Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23225

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2020 pola que se modifica a Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020.

Mediante a Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 (DOG núm. 21, do 30 de xaneiro de 2019), aprobáronse as normas para a xestión do procedemento de concesión directa das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020, que se incorporan á citada resolución como anexo I.

O réxime de xustificación dos investimentos subvencionados prevé, nos termos establecidos no artigo 12.6 do citado anexo I, que Agader realice unha visita in situ para comprobar o remate da obra obxecto de solicitude de pagamento.

Deste xeito, a comprobación material dos investimentos, mediante a visita de control, reforzaría a comprobación que resulta da revisión dos documentos que os concellos deben presentar xunto coa solicitude de pagamento para asegurar a realización da actividade subvencionada; en particular, a certificación final de obra, e a súa aprobación por parte do órgano municipal competente, as facturas e os xustificantes de pagamento, a reportaxe fotográfica que reflicte o curso da execución das obras, así como o informe co resultado do control da calidade destas.

A declaración da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, así como a declaración do estado de alarma, declarado mediante o Real decreto 436/2020, do 14 de marzo, co fin de afrontar a situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19, supuxo que, en atención ás medidas sanitarias adoptadas, non se realizasen as visitas de control in situ respecto daqueles expedientes que presentaran a solicitude de pagamento final e respecto dos cales aínda non se resolveu o correspondente pagamento.

Esta situación procedemental, que ocasionou un certo atraso na tramitación administrativa durante a vixencia do estado de alarma require que, unha vez superado este, se adopten as medidas pertinentes para axilizar o control e tramitación de todas as solicitudes de pagamento presentadas polos concellos beneficiarios.

O artigo 30.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que nas subvencións de capital superiores a 60.000 € no seu cómputo individual, destinadas a investimentos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte do órgano concedente. Non obstante o anterior, o punto cuarto do mesmo artigo dispón que, excepcionalmente, a comprobación material se poderá substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Así pois, a situación excepcional, segundo o exposto, vén motivada pola actual pandemia de COVID-19 que ocasionou, como se expuxo, un certo atraso na tramitación administrativa e, por mor das restricións de movemento impostas como consecuencia das medidas sanitarias adoptadas, determinou dificultades administrativas excepcionais para planificar e executar as visitas de control previas ao pagamento. Todas estas dificultades están a atrasar a realización dos controis e o conseguinte pagamento da axuda. Cunhas consecuencias económicas derivadas desta crise sanitaria aínda por determinar, cómpre, na medida do posible, axilizar o procedemento de pagamento das axudas, co fin de reembolsar aos concellos beneficiarios o importe da subvención xustificada e aliviar posibles dificultades financeiras.

Tendo en conta o anterior, a comprobación da realización dos investimentos e do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención fundamentarase na revisión dos documentos que deban presentarse xunto coa solicitude de pagamento final, nos termos previstos no artigo 12 do anexo I da Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020; todo iso sen prexuízo do dereito que reserva para si Agader de realizar as citadas visitas naqueles casos nos cales da revisión documental non resulte suficientemente acreditado o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a axuda.

Tendo en conta o anterior, o director xeral de Agader, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección de Agader do 11 de xullo de 2013, feito público meidante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVE:

Artigo único. Modifícase a Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020, nos seguintes termos:

O número 6 do artigo 12 do anexo I queda redactado como segue:

«6. Agader poderá realizar unha visita de control in situ para comprobar o remate da obra obxecto de solicitude de pagamento final. Os gastos xustificados deben coincidir coa certificación de fin de obra presentada».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante o xulgado contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural