Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 15 de xuño de 2020 Páx. 23638

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 91/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade de tres treitos antigos da estrada provincial EP-4006 Ponteareas-As Neves a prol do Concello das Neves.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 12 de novembro de 2018, o Concello das Neves, por Acordo plenario do 5 de setembro de 2018, solicita á Deputación Provincial de Pontevedra a transferencia do treito antigo da EP-4006, que discorre polo núcleo urbano do Rabelo, entre os puntos quilométricos 11+130 e 11+930.

Unha vez rematadas as obras correspondentes ao proxecto de mellora da mobilidade peonil no treito antigo da EP-4006, do punto quilométrico 11+130 ao punto quilométrico 11+930, núcleo do Rabelo, o seu trazado, a lonxitude e as novas características funcionais, cunha senda reservada a peóns e ciclistas, segundo o establecido na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e no Regulamento xeral de estradas de Galicia, non reúne as características propias dunha estrada provincial. Así mesmo, a transferencia ao Concello facilitará levar un control máis directo sobre estes garantindo un mellor mantemento dos treitos e tamén evitará as posibles ocupacións indebidas no dominio público.

A Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión extraordinaria do día 5 de novembro de 2019, dá a súa conformidade ao cambio de titularidade proposto dos tramos definidos no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de maio de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello das Neves de:

Clave

Denominación

p.q.i

p.q.f

Marxe

Treito antigo EP-4006

Ponteareas-As Neves

11+130

11+750

11+900

11+650
11+850
11+970

MD

ME

ME

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello das Neves deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello das Neves, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de maio de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade