que tiñan presentados no ámbito temporal recollido no punto anterior.

Segundo. Incrementar na anualidade 2021, tras o correspondente reaxuste de anualidades, os créditos reservados para a anualidade de 2020 polo importe de 1.800.000,00 €, con cargo aos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para o ano 2021, nas seguintes aplicacións orzamentarias e contías:

11.A2 761A 760.0: 300.000,00 €.

11.A2 761A 770.0: 600.000,00 €.

11.A2 761A 781.0: 900.000,00 €.

Terceiro . Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

Mª Nava Castro Domínguez
Directora de la Agencia Turismo de Galicia