Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Sábado, 13 de xuño de 2020 Páx. 23502

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, polo que se aproban medidas adicionais de aplicación á reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial derivado do estado de alarma.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 12 de xuño de 2020, adoptou o seguinte acordo:

«Acordo polo que se aproban medidas adicionais de aplicación á reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial derivado do estado de alarma

A Resolución do 8 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG número 89, do 9 de maio, deu publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de maio de 2020, polo que se aprobou o Protocolo polo que se establecen a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19.

No punto 3 do Protocolo establécense previsións para a reincorporación ao posto de traballo de determinados colectivos de empregados públicos, especificamente para o persoal que teña necesidades de conciliación da vida familiar e laboral, para o persoal considerado vulnerable e, finalmente, medidas especiais de teletraballo.

Neste sentido, o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes e extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19, fixa, no seu artigo 5, que “se establecerán sistemas de organización que permitan manter a actividade por mecanismos alternativos, particularmente por medio do traballo a distancia”. Na disposición derradeira décima fíxase que “con carácter xeral, as medidas previstas no presente real decreto lei manterán a súa vixencia ata un mes despois da fin da vixencia da declaración do estado de alarma”.

A este respecto, o Real decreto lei 15/2020, do 21 de abril, de medidas urxentes complementarias para apoiar a economía e o emprego, establece no artigo 15, para o efecto da duración das medidas de fomento do teletraballo, que se “manterá vixente durante os dous meses posteriores ao cumprimento da vixencia prevista no parágrafo primeiro da disposición derradeira décima do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo”.

Igualmente, o Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establece no artigo 7.1.e) que se deberán “adoptar medidas para a reincorporación progresiva de forma presencial aos postos de traballo e a potenciación do uso do teletraballo cando, pola natureza da actividade laboral, sexa posible”.

De acordo co que antecede e co obxectivo de compatibilizar a reincorporación presencial aos postos de traballo coa conciliación da vida persoal e laboral e a protección ante o risco de contaxio fronte ao COVID-19, adóptanse as seguintes medidas que resultan de aplicación ao procedemento de reincorporación ao traballo presencial:

1. O persoal que teña ao seu cargo fillos ou fillas menores de 16 anos, persoas con discapacidade ou maiores dependentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que convivan no domicilio familiar e se vexa afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores poderá seguir prestando o seu traballo en réxime de teletraballo durante a terceira fase, sempre que non sexa compatible a súa situación persoal con medidas especiais de flexibilidade da xornada laboral.

Os empregados públicos deberán acreditar adecuadamente a concorrencia das circunstancias anteriormente indicadas e a imposibilidade de alternancia co outro proxenitor (deberase acreditar tamén se é familia monoparental). No caso de que previamente fose acreditada documentalmente algunha destas circunstancias, manifestarao na súa solicitude.

Este persoal, tras a finalización da terceira fase, poderá excepcionalmente ser autorizado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería ou pola persoa responsable en materia de persoal do organismo autónomo ou axencia pública da súa adscrición a continuar en teletraballo, logo de informe favorable do responsable do centro directivo en que presta servizos, ata os tres meses posteriores ao remate da vixencia do estado de alarma.

Esta mesma previsión seralles de aplicación ás empregadas públicas embarazadas mentres dure esa situación.

2. O persoal empregado público que con anterioridade ao estado de alarma estivese autorizado a teletraballar (Instrución conxunta do ano 2013) seguirá tendo dereito ao seu exercicio.

O réxime de teletraballo para este persoal, así como para o persoal que ten concedida a modalidade de teletraballo polo COVID-19, sempre que as necesidades do servizo o permitan durante a terceira fase e a súa prórroga, se a houber, poderase estender a semanas completas alternando unha semana de teletraballo con outra de presenza física ou calquera outra modalidade de teletraballo ou presencial. A solicitude do interesado deberá contar co informe favorable do responsable do centro directivo en que presta servizos. Esta extensión da duración do teletraballo será autorizada, de ser o caso, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería ou pola persoa responsable en materia de persoal do organismo autónomo ou axencia pública da súa adscrición.

3. Ao persoal que presente solicitude e acredite circunstancias especiais poderáselle autorizar, excepcionalmente, o mantemento ou establecemento dalgún réxime de teletraballo combinado ou non con algún tipo de modificación de xornada polo mesmo procedemento, informe e autorización sinalado anteriormente. O prazo máximo de autorización rematará, en todo caso, unha vez que transcorran os tres meses posteriores á finalización da declaración do estado de alarma.

4. Constituirase unha comisión de seguimento presidida polo director xeral da Función Pública ou funcionaria/o público en que este delegue, un membro de cada unha das organizacións sindicais que ratifiquen este documento e un número igual de membros da Administración elixidos entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Facenda. Esta comisión terá como funcións a vixilancia, a interpretación e o seguimento do contido do documento».

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza