Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 17 de xuño de 2020 Páx. 24118

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2020/21.

O Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o Plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 5.1 establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 56.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo do dito decreto establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estes estudos superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais en desenvolvemento do citado Decreto 174/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9, regula, respectivamente, os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características desta proba específica, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

Por outra banda, o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, fixa os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de Música e Artes Escénicas, de Idiomas, Deportivas, de Conservación e Restauración de Bens Culturais e nos estudos superiores de Deseño. Así mesmo, a Instrución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a aplicación de prezos públicos nas ensinanzas de réxime especial, do 5 de xuño de 2015, establece o procedemento para a xestión do establecido no devandito decreto.

Publicada a Resolución do 22 de maio de 2020, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019/20, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería.

Por todo o exposto, esta dirección xeral, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, resolve convocar probas de acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2020/21, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para o acceso aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou título declarado equivalente para os efectos académicos, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 56.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De conformidade co establecido nos artigos 4.1 e 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais terá por obxecto demostrar que o/a aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos, será única para as diferentes especialidades destes estudos superiores e terá carácter unificado para todas as persoas aspirantes. As características e a cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais axustaranse ao disposto no artigo 5 da citada orde.

3. En consonancia co artigo 4.4 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso faculta unicamente para a participación do/da aspirante no proceso de admisión a estas ensinanzas no curso para o que son convocadas e realizadas, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Poderanse presentar á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomatura poderá presentarse á devandita proba se o título universitario de diplomatura quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

5. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no proceso de acceso e admisión e realizar a devandita proba e, no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez que estean en posesión do título de bacharelato.

6. De conformidade co establecido no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos non cumpran os requisitos xerais de titulación, deberán acreditar que posúen os coñecementos, as habilidades e as aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A devandita proba desenvolverase segundo o establecido no anexo I desta resolución.

Segunda. Acceso directo

1. Poderá acceder ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

2. Os/as aspirantes que opten polo acceso directo deberán formalizar igualmente a súa inscrición no proceso de acceso e admisión segundo o procedemento e calendario establecido nesta resolución.

3. No caso de que a persoa aspirante estea pendente da avaliación do proxecto final ou da avaliación final de ciclo, para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2019/20 e, en consecuencia, non dispoñan do título antes de finalizar o prazo de inscrición, poderán, igualmente, formalizar a súa inscrición para o acceso e a admisión aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e deberán presentar a certificación de ter solicitado o devandito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido nesta resolución.

Terceira. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, os/as aspirantes ao acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás devanditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Cuarta. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

Conforme co establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades dos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais reservaranse, adicionalmente, as prazas necesarias en cada especialidade impartida, para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, e que reúna os requisitos académicos establecidos.

Quinta. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e a admisión

1. Acceso. Tribunal.

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, a realización, a avaliación e a cualificación das probas específicas de acceso constituirase o tribunal que figura no anexo II desta resolución. A dirección da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia adoptará as medidas oportunas relacionadas coa dispoñibilidade de espazos e medios para a realización das probas, en colaboración coa presidencia do tribunal e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

2. Admisión. Comisión de admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, se é o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo II desta resolución.

Sexta. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 29 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais deberá expor no seu taboleiro de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas.

2. Con carácter xeral, as solicitudes deberán realizarse de xeito telemático cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.es/eas, e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente na secretaría da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición na Secretaría da escola.

3. Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude xunto coa documentación requirida na Secretaría da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Sétima. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia de DNI, NIE ou pasaporte.

b) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), consonte un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso:

– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado na secretaría da escola).

– Modelo A I, xerado electronicamente e impreso desde a ligazón: http://www.atriga.gal/es/tributos-da-comunidade-autonoma/taxas-e-prezos/confeccion-on-line-impresos

– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.

c) Documentación académica, segundo proceda:

– Título de bacharelato ou titulación equivalente.

– Certificación académica do bacharelato con indicación de materias pendentes.

– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Certificación académica do título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño cursado, no caso de optar pola quenda de acceso directo.

– Título universitario que cumpra as condicións establecidas no punto 4 da instrución primeira desta resolución.

– Certificado de superación da proba substitutiva do requisito de titulación correspondente a convocatorias anteriores.

d) Pendente de realizar a proba que substitúe o requisito de titulación. Esta circunstancia farase constar na solicitude, a súa admisión quedará condicionada á superación do requisito correspondente.

e) Documento acreditativo do grao de discapacidade, e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.

f) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Oitava. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Novena. Publicacións da listaxe de inscrición

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a relación provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión. A devandita listaxe será exposta no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia o día 30 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: http://www.edu.xunta.gal

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional os días 1 e 2 de xullo, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizou a inscrición (ou a través do correo electrónico xsere@edu.xunta.gal).

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 3 de xullo no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, así como no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: http://www.edu.xunta.gal

Décima. Lugar, datas e desenvolvemento das probas de aceso

1. A proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá lugar o día 6 de xullo no IES As Fontiñas, de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución e de acordo co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais desenvolverase o día 13 de xullo na da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, segundo figura no anexo II desta resolución e de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016.

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia organizará a distribución horaria e de espazos de ocupación do tribunal que actúe nela.

3. No caso de que as circunstancias sanitarias non permitiran o correcto desenvolvemento das probas de acceso con carácter presencial nas datas indicadas, as direccións dos centros, de acordo cos tribunais correspondentes, poderán habilitar as medidas que consideren oportunas para a súa realización, ou dunha parte destas, de forma telemática.

Décimo primeira. Adxudicación de prazas

As vacantes existentes adxudicaranse segundo a prelación resultante das cualificacións obtidas polas persoas aspirantes na proba específica de acceso ou, se for o caso, da cualificación media do expediente académico do/da aspirante.

O día 22 de xullo, a comisión de admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, http://www.edu.xunta.gal, a listaxe definitiva de persoas admitidas.

Décimo segunda. Admisión do alumnado que superou as probas de acceso e os que optaron polo acceso directo

De conformidade co artigo 4.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, a porcentaxe de prazas sobre o total para os/as aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño é do 20 %. O 80 % restante das prazas ofertadas será asignado mediante a proba específica de acceso.

O criterio de prelación na asignación das prazas dispoñibles para o acceso directo a cada especialidade dos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais será o establecido pola mellor cualificación media final do expediente académico do ciclo formativo de grao superior en Artes Plásticas e Deseño alegado por cada aspirante. Cando o ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño fose cursado segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) a nota calcularase segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004, pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia; no caso de ciclos cursados segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE) a nota calcularase segundo se dispón no artigo 19.9 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño. No caso de graduados en Artes Plásticas e Oficios Artísticos, a cualificación que se vai ter en conta será a obtida na reválida ou proxecto final do Plan de estudos de 1963.

Para os efectos do cálculo da cualificación media final do expediente académico das persoas inscritas que soliciten acceder aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais aplicaranse, cando cumpra, as seguintes equivalencias, agás que no expediente académico do/da inscrito/a consten explicitamente as cualificacións numéricas das disciplinas. Neste caso serán as que se teñan en conta:

• Suficiente/aprobado: 5,5.

• Ben: 6,5.

• Notable: 7,5.

• Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

No caso de non quedaren cubertas as prazas correspondentes ao acceso directo, estas prazas serán asignadas aos/ás aspirantes que superaron a proba específica.

Décimo terceira. Matrícula

1. Os/as aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula entre os días días 23 y 29 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para a formalización das solicitudes de matrícula, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única solicitude de matrícula na Secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada polo/a aspirante. A non formalización da solicitude de matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas que valorará a dirección da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, implicará a perda do dereito á praza asignada para cursar estas ensinanzas no ano académico 2020/21.

3. Rematado o prazo ordinario de matrícula, o día 30 e xullo, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia remitirá á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a listaxe de alumnado matriculado, así como a relación de prazas vacantes.

4. O día 31 de xullo a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publicará no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal) a lista de espera para a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, por quenda de acceso.

5. No caso de quedaren prazas vacantes, o centro poderá realizar probas de acceso extraordinarias no mes de setembro, de acordo co establecido nesta resolución. Para tal fin, o centro establecerá un calendario destas na primeira quincena de setembro e fará públicas as vacantes no taboleiro de anuncios e na páxina web do centro. Finalizado o proceso, o centro comunicará á dirección xeral competente en materia de educación o resultado destas probas e, de ser o caso, o número de prazas que quedasen sen cubrir.

6. A posta en marcha do 1º curso destas ensinanzas estará condicionada á existencia dun mínimo de 10 alumnos/as admitidos/as, non cuantificándose, para estes efectos, o alumnado repetidor.

Décimo cuarta. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. De acordo co establecido no artigo 30 da Orde do 21 de novembro de 2016, a cualificación das probas de acceso poderá ser obxecto de reclamación perante o director ou directora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que a someterá ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou a directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de dous días.

2. Contra a resolución emitida en resposta ás reclamacións das probas de acceso, a persoa interesada poderá presentar recurso de alzada perante a Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial poñerá fin á vía administrativa.

3. Tamén poderán ser obxecto de reclamación os acordos e as decisións sobre a asignación de prazas, mediante escrito fundamentado na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dirixida á comisión de acceso, e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo: xsere@edu.xunta.gal

Décimo quinta. Medidas de prevención

Durante a realización das probas respectaranse todas as medidas de prevención e hixiene recollidas na Resolución do 22 de maio de 2020, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019/20, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería ou calquera outra medida establecida para os centros educativos.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa

ANEXO I

Proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación de bacharelato para acceder ás ensinanzas artísticas superiores

1. A proba substitutiva do requisito de titulación establécese no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en desenvolvemento do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A esta proba poderán presentarse os/as aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente, non teñan superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e fagan os 18 anos en 2020.

3. As persoas inscritas deberán ter feito constar o seu desexo de realizar esta proba na epígrafe correspondente da inscrición e para a súa realización deberán presentar o día da proba o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

4. As probas realizarase en Santiago de Compostela no IES As Fontiñas, rúa de Estocolmo, número 5; o día 6 de xullo, de acordo co seguinte horario:

– 9.00 horas: presentación.

– Das 9.30 ás 10.30 horas: Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).

– Das 10.30 ás 11.30 horas: Lingua Castelá e Literatura.

– Das 12.00 ás 13.00 horas: Lingua Galega e Literatura.

– Das 13.00 ás 14.00 horas: Filosofía.

– Das 16.00 ás 17.00 horas: Historia de España.

5. Características da proba:

• Lingua estranxeira: Inglés ou Francés (elixir unha).

Inglés:

A proba consta de 9 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Primeira parte: 8 cuestións tipo test relacionadas cun texto. O candidato ou a candidata deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta de cada pregunta tipo test na táboa de solucións ás preguntas.

– Segunda parte: 1 cuestión que exixe unha redacción por parte da persoa candidata.

Puntuación: 1 punto por cada reposta correcta na primeira parte, a puntuación máxima é de 8 puntos. A segunda parte da proba valorarase con 2 puntos máximos. Corresponde co exercicio de redacción.

Francés:

A proba consta de 5 preguntas relacionadas coa temática dun texto e distribuídas da seguinte forma:

– Preguntas 1 á 4: cuestións de resposta breve.

– Pregunta número 5: cinco cuestións tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción entre as tres ofertadas e sinalar a resposta correcta no cadro correspondente na táboa de solucións.

Puntuación: as preguntas 1, 2, 3 e 4 valoraranse con 2 puntos máximo cada unha. A pregunta número 5 valorarase cada epígrafe con 0,40 puntos, ata un total de 2 puntos.

• Lingua Castelá e Literatura:

A proba consta de 5 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Exercicios 1, 2 e 3: cuestións relacionadas cun texto.

– Exercicio 4: unha cuestión de expresión escrita.

– Exercicio 5: dez cuestións tipo test. Cumprirá elixir unha única resposta correcta para cada pregunta e sinalala na táboa de solucións ás preguntas.

Puntuación: 1 punto por cada pregunta referida ao texto. 2 puntos polo exercicio de redacción. 0,50 puntos por cada pregunta tipo test (neste exercicio descontaranse 0,125 puntos por cada resposta errada).

• Lingua Galega e Literatura:

A proba consta de 5 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Exercicios 1, 2 e 3: cuestións relacionadas cun texto.

– Exercicio 4: unha cuestión de expresión escrita.

– Exercicio 5: dez cuestións tipo test. Cumprirá elixir unha única resposta correcta para cada pregunta e sinalala na táboa de solucións ás preguntas.

Puntuación: 1 punto por cada pregunta referida ao texto, 2 puntos polo exercicio de redacción, 0,50 puntos por cada pregunta tipo test (descontaranse 0,25 puntos por cada resposta errada).

• Filosofía:

A proba consta de 10 exercicios tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta a cada pregunta tipo test na táboa de solucións ao final do exame.

Puntuación: cada resposta correctamente contestada sumará 1 punto. Cada resposta incorrecta descontará 0,25 puntos.

• Historia de España:

A proba consta de 10 exercicios tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta a cada pregunta tipo test na táboa de solucións ao final do exame.

Puntuación: cada resposta correctamente contestada sumará 1 punto. Cada resposta incorrecta descontará 0,25 puntos.

Non existirá, en ningunha das materias, penalización no caso de non responder as cuestións que, nese caso, serán cualificadas cun 0.

6. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais de bacharelato (Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia).

Valoraranse os coñecementos e o grao de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

7. Cualificación da proba.

A proba de acceso substitutiva do requisito de titulación será cualificada con termos de apto/a e non apto/a.

8. Listaxe de resultados e período reclamacións.

Unha vez concluída a proba, o tribunal publicará a listaxe provisional de persoas que superaron e as que non superaron a proba, o día 7 de xullo, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 8 e 9 de xullo, ante o/a presidente/a do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través do correo electrónico xsere@edu.xunta.gal, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión.

As cualificacións definitivas publicaranse o día 10 de xullo, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Emisión de certificación.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes que superaron a proba, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa remitirá, o día 14 de xullo, os correspondentes certificados de ter superada a proba aos centros onde os aspirantes realizaron a inscrición.

10. Validez das probas.

De conformidade co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba de acceso substitutiva do título de bacharelato para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá validez permanente en todo o territorio nacional.

11. Tribunais das probas substitutivas do requisito de titulación de bacharelato.

O tribunal cualificador das probas substitutivas do requisito de titulación de bacharelato será nomeado por resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

ANEXO II

Probas específicas para o acceso ás ensinanzas superiores de Conservación
e Restauración de Bens Culturais

1. As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en desenvolvemento do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas inscritas deberán presentar para a realización da proba o seu documento oficial de identidade e copia da folla de solicitude de inscrición.

3. Realizaranse na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, rúa Xeneral Martitegui, s/n, Pontevedra, o día 13 de xullo, de acordo co calendario e o horario que estableza o tribunal encargado da súa realización e cualificación.

4. A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais constará de dous exercicios:

a) Primeiro exercicio:

Este exercicio consistirá na análise dun texto relacionado cos bens culturais, nun tempo máximo de noventa minutos, e terá como obxecto apreciar a madureza e a formación xeral do alumnado, especialmente no referente á compresión de conceptos, utilización da linguaxe e capacidade de síntese e relación. A cualificación do exercicio oscilará entre 0 e 40 puntos.

b) Segundo exercicio. Aptitude plástica.

Inclúe as seguintes probas:

1ª. Realización dun debuxo do natural, de enfoque mimético e con modelo real, exento e inanimado. Valorarase a fidelidade na representación, a calidade do grafismo e a precisión e acabamento do traballo.

2ª. Realización dun traballo sobre representación da cor. Considerarase a correcta utilización das técnicas empregadas e o grao de comprensión dos valores e calidades da cor.

3ª. Realización dun traballo práctico para a valoración das aptitudes específicas que requiren os estudos de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Considerarase a habilidade manual, a meticulosidade e a pulcritude na realización do traballo.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será establecido polo tribunal de acceso. Este exercicio terá por obxecto apreciar as aptitudes das persoas aspirantes, tanto plásticas como específicas, para a conservación e restauración. A súa cualificación será a media aritmética da puntuación obtida en cada epígrafe, que se cualificará entre 0 e 20 puntos.

5. A cualificación global da proba de acceso específica resultará da media ponderada das cualificacións obtidas nos distintos exercicios. O primeiro ponderarase un 40 % e o segundo nun 60 %. Para a superación da proba de acceso exixirase unha cualificación igual ou superior a 5 puntos.

6. Concluída a proba específica, e antes do día 17 de xullo, o tribunal publicará a listaxe de aspirantes presentados/as con expresión da cualificación final obtida na proba específica, e aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e remitirán a devandita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

7. Os/as aspirantes poderán reclamar contra a cualificación obtida, segundo o establecido nesta resolución, durante os días 17 e 20 de xullo.

8. O/a director/a da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia deberá resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, logo de informe do tribunal avaliador, e publicará o día 21 de xullo a listaxe definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, achegando a dita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

9. Logo da publicación da listaxe coas cualificacións definitivas dos/das aspirantes, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia remitirá á comisión de admisión a proposta de alumnos/as admitidos/as por quenda de acceso mediante proba específica e por quenda de acceso directo, con expresión de aspirantes admitidos e aspirantes en listaxe de espera.

10. A comisión de admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o día 22 de xullo, a listaxe definitiva de admitidos/as.

11. Tribunal encargado da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidenta

Carmen Lorenzo Rivera

Andrea Fernández Arcos

Secretaria

Cristina Montojo Santos

Araceli Torres Fernández

Vogal 1ª

Emma Pérez Teijeiro

Ana Villarquide Jevenois

Vogal 2ª

Sonia Seco Lanzós

Rosario López Díaz

Vogal 3º

Antón Pereira Abonjo

José Quinteiro Alonso

12. Comisión de admisión aos Estudos Superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Presidente: Juan Durán Alonso.

Secretaria: María Rosario Ureña Lara.

Vogal: Gonzalo Porral Mato.

13. A superación da proba de acceso aos Estudos Superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais faculta, unicamente, para matricularse no curso académico para a que fose convocada.