Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 11 de xuño de 2020 Páx. 22924

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se acorda a desistencia do procedemento do programa Conecta con Galicia 2020, regulado pola Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se convoca para o ano 2020 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior (código de procedemento PR930A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do devandito decreto desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración publicou a Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se regula e se convoca para o ano 2020 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior (código de procedemento PR930A), DOG núm. 37, do 24 de febreiro.

Esta resolución está orientada a promover a participación da colectividde galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e de tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.

As persoas beneficiarias deste programa son mozos e mozas galegos ou descendentes de galegos, de nacionalidade española, que residen no exterior, con idades comprendidas entre os 15 e 20 anos, na modalidade de aire libre, así como o persoal monitor acompañante.

Estas axudas, de conformidade co establecido na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, teñen a consideración de axudas en especie.

A citada resolución establecía, no seu artigo 6, un prazo de presentación de solicitudes dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 24 de marzo de 2020.

Ese prazo foi interrumpido polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada por COVID-19, e no punto sétimo da Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante a que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, decretouse a suspensión dos termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas normas ditáronse como consecuencia de que a Organización Mundial da Saúde elevase o pasado 11 de marzo de 2020 a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada por COVID-19 a pandemia internacional.

A declaración de COVID-19 como pandemia internacional provocou que os membros do Consello Europeo da Unión Europea acordasen o 17 de marzo aplicar unha restrición temporal das viaxes non imprescindibles desde terceiros países á Unión Europea e a países asociados Schengen, cuxo obxecto é limitar a expansión do contaxio de COVID-19.

Como consecuencia deste acordo do Consello Europeo, o Ministerio do Interior do Goberno de España ditou a Orde INT/270/2020, do 21 de marzo, pola que se establecen criterios para a aplicación dunha restrición temporal de viaxes non imprescindibles desde terceiros países á Unión Europea e países asociados Schengen por razón de orde pública e saúde pública con motivo da crise sanitaria ocasionada por COVID-19.

Estas restricións impostas nas fronteiras aéreas españolas, a existencia dunha prohibición de viaxar desde terceiros países á Unión Europea e países asociados Schengen e a previsión de que estas prohibicións se manteñan nos vindeiros meses afectan directamente ao obxecto do contrato do servizo de desprazamento dos participantes no programa Conecta con Galicia, polo que resultaría imposible o desprazamento das persoas participantes no programa Conecta con Galicia desde os seus países de orixe en América, Europa e resto de España ata Galicia e desde Galicia ata o seu país de orixe.

Polo tanto, estas causas de forza maior non imputables á Administración fan necesario desistir do procedemento de contratación, xa que resulta imposible garantir que as persoas beneficiarias do programa Conecta con Galicia 2020 poidan viaxar desde os seus países de orixe en América ata Galicia e regresar e que, ademais, poidan viaxar de forma segura para a súa saúde e para a saúde das persoas en Galicia, debido a que a evolución da pandemia de COVID-19 está a ser diferente en cada país do mundo.

O artigo 93 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), faculta as administracións públicas a desistir motivadamente dos procedementos iniciados de oficio, nos supostos e cos requisitos previstos nas leis.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Desistir do procedemento do programa Conecta con Galicia 2020, regulado pola Resolución do 30 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2020 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior (código de procedemento PR930A).

Contra esta resolución cabe interpor de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela 3 de xuño de 2020

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración